CRÓNICA DO GALIÑEIRO: a misteriosa desaparición do galo Manuel (6 - 10 - 2022).

  Nesta semana vivíronse no noso cole momentos asombrosos! Dende a explosión dun ovo fétido ata a desaparición da parella da nosa galiña Rosalía. Comecemos dende o principio:

  A PASADA FIN DE SEMANA chegou a primeira pita habitante do noso galiñeiro, ela é Rosalía, unha pitiña negra que chegou de noite da man de Montse, Diego e Amable (nai, irmán e avoa de Álex) tapadiña nunha caixa e acompañada dos dous ovos que estaba rematando de incubar.

  Rosalía estaba destinada a ser a nai adoptiva dos ovos que tiñamos na incubadora. Lastimosamente, os ovos non foron adiante así que depositamos as nosas esperanzas neses outros dous que Rosalía traía consigo.

  O LUNS fomos correndo a ver a Rosalía e comprobar se naceran pero o ansiado momento non acababa de chegar.

  O MARTES apareceu o galo Manuel, pequeniño pero impetuoso e, dado que os ovos de Rosalía non naceran decidimos abrilos. Aquí é onde se produciu a EXPLOSIÓN INESPERADA que colleu de sorpresa aos alí presentes deixando un aroma indescriptible nos arredores do horto.

  Coa idea de que a natureza seguira o seu curso e nos regalara os tan ansiados pitiños, decidimos aumentar as posibilidades traendo ao cole dúas galiñas máis. Hoxe XOVES, Yolanda (nai de Theo), trouxo dúas pitiñas novas que fomos levar a primeira hora ao galiñeiro.

  Foi nese momento cando nos decatamos do sorprendente suceso: O GALO MANUEL NON ESTABA NO GALIÑEIRO! Deixamos ás dúas pitiñas dentro e rapidamente iniciamos unha procura que resultou infructuosa.

  Precisabamos axuda de todo o cole así que o alumnado de Infantil percorreu todas as aulas informando da desaparición e emprazando a todos e a todas a unha procura exhaustiva na hora do recreo.

  Todo o mundo participou e, grazas ás dotes detectivescas do noso alumnado, puidemos atopar as pistas en forma de plumas negras e varios buratos por onde poida que Manuel se fugase.

  Seguiremos investigando e informaremos de calquera avance nas nosas pesquisas.

  Esta é unha FOTO DE ARQUIVO do noso galo. Rogamos a quen o vexa que avise axiña ao colexio. Grazas pola vosa colaboración.