VISITA AO CONCELLO, XINCANA DE XOGOS E FESTA NO ÚLTIMO DÍA DE CURSO (21 - 06 - 2023).

   Rematou o curso 2022 - 2023 e neste último día tivemos unha xornada chea de actividades: 

   Comezamos realizando unha saída ata o Concello de Bóveda onde fomos recibidos polo alcalde e pola Concelleira de Cultura e Educación.

    No salón de actos contestaron a todas as nosas preguntas e compartiron con nós unha fermosa presentación en vídeo do noso Concello. Antes de despedirnos regaláronnos un pin co escudo de Bóveda explicándonos a súa simboloxía: os tres ríos do Concello e as catorce parroquias.

   Seguidamente fomos xogar ao parque da Filgueira e despois iniciamos o camiño de regreso polo fermoso paseo á beira do río.

   No cole estaba esperando por nós a xincana de xogos organizada polo profesorado e as familias: unha hora e media de xogos en diferentes estacións con merenda de froita incluída.

   E para rematar o día, despois da entrega de notas e materiais, fomos directos ao pavillón municipal a disfrutar da fantástica festa que tiña organizada a ANPA para o alumnado con demostracións das diferentes actividades extraescolares, música, baile e colchoneta incluída.

   Un día emocionante onde despedimos aos nosos compañeiros e compañeiras de sexto que marchan do cole e ao profe Fran que non estará con nós para o vindeiro curso. A todos e todas vós desexámosvos moita sorte nesta nova etapa e un feliz verán!

   Ata pronto!!