Día da biblioteca 2019

O 24 de outubro celebramos no noso cole o Día das bibliotecas escolares. Como en anos anteriores, aproveitamos esta data para presentar o PDI deste curso á comunidade educativa. Este curso académico o título escollido é "Incrible? Non!... está nas túas mans" co que pretendemos fomentar e favorecer a igualdade e a diversidade desde todo o traballo realizado desde a Biblioteca.

Cada grupo encargouse de presentar o que van a traballar nas súas aulas ao longo deste ano en relación á temática proposta. 

  • Alumnado de Ed. Infantil. Traballarán a coeducación e a igualdade de xénero a través do conto "Rosa caramelo" no cal a elefanta Margarita reivindica a igualdade de xénero para os nenos e nenas.
  • Alumnado de 1º de Ed. Primaria. Empregarán o conto de "Todo o mundo" para traballar a igualdade, xa que aínda que todos somos diferentes no noso interior podemos afirmar que todos somos iguais.
  • Alumnado de 2º de Ed. primaria. "Mercedes quere ser bombeira" é un conto para nenos e nenas que deben ler os adultos. Ensinaremos e aprenderemos a ser homes e a ser mulleres, a ser iguais e a ser diferentes á vez que transmitimos e configuramos as nosas filias e as nosas fobias. A igualdade entre os xéneros non é só unha postura ética e cívica, senón unha imperiosa necesidade nas nosas vidas e as nosas sociedades, é unha esixencia humana.
  • Alumnado de 3º e 4º de Ed. primaria. Presentaron a súa aportación ao PDI do centro que versará sobre as distintas profesións facendo fincapé nos estereotipos de xénero que a sociedade ten sobre as mesmas.
  • Alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria. Fixeron unha presentación da temática que traballarán "Cidadanía, igualdade e integración" por medio de linguaxe de signos.
  • Alumnado de Inglés. GOLDEN RULES. A participación da área de inglés no PDI do centro será a través das GOLDEN RULES. Eses comportamentos cotiás que fan que a nosa relación cos demais sexa o máis positiva e respectuosa cara aos outros. Saudar, desculparse, dar as grazas, compartir, …, Golden rules para o noso día a día. E o máis importante, … SMILE, PLEASE!

O alumnado de 4º de Ed. Primaria, tamén representou un teatriño de monicreques titulado " A cachiporra máxica" para recordarnos que a celebración do Samaín xa está "aí".

Para rematar, o alumnado de 5º de Ed. Primaria representou unha obra de teatro que eles mesmos elaboraron e titulada "A nosa biblioteca", co fin de iniciar a formación de usuarios do novo alumnado do noso centro aos que lles foi entregado o seu carné de biblioteca.