Skip to Content

De Sanatorio Santa Teresa a C.R.E. Santiago Apostol

Un dos edificiós de Campolongo que mantivo algunha relacion co noso centro foi o CRE Santiago Apostol.  Imos contar algunhas curiosidades  desta coñecida edificación que pasou de ser un sanatorio  a unha residencia de estudantes e finalmente un C.R.E. da ONCE (Organización Nacional de Cegos Españois). Axiña poremos unha entrevista que se lle fixo a un dos directores e que temos nunha das revistas da escola.

Dende 1906 até 1915 o  Sanatorio Santa Teresa  do médico  Don Celestino López de CastroEn 1920 compraron o edificio e a finca  os Irmáns Maristas  co propósito  de trasladar alí o Colexio Políglota Mercantil do Sagrado Corazón de Xesús, con internado incluído, que tiñan aberto de forma provisional na finca as Costiñas, de Tui. O custo da operación foron 500.000 pesetas.
Os Maristas, oriundos do sur de Francia (Loira)  ubicáronse polo norte de Galicia entre 1907 e 1909. Ofrecían as dúas ensinanzas graduadas,  comercio e idiomas.  As aulas en Pontevedra comezaron o 1 de setembro de 1920 e entre outras cousas o Francés era obrigatorio en todos os cursos. Outra das novidades importantes era o seu réxime de internado e de  medio pensionistas. Logo os seus estudos tiñan que ser revalidados no  único Instituto Nacional de Segunda Ensinanza que daquela había en toda a provincia de Pontevedra.
Dous colexios que facían boa competencia eran o Colexio Balmes de Gerardo Santos Méndez na praza de Méndez Núñez e o Colexio de Germán Adrio , na rúa Isabel II. Despois viría a Escola Nova de Hernán Poza, que revolucionou todo.  A filosofía dos Maristas tivo certa crítica polos métodos de ensinanza,  falábase moito de “a letra con sangue entra”. O centro presumía tamén de ter boas instalacións, entre outros campos tamén tiña pista de tenis. Todo un luxo nesa época. Logo a mecanografía, taquigrafía, contabilidade, etc, foron reclamo para aumentar as matrículas.  Como daquela o centro educativo estaba algo lonxe do centro da cidade, os Maristas ampliaron a súa oferta educativa na rúa Peregrina, nº 27, ocupando un baixo que pertencía a Matías de Cabo. Este lugar correspondería agora co entronque  da rúa Peregrina con Daniel de la Sota. O final do  Colexio dos Maristas chegou coa chegada da República, pois o ensino relixioso non  estaba nada apoiado polo nono sistema político. Colleu moita máis forza o Instituto Nacional de Secundaria que xa competía anteriormente cos Maristas, duplicando a súa capacidade e converténdose nunha competencia imbatible. Os Maristas recolleron as velas e marcharon para Vigo. A partir de 1934 o colexio transformouse nunha residencia de estudantes do Instituto de Pontevedra até que chegou a Guerra Civil. Durante a guerra  instalouse a Comunión Tradicionalista que capitaneaba Álvaro Losada Fernández .
En 1941 a ONCE  mercou o edificio e a finca por 500.000 pesetas para ter alí a súa Escola e Residencia que acollía a todo o seu alumnado interno da zona norte de España (Galicia, Asturias e  Cantabria) . Na compra describíase a finca como “Unha finca de figura irregular coñecida polo nome de Espincelo ou Abilleira e denominada A Florida, no lugar de Campolongo, parroquia de San Martín de Salcedo, término municipal de Pontevedra, con  extensión superficial dúas hectáreas, vinte áreas e  vinte e oito centiáreas, pouco máis ou menos...”.   “ Dentro do perímetro da leira, atópase un edificio composto pola planta baixa e dous corpos, que estivo destinado a Sanatorio e a Residencia de estudantes e varias outras edificacións, de menor importancia, con destino a galiñeiro, adega, casa de colono, pavillón para enfermidades contaxiosas, alpendres, existindo, ademais, dous mananciais e lugar destinado a lavadoiro. O resto da superficie está constituída por terreo a labradío, viñedo, piñeirais e algo de monte, con plantación de piñeiros e eucaliptos...”  O 1 de novembro de 1941 foi nomeado Director Provisional do Colexio Nº 2 (que así se chamou o Colexio que acababa de comprar a O.N.C.E. no lugar de Campolongo en Pontevedra), D. José Benito Pérez, que no seu escrito segue dicindo:
“...director sen máis honorarios que a miña comisión de 12-13 pesetas que percibía como Delegado Local".
 As aulas inauguráronse en 1943, rexindo como alcalde en Pontevedra D.  Remigio Hevia. Seguíronse facendo obras de ampliación grazas a algunha permuta de fincas, unha delas pertencía ao coñecido profesor Filgueira Valverde (en 1956). Chegou a ter 37.000 metros cadrados. A capacidade total da residencia era para 120 alumnos (1993). O colexio, que se estableceu unicamente masculino, pasa a ser mixto a partir do curso 77-78  coa admisión de alumnas, tras a realización das obras de acondicionamento para albergalas.
En  1958-1959 pasou a chamarse Colexio Santiago Apóstolo.  En 1983, co director do colexio, Félix Gende Río, comezou a funcionar tamén como Centro de Recursos. Deixou o  cargo de director en 1991.  Máis tarde, en 2001 o  Centro de Recursos Educativos (C.R.E.) Santiago Apostol de Pontevedra,  deixou de dar aulas, quedando  só a ser Centro de Recursos.  En 2006 traspasouse parte da súa propiedade ao Concello de Pontevedra con fins urbanísticos. Como curiosidade dicir que,  o anterior director D. José Luis Llácer Zarzoso (dende 1981 até 1983),  valenciano de procedencia,   mostrouse  un entusiasta defensor do galego, creando o concurso “Contos en Galego” de ámbito autonómico.



page | by Dr. Radut