Skip to Content

Aberto o prazo para a solicitude das bolsas do Ministerio 2024-25

bolsas ministerio IES A SANGRIÑA

Está aberto o prazo da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo para o curso 2024-25. As axudas para os estudos posobrigatorios poderanse solicitar dende o 19 de marzo ata o 10 de maio a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

O alumnado que teña pensado cursar bacharelato, Formación Profesional, ensinanzas artísticas, deportivas, de idiomas ou estudos universitarios, entre outros, poden pedir xa a súa bolsa para o vindeiro curso. Como en convocatorias previas, deberán de cumplimentar unha serie de datos provisionais, que poderán modificar máis adiante, e deberán facelo ainda que non saiban as cualificacións do curso actual, ou ainda que non saiban que van estudar o curso 2024-25.

  • Para máis información podedes consultar na seguinte ligazón.
  • Prazo: do 19 de marzo ata o 10 de maio.

Destinatarios: alumnado que no curso 2024-25 vai cursar estudos postobrigatorios (Bacharelato; Formación Profesional de grao básico, medio e superior; ensinanzas artísticas, deportivas, de idiomas ou estudos universitarios).

II Xornadas de Memoria Histórica

II Xornadas de Memoria Histórica Sangriña

Esta mañá, coa brillante interveción do profesor e licenciado en Historia Paulo Nuno Torres Bento, comezaron no IES A Sangriña as II Xornadas de Memoria Histórica. Este evento memorialista celébrase na vila da Guarda con dúas sesións para todas as conferencias (a primeira ás 12:20 no IES A Sangriña e a segunda ás 20:00 no Salón de Plenos do Concello da Guarda).

CONFERENCIAS:

Martes 19 de marzo - Paulo Nuno Torres Bento (Profesor de ensino secundario e licenciado en Historia): A Guerra de Espanha. O Concelho de Caminha e o Alto Minho ao tempo do conflito: 1936 - 1939.

 

Venres 22 de marzo - Marcelino Laruelo Roa (Escritor): Luchar por la Libertad. Defender al prisionero.

 

Martes 2 de abril - Emilio Grandío Seoane (Catedrático de Historia Contemporánea da USC): Recuperando o pasado: da Memoria Histórica á Memoria Democrática - Pasado arrincado: Lugares de Memoria en Galicia.

Fernando Serrulla Rech (Antropólogo forense do IMELGA): Antropoloxía forense do Plan Cuatrienal de fosas en Galicia. Acción forense humanitaria na Guerra de España.

Ademais das conferencias, realizarase unha “Andaina Memorialista” entre a fosa común de Sestás e o campo de concentración de Camposancos que partirá o sábado 23 de marzo do IES A Sangriña ás 11:00. A andaina estará guiada por José A. Uris e Marcelino Laruelo.

Podes consultar o programa completo pulsando aquí.

Mario Obrero: luz, poesía e xuventude no IES A Sangriña

Mario Obrero no IES A SANGRIÑA

Visitounos onte Mario Obrero, poeta de vulto con tan só 20 anos. Estudante de filoloxía hispánica na complutense e viaxeiro de diferentes universidades europeas (entre elas a Sorbona de París). Carpintería de armónicos, o seu primeiro poemario publicado naceulle aos 14 anos e en Cerezas sobre la muerte a poesía e as artes plásticas contrúense sen prexuízos nas distintas linguas oficiais do Estado; euskera, asturianu, castellano, català e galego. Traballador incansábel pola memoria histórica e colaborador en TVE e Radio Nacional de España, Mario conversou abertamente cun noso alumnado que o admira, o segue e o devora.

Literatura, cultura, poesía, memoria, dignidade, ilusión, luz e felicidade atravesáronsenos nas palabras na nosa convivencia cun visitante moi especial. A rapazada gozouno profundamente (só hai que ver as fotos) e polo tanto, moitas grazas Mario.

Exalumna da Sangriña, científica e investigadora recoñecida

Lucía Lomba A Sangriña

Hai un días, no Atlántico Diario podiamos ler o seguinte titular: Investigadores de presente y futuro del área de Vigo. Unha das persoas da fotografía faise familiar, Lucía Lomba, antiga alumna do noso centro.

Na nova cóntasenos como Lucía vén de recibir unha importante bolsa da Fundación La Caixa, que a axudará a crecer na súa carreira científica en centros de investigación de primeiro nivel. Lucía é graduada en Bioloxía e Química por la UDC, fixo un máster en Biomedicina na Complutense e realizou o seu traballo de fin de máster no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), onde cursa un doutorado en Bioloxía Molecular e Bioquímica.

Para ler a nova completa pulsa aquí: Atlántico Diario.

Parabéns Lucía, é un orgullo.

"Arrimar os lombos" no Día Mundial da Poesía

Arrimar oa lombos 24 A sangriña

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A SANGRIÑA celebra o próximo 21 de marzo o Día Mundial da Poesía cun certame moi especial. A segunda edición de "Arrimar os lombos".

O obxectivo deste concurso é conseguir o máis fermoso poema en galegocreando os seus versos a partir da suma de títulos de libros.

Como podo participar?

1. A ESCOLLA DOS LIBROS: Vai á Bibliotrega ou á biblioteca do concello e busca títulos que creas que xuntos poden transmitir información.

2. COMPOSICIÓN DO POEMA: Ordena os títulos dos libros de maneira que con eles compoñas un poema. Os versos non teñen que rimar entre si... só teñen que transmitir unha mensaxe que a ti che pareza digna de se ler!

3. A OBRA DE ARTE FINAL: Coloca os libros uns por riba dos outros de maneira que cos títulos dos seus lombos se compoña o novo poema creado.

4. PARTICIPA E GAÑA: Envía unha fotografía do teu poema antes do 5 de abril a asangrinha.edlg@gmail.com e gaña un premio de 20 € (haberá dúas categorías: 1º, 2º e 3º de ESO / 4º de ESO e Bacharelato).

Obradoiro "TALENTO MOZO"

Talento mozo ies a sangriña

O mércores 13 de marzo tivo lugar, no IES A Sangriña, un dos obradoiros Talento Mozo. Unha actividade organizada polo Departamento de Orientación do centro e asociada a un programa da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Os relatores deste obradoiro foron Pablo Franco Corbacho (analista de datos e emprendedor) e  Guisantes Batán (tecnólogo de alimentos e investigador. O obxectivo do programa é dar a coñecer traxectorias relevantes de mozas e mozos galegos que destacan profesionalmente en ámbitos diversos pola súa creatividade, innovación e impulso. Os destinatarios da actividade foron os alumnos e alumnas de 4º de ESO e procurouse que a actividade servise como estímulo e incentivo para a súa capacidade de análizar e reflexionar sobre a realidade que os rodea.

Reclamacións e criterios de titulación de 2⁰ de Bacharelato

Reclamacións a Sangriña

Achégase pdf co calendario e o procedemento a seguir para a presentación das reclamacións das cualificacións obtidas e dos criterios de titulación aplicados en Segundo de Bacharelato na convocatoria ordinaria do curso 2023-2024 do IES A Sangriña.

Podes consultalos aquí.

Lemos, recitamos e xogamos nunha nova dimensión

Anxo Iglesias A Sangriña

O pasado luns, 11 de marzo, tivemos o pracer de recibir no noso centro a visita de Anxo Iglesias, gañador do Premio Merlín 2022 polo seu poemario Unha nova dimensión.

O alumnado de 1º da ESO tivo a oportunidade de coñecer as historias que se agochan detrás dalgúns dos poemas do seu libro. Foi unha experiencia estimulante na que tivemos ocasión de afondar no mundo, ás veces complexo, da poesía de xeito lúdico e dinámico, aínda que tamén houbo tempo para as emocións. A poesía como terapia, como experimentación e como nova forma de relacionarse coa realidade, son só algunhas das ensinanzas que levamos connosco despois do seu paso pola Sangriña.

Ademais, tamén puidemos escoitar as creacións do propio alumnado do centro que puxo as “lentes de poeta” durante unhas horas para descubrir que se pode ver o mudo desde unha óptica diferente e crear, como dixo o noso autor, “novas dimensións” máis fermosas e positivas. 

Moitas grazas, Anxo, pola túa presenza no centro. Esperamos poder contar contigo en vindeiras ocasións!

Luces e sombras da industria textil

Laura Taboada IES A Sangriña

Este pasado venres 8 de marzo, no IES A Sangriña tivemos a fortuna de poder contar coa presenza de Laura Taboada, empresaria do sector téxtil, que nos falou do ciclo produtivo do sector.

Coa súa interesantísima conferencia, o noso alumnado de 2º de Bacharelato puido tanto coñecer algúns dos aspectos máis prácticos do traballo diario no mundo da moda, como pode ser a xestión das compras; como aproximarse a outros máis conceptuais e descubrir os distintos modelos de negocio que existen nesta industria. Así, pasamos a saber máis do sector textil, sobre como é o seu presente, e sobre como pode chegar a ser o seu futuro... cales son as luces e algunhas das sombras dun negocio algunhas veces "glamuroso" e moitas outras consumidor excesivo de recursos escasos.

Moitas Grazas Laura por pasar con nós esta mañá!

A Sangriña reivindica o feminismo no 8M

8 M IES A Sangriña

Hoxe, 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha delegación do Grupo da Igualdade do IES A Sangriña acudiu á convocatoria do Concello da Guarda para reivindicar un mundo máis xusto e igualitario para as mulleres, as mozas e as nenas.

Deixámosvos a continuación o manifesto que alí leron as nosas alumnas:

MANIFESTO 8M 2024

IES A SANGRIÑA

Como diciamos o ano pasado, neste 8 de marzo, día da muller, o alumnado do instituto A Sangriña decidimos seguir erguendo a voz, polas que foron, polas que están e polas que aínda nos queda moito que loitar.

 

Este ano presenciamos situacións que non son dignas do tempo que vivimos. Un bico indigno e roubado a unha das nosas referentes no deporte, puxo de manifesto que a loita continúa e que non podemos darnos por vencidas. Que temos que seguir reivindicando a igualdade de dereitos e oportunidades.

 

O machismo e o sistema patriarcal está presente no noso día a día. Nas aulas seguimos observando que se presta máis atención á palabra deles que á delas. Os rapaces que sacan boas notas é porque son intelixentes, mentres que as nenas sacan boas notas porque son traballadoras. Eles sempre teñen o protagonismo con machiruladas porque se senten cheos de razón e de forza, aínda que o que estean a dicir sexan discursos carentes de toda lóxica ou fundamento. Eses eles dos que falamos non son todos, claro. Avanzamos aínda que haxa unha minoría ruidosa que se faga coa palabra e tente anular o pensamento e o discurso libre e formado.

 

E nós, as mozas e mozos que estamos hoxe aquí, somos as mulleres e homes do mañá. E isto ten que mudar xa! Acabouse!, dixemos no verán. Porque xa chegou a hora de vivirmos en igualdade, sen estereotipos nin prexuízos, cun reparto equitativo do diñeiro, do traballo e das oportunidades. Porque, compañeiras, nais, avoas... xa chegou a hora de rachar co establecido e sermos dunha vez persoas libres en pé de igualdade.

 

Acabouse!

Porque o futuro será feminista ou non será!

Distribuir contido


by Dr. Radut