Skip to Content

Dinamización da Biblioteca

Compoñentes do Equipo de Biblioteca 2016-2017

   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   

AGASALLA UN LIBRO E UNHA FLOR

Co gallo da celebración o vindeiro día 23 de abril do Día do Libro, desde a Bibliotrega queremos que vos animedes a participar na actividade Agasalla un libro e unha flor. 

A proposta é como segue: descarga unha imaxe da portada do libro que recomendarías ou ofrecerías, xunto coa imaxe dunha flor. Podes asinar ou non a túa recomendación. Se tes posibilidade de imprimilo en cor, entrégallo ao profesorado resposable da biblioteca (David Andrade e María Carneiro). Tamén podes remitilo á dirección de correo electrónico bibliotrega@gmail.com con data límite do vindeiro mércores día 21. As vosas propostas serán expostas para que sexan un agasallo para todas e todos, na celebración do Día do Libro.

 

TradiTrega


Nas últimas semanas púxose en marcha a web do proxecto TRADITREGA, proxecto colaborativo de recollida de tradición oral por parte do alumnado do IES A Sangriña ás súas familias, impulsado polo Equipo de Dinamización Lingüística e pola Biblioteca do noso centro, e coordinado polo profesor Kike Estévez. O proxecto partiu dun traballo de recollida de tradición oral realizado como deberes de Nadal por parte do alumnado de 3º ESO e 2º ESO. Cos datos obtidos creouse unha web (TradiTrega), que será o lugar de almacenamento de todas as recollidas dos cursos que se vaian sumando ao proxecto.
Os obxectivos deste proxecto son principalmente dous:

  1. Poñer en contacto o noso alumnado coas súas familias e persoas achegadas, fomentando deste xeito a transmisión interxeracional de saberes e o emprego da nosa lingua…
  2. Recuperar e poñer en valor parte da tradición oral da comarca da Guarda e do Baixo Miño (historias, contos, lendas, cantigas, refráns…) e recollela nunha web para o seu acceso e consulta pública; nun proxecto que aspira ser aberto, participativo e inclusivo…

Desde o Equipo de Dinamización Lingüística animamos a toda a comunidade educativa a participar neste proxecto colaborativo e expansivo que é TRADITREGA. Xa podedes consultar as primeiras recollidas do noso alumnado introducidas na web: https://www.traditrega.com/

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Desde a Biblioteca, Igualdade e os departamentos de Ciencias do centro organizouse unha serie de conferencias a cargo de varias científicas durante esta semana, para celebrar o vindeiro xoves 11 de febreiro o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

Pódese consultar o pograma no adxunto  

Concurso polo Día da Ilustración

 

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño.

Así, o instituto organiza un concurso para celebrar e difundir a ilustración como unha actividade presente no mundo do libro e que acompaña e dá entidade a moitas obras, poñendo como tema sempre unha obra da literatura universal que sexa susceptible de ser debuxada. Nesta ocasión a obra escollida para realizar a ilustración é Frankestein ou o Prometeo moderno de Mary Shelley. A ilustración realizarase en formato horizontal ou vertical DIN A-4 (21 x 29,7cm) en papel, podendo empregar a técnica que se considere. Antes de poñervos mans á obra, consultade as bases no documento adxunto.

Distribuir contido


by Dr. Radut