Skip to Content

"As alumnas" visítannos da man de Paula Carballeira

Paula Carballeira IES A Sangriña

O pasado martes día 30 de abril visitou o noso centro a escritora Paula Carballeira. Pero a súa visita xa comezara previamente, a pasada semana, cando "As alumnas" se meteu nas nosas aulas a través dunha serie de lecturas dramatizadas en 1º de Bacharelato nas que participaron os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Esta obra, Premio Nacional de Literatura Dramática e Premio Follas Novas 2023 á mellor Obra de Teatro, foi o eixo sobre o que xirou esta actividade organizada pola Bibliotrega Magdalena Garabatos.

  • "As alumnas" foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva. Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.

Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía e cun curso de Especialización en Arte Dramática, narradora oral profesional desde 1994, actriz, directora e escritora. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten unha ampla produción literaria en narrativa e teatro, aínda que tamén escribe poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 por "As alumnas", publicado en Editorial Galaxia, onde tamén publicou "Daniel no peirao" (2023), un texto de teatro infantil arredor dun episodio da infancia de Castelao, ademais de "Nunca mascotas" (2016), "O lobishome de Candeán" (2012) e "As outras historias" (2011), entre outros.

Nota biográfica da autora na páxina web da Editorial Galaxia. Para consultar a información completa dos seus libro, preme aquí.



story | by Dr. Radut