Skip to Content

Noticias

As nosas alumnas Edumob chegaron a Francia

Edumob francés IES A SANGRIÑA

As estudantes de intercambio de francés do IES A Sangriña xa chegaron a Francia co programa Edumob. EduMob é un programa de intercambio individual de alumnado en réxime de reciprocidade con alumnado matriculado en centros pertencentes á Région Académique de Grand Est (Francia) para o curso 2024/2025.

Estamos seguros de que esta estadía será moi produtiva, de que perfeccionarán o seu francés e de que vivirán unha importante experiencia de crecemento persoal.

Resolución provisional do Fondo solidario de libros de texto e axudas para material escolar para o alumnado da ESO (2024-2025)

Fondo solidario de libros de texto e axudas para material escolar

Segundo establece a ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto, o vindeiro venres 12 de xullo publicaranse, no taboleiro situado na entrada do centro, as listaxes provisionais do Fondo solidario de libros de texto e axudas para material escolar para o alumnado da ESO.

O prazo para a presentación de reclamacións finalizará o xoves 17 de xullo.

Ante a necesidade de aclaracións para solventar dúbidas, prégase ás familias que se poñan en contacto coa Vicedirección do IES A Sangriña.

Lembramos que se trata dunha resolución provisional, motivo polo que as listaxes definitivas, que se publicarán a finais do mes de xullo, poderán sufrir modificacións.

Convocatoria dos premios extraordinarios de ESO 23-24

premios extraordinarios de educación secundaria

Publicadas dúas resolucións referidas aos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023-2024.

Resolución do 21 de xuño de 2024, relativa á composición do tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba, onde tamén se ditan instrucións para a súa realización. Nela queda fixada a data, o horario e as condicións de presentación das persoas candidatas (DOG núm. 127, do 2 de xullo).

Resolución do 2 de xullo de 2024, relativa aos lugares de realización da proba.

Máis información sobre a convocatoria nas seguintes plataformas:

  1. Na aplicación PremiosEdu.
  2. No Portal Educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
  3. Na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (introducindo na caixa de busca o código de procedemento ED311D).

Animamos aquel alumnado do IES A Sangriña que cumpra as condicións requeridas a participar neste premio.

O prazo de presentación de solicitudes  acaba o 8 de xullo.

MEGABAU 2024: Estudantes da Sangriña entre os mellores de Galicia

a sangriña megabau

O pasado venres 21 de xuño celebrouse no Coliseum de A Coruña o acto de recoñecemento académico MEGABAU 2024. O acto estivo presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades.

Fíxose entrega dun diploma de recoñecemento e duns agasallos das tres universidades. O Centro IES A Sangriña tamén recibiu unha distinción pola excelencia acadada por tres alumnos/as do centro que obtiveron unha nota superior a 9.00 na fase xeral das ABAU 2024, á que se lle sumará a nota da parte voluntaria. Así, Manuel Moreira Rodríguez cun 9,518, Irene Vicente Cividanes con 9,278 e María Lima González cun 9,004 recibiron este recoñecemento tan merecido tras un ano de esforzo e dedicación.

Moitísimos parabéns, rapaces!

Sodes un orgullo para o IES A Sangriña!

Distribuir contido


by Dr. Radut