Skip to Content

Noticias

Datas de prematrícula para o curso 2024-2025 (ESO - BAC)

Prematrícula IES A SANGRIÑA

Este ano, no IES A Sangriña inauguramos unha nova canle para as prematrículas e as matrículas do noso alumnado de ESO e Bacharelato. En lugar de encher un formulario en papel, as familias accederán a un formulario web a través da páxina oficial do noso centro. Este proceso realizarase entre os días 3 e 13 de maio, ambos incluídos.

Por que optamos por este novo formato?

  • Desta maneira a xestión e a entrega dos documentos é máis rápida e cómoda para as familias.
  • Minimízanse os posíbeis erros humanos no tratamento da información, pois esta pasa directamente das familias á nosa base de datos.
  • O proceso é máis ecolóxico e económico, pois redúcense tanto o emprego de papel como os gastos en impresión.
  • O feito de que os nosos formularios se estruturen paso a paso permitirá ás persoas usuarias seguir un manual de instrucións da maneira máis cómoda e sinxela.

Visitamos Innovart

Innovart IES A Sangriña

Onte, unha delegación do IES A Sangriña integrada por alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato visitou Innovart; un evento que aglutina as ensinanzas artísticas, as ensinanzas de idiomas e as ensinanzas deportivas que se imparten en Galicia. Ademais de ver material expositivo puidemos realizar actividades interactivas de: arte dramática, artes plásticas e deseño, conservación e restauración de bens culturais, danza, ensinanzas deportivas, idiomas e música. Houbo tamén concertos, conferencias e espectáculos escénicos.

O noso alumnado en particular participou nos seguintes obradoiros:

  • Obradoiro de fotograía. Light Painting (EASD Antonio Faílde).
  • Obradoiro de Estampación (EASD Mestre Mateo).
  • Obradoiro de modelaxe sobre manequí (EASD Mestre Mateo).
  • Aprende a navegar (CIFP Fontecarmoa).
  • Obradoiro de Xoiaría  con refugallo (EASD Mestre Mateo).

Foi unha tarde intensa, enriquecedora e chea de actividades. Por parte do profesorado acompañante non podemos máis que agradecer a implicación e a vontade de aprender, descubrir e facer cousas novas do alumnado ao que tivemos a sorte de acompañar a esta feira.

A continuación, publicamos en pdf algunhas fotografías desta viaxe:

Obradoiro "Emprender é soñar"

Obradoiro Emprender é soñar IES A SANGRIÑA

Este pasado luns, o alumnado de Economía de 1º de Bacharelato do IES A Sangriña traballou nun obradoiro de emprendemento que significa o seu primeiro paso dentro dunha actividade de maiores dimensións e moi completa. Trátase dun proxecto que, ao abeiro do programa "Empresa familiar nas aulas", está a organizar o departamento responsable desta materia en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar e a Afundación Obra Social de ABANCA . O proxecto consta dos seguintes eventos:

  1. Obradoiro emprendemento.
  2. Elaboración, por grupos, dun Plan de Empresa que incluirá un vídeo de presentación co que participarán nun concurso.
  3. Encontro nas instalacións do centro cun empresario local, que no noso caso será Antón Fonseca, vicepresidente do Grupo Terras Gauda.
  4. Visita ás á Bodega Terras Gauda.

Desde o IES A Sangriña queremos agradecer esta oportunidade a todas as entidades implicadas e destacar, desde xa, o fantástico traballo que neste proxecto está a realizar o noso alumnado.

Para coñecer un pouco máis da Asociación Galega da Empresa Familiar e coñecer os seus "Talleres de economía circular para fomentar o emprendemento" podes consultar a esta ligazón.

Programa educativo Navega con Rumbo

Navega con Rumbo IES A SANGRIÑA

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa organiza a XI edición do programa educativo Navega con Rumbo. Ao abeiro do mesmo, celebráronse hoxe no noso centro dúas charlas coordinadas por vicedirección cos seguintes obxectivos:

  • Poñer a disposición da comunidade educativa recursos de interese sobre seguridade na rede, así como ferramentas para o seu uso didáctico na aula.
  • Previr o ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso de internet e das redes sociais.
  • Contribuír ao desenvolvemento da Estratexia Educación Dixital 2030, promovendo unha navegación segura e responsable.

Á primeira das sesións acudiron o alumnado de 1º de ESO A e 1º de ESO B, e á segunda o alumnado de 1º de ESO C e FP Básica.

Distribuir contido


by Dr. Radut