Skip to Content

Noticias

Avaliación de Diagnóstico - 2º de ESO

Probas diagnósticas

O IES A Sangriña realizará, entre os días 10 e 11 de abril, a Avaliación de Diagnóstico programada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa | Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o seu alumnado de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.

Desde o centro, aproveitamos para lembrar ás familias do noso alumnado que a corrección deste tipo de probas é totalmente anónima e que baixo ningún concepto poderán afectar ás cualificacións dos seus fillos e fillas en ningunha das materias das que os e as estudantes serán avaliados.

Realizaranse probas de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Inglés e Matemáticas. Destes materiais existirán adaptacións habilitadas para o alumnado con protocolos derivados de necesidades especiais de aprendizaxe.

Se ben é certo que os centros si serán avaliados e recibirán un informe sobre o seu desempeño, hai que lembrar tamén que está totalmente prohibido por lei a elaboración de clasificacións de centros baseadas nesta información.  Os devanditos informes deberán ser empregados polos centros para deseñar aquelas medidas de mellora que, en consecuencia, se estimen oportunas.

Exames de recuperación de materias pendentes - 2º de Bacharelato

Recuperacións 2º BAC

Publicamos o calendario de recuperacións de materias pendentes para o alumnado de 2º de Bacharelato. Coa finalidade de aproveitar mellor os tempos e os espazos, algunhas probas con alumnado non coincidente de maneira simultánea en espazos compartidos.

Na táboa da imaxe poden consultarse o lugar e hora de realización de cada exame. Se a imaxe non se reproducise coa calidade suficiente no teu navegador, podes consulta-la en pdf premendo aquí.

A Sangriña en Orpagu

ORPAGU IES A Sangriña

Hoxe, o noso alumnado de Economía de 4º de ESO tivo o privilexio de acudir a unha visita moi especial. Fomos ás instalacións que Orpagu ten aquí, na vila da Guarda. Alí recibíronnos o seu presidente, Joaquín Cadilla, a directora xerente, Juana Parada e Hugo Lage, responsable do proxecto Orpagu educativo (un compendio de proxectos que Orpagu realiza dentro do eido da Educación para achegar o mundo da pesca con palangre de superficie ao conxunto da sociedade).

Orpagu é a frota máis importante de toda Europa en canto á pesca de palangre de superficie grazas aos seus 74 buques, especializados na pesca de peixe espada e especies afíns. O seu obxectivo é contribuír a coidar da actividade pesqueira dos palangreiros; desenvolvéndoa, regulándoa e potenciándoa, ao tempo que loita e defende os intereses de todo o sector. Orpagu  está en constante evolución, innovando para superar as expectativas do sector. Basea o seu traballo na artesanía, centrando os seus esforzos na sustentabilidade para coidar do mar e de ti.

Moitas grazas pola fantástica acollida!!!

Seguridade Vial con Daniel Castelo

Seguridade Vial IES A Sangriña

Hoxe tivemos unha visita que xa é todo un clásico no IES A Sangriña, a de Daniel Castelo. Exalumno do centro, pai de dúas das nosas estudantes e, sobre todo, o mellor concienciador e divulgador sobre Seguridade Viaria que poderiamos pedir.

A súa é unhas desas intervencións que se repiten cada ano por resultaren importantísimas, unha vez que só desde a formación e o coñecemento podemos contribuír, entre todas e todos, a reducir as mortes nas estradas. A charla foi, como sempre, moi directa e próxima... chea de exemplos da realidade da nosa contorna. O alumnado asistente; de 1º de Bacharelato, 1º dos Ciclos Medios e FP Dual; está xa próximo a sacar o permiso de condución. Agardamos que as súas palabras e consellos lles sexan útiles cando en breve comecen a conducir... e que xuntos/as fagamos das rúas e estradas uns espazos máis seguros.

Esta actividade está integrada no Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Os obxectivos que se pretenden acadar coas actuacións recollidas no Plan Director, son todos aqueles que procuran dar respostas coordinadas e eficaces a todas as cuestións relacionadas coa seguridade dos alumnos nos centros educativos e os seus arredores, os que fortalecen a cooperación policial coas autoridades educativas, os que pretenden mellorar o coñecemento que a poboación escolar posúe sobre os recursos policiais ou os que fomentan nos rapaces o respecto polos dereitos fundamentais.

Distribuir contido


by Dr. Radut