Skip to Content

Fomos á Casa de Rosalía de Castro e a Pontevedra

visita pontevedra e rosalía de castro

O alumnado de 3º de ESO realizou, onte día 20 de decembro, unha excursión educativa á Casa Museo de Rosalía de Castro e á cidade de Pontevedra organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura.

Na viaxe, subvencionada con fondos que o departamento conseguiu da Deputación de Pontevedra, o alumnado puido coñecer a Casa da Matanza, sé do Padroado Rosalía de Castro, que está dedicada ao estudo e divulgación da figura da autora de Cantares Gallegos e Follas Novas, icono da cultura galega desde o Rexurdimento.

Posteriormente, os estudantes desprazáronse á cidade de Pontevedra, onde gozaron de pasear polas súas rúas e visitaron o Museo Provincial. Nesta institución realizaron unha visita guiada, con especial atención á obra de Castelao.

Conferencia sobre química, alimentos e cociña

ricardo riguera

Onte celebrouse no IES A Sangriña unha conferencia do profesor Ricardo Riguera organizada polos departamentos de Física e Química e Orientación. O profesor da USC e investigador do CiQUS (Centro singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) ofreceunos unha interesante disertación sobre a relación entre a Química e a conservación dos alimentos e o seu emprego no mundo da culinaria.

O profesor Ricardo Riguera é autor de máis de 250 publicacións e patentes, inicialmente centradas en produtos naturais bioactivos, química medicinal e desenvolvemento de métodos de RMN para asignación de configuración absoluta. En 2013, a Real Sociedade Española de Química outorgoulle a Medalla Félix Serratosa, polo seu traballo en Química Orgánica, e en 2018 o Premio GERMN pola súa investigación no campo da RMN.

O APALPADOR - III Concurso de Debuxo de Nadal

Concurso de debuxo de nadal o apalpador ies a sangriña

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega  quere que, un ano máis, o alumnado da Sangriña celebre o Nadal da maneira máis artística. Para iso, convocamos un concurso para que debuxedes ao Apalpador ou á Apalpadora, personaxes protagonistas do Nadal galego.

O premio  consistirá nun vale de 30€ en material de debuxo, libros ou material escolar.

Os orixinais deberán enviarse por correo electrónico, antes do 12 de xaneiro, a asangrinha.edlg@gmail.com

O EDLG promove o cinema en galego

Cinema en galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A Sangriña está a levar a cabo unha campaña de promoción de filmes aos que o alumnado pode acceder no noso idioma en diferentes plataformas como Netflix, Amazon Prime, RTVE Play, Filmin ou a propia web da TVG.

Os filmes están a ser divulgados cun grande mural ubicado no vestíbulo do centro onde se penduran carteis de elaboración propia que inclúen unha imaxe da película e unha breve sinopse. Ademais, estes mesmos materiais están a ser difundidos diariamente nas redes sociais do EDLG (tedes a ligazón ao Instagram nunha icona na marxe dereita desta web).

Boa parte dos contidos poden localizarse tamén na web https://pipocas.amesa.gal da Mesa pola Normalización Lingüística, repositorio que vos convidamos a visitar.

O IES A Sangriña participará no programa EduMob

edumob

Tras a publicación definitiva dos resultados da selección de centros para a participación no programa EduMob, no IES A Sangriña podemos manifestar con orgullo que non simplemente fomos seleccionados, senón que o noso proxecto foi o que obtivo unha valoración máis alta de entre todos os presentados polos centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia que se candidataron.

EduMob é un programa de intercambio individual de alumnado en réxime de reciprocidade con alumnado matriculado en centros pertencentes á Région Académique de Grand Est (Francia) para o curso 2023/2024 que, ademais de facilitar administrativamente a mobilidade internacionals dos nosos estudantes, pode chegar a sufragar boa parte dos gastos ocasionados por este tipo de actividade.

Actividades do Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Actividades EDLG novembro 2023

Compartimos con vós algunhas fotografías das diferentes actividades organizadas durante o último mes polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Lingua Galega.

Luís "O Caruncho" impartiu no noso centro un fantástico Obradoiro de Regueifa, no que participou o alumnado de 2º de ESO. Entregáronse os premios do III Certame de contos de misterio e terror. QUEN DIXO MEDO!!! e o alumnado celebrou o magosto cunha xornada lúdica onde ademais de comer as castañas que tan ben nos preparou o alumnado do ciclo de Mantemento de Vehículos todos e todas gozaron de practicar unha grande variedade de xogos populares.

MOI IMPORTANTE. Cambio de sentido na ruta de transporte escolar A Pasaxe-Porto a partir do 11 de decembro.

transporte escolar

Con motivo das obras iniciadas na rúa Coruña, a ruta de transporte escolar A Pasaxe-Porto CAMBIA O SEU SENTIDO. A partir do 11 DE DECEMBRO a primeria parada da ruta será PORTO (saída ás 7.45 minutos) e a última parada será A PASAXE.

A Dirección.

O 24N vestimos de negro contra a violencia machista!

25n

Programación xeral anual

PXA SANGRIÑA

No adxunto pódese consultar e descargar a Programación Xeral Anual (PXA) do IES A Sangriña, aprobada polo Claustro do profesorado e polo Consello Escolar para o curso 2023 - 2024.

A PXA é o documento no que se concreta a planificación das actividades do centro para o curso escolar. A PXA é un instrumento que ten como finalidade que todas as estruturas e todos equipos de coordinación docente do instituto funcionen de maneira coordinada e colaborativa cos diferentes sectores da comunidade educativa. Ademais, este documento define os e as responsábeis de que as tarefas e as actividades acordadas se realicen de maneira que permitan conseguir os obxectivos do centro.

PROGRAMA YAM

Yam

IES A  SANGRIÑA foi seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  para ser membro da rede galega de centros que desenvolverán o PROGRAMA DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO NA MOCIDADE 2023-2028, COFINANCIADO POLA UNIÓN EUROPEA

O programa consiste en intervencións profesionais nos centros para a posta en marcha do programa de prevención do suicidio Youth Aware ofMental Health (YAM),  o cal está centrado na creación de grupos de discusión entre alumnado de 3º da ESO. Os grupos estarán monitorizados por orientadores e profesionais da saúde mental do Sergas (psiquiatras, traballadore/as sociais, psicólogos/as) e estarán orientados cara a desenvolver estratexias para a resolución de conflitos que asemade reforzarán estratexias preventivas de comportamentos suicidas. Os grupos desenvolverán a súa actividade en horario lectivo logo de seren os pais/nais informados/as en reunións informativas que se convocarán no centro a tal efecto. 

Máis info en : https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/YAM?idioma=es     e nos arquivos anexos

 

Distribuir contido


by Dr. Radut