Blogue de quinif

As Dinochilas vanse de paseo

Tagged:  

DINOCHILAS:

 -Cada semana levo unha Dinochila á miña casa. Cada unha ten 5 contos, para que a miña familia me lea un conto cada noite.

 -Coas Dinochilas pretendemos achegar @s nen@s aos contos, espertando a súa paixón pola lectura, á vez que comparte coa súa familia un momento de tranquilidade antes de durmir. Aconséllase o diálogo sobre cada relato, así como asegurarnos de que o nen@ comprende o argumento, facéndolle preguntas relacionadas coa historia que acabamos de compartir.

 Tamén se poden realizar outros xogos como buscar un novo final ao conto, describir obxectos, conversar sobre as actitudes dos personaxes, describir algún personaxe ou debuxo,…

 Pero a finalidade sempre será o goce pola lectura, así como crear un hábito lector dende o primeiro ano de escolarización d@s nen@s.

 

 

 

 

8 de Marzo: Marcha pola Igualdade

Tagged:  

O vindeiro 8 de Marzo faremos unha nova edición da nosa marcha pola igualdade.

Percorreremos parte do casco urbano do Barco coas nosas camisetas estampadas por nós mesmos, e coma un remuíño de bolboretas lilas, asolagaremos a vila de mensaxes pola igualdade.

Ao remate da nosa andaina faremos unha merenda saudable na Praza Maior.

Así que marcha+merenda=merendaina!!!

Unídevos a nós nesta MERENDAINA reivindicativa para acadar un mundo máis xusto, igualitario e solidario.

Tamén fixemos este novo podcast coa intervención e as investigacións do alumnado de 4º de primaria

Día de Rosalía no Condesa

Tagged:  

Hoxe dende o noso colexio quixemos realizar unha rendida homenaxe a Rosalía de Castro, a poeta que nos devolveu o idioma, que nos definiu como pobo, que retratou o mundo das mulleres...

Así que que mellor homenaxe que volver escoitar os seus poemas. O alumnado de 5ºA, daquela, preparou con Elisa un poema de Rosalía co que este ano encetamos a actividade de "os nosos autores en voz alta".

E desta preparación, e para que tod@s poidades desfrutar do mesmo poema, un par de rapazas da clase nos agasallaron coa lectura deste poema.

Preparándonos para o Desfile do Entroido

Tagged:  

Aínda que as previsións do tempo son bastante malas, nada vai parar as gañas de festa, as gañas de Entroido que temos.

Así que se temos que desfilar a cuberto, pois a cuberto será, pero.... DESFILAR DESFILAMOS!!!!

Aquí podedes ver algún dos disfraces que  andan a montar en infantil, e que, aínda que sexa no Entroido, nós seguimos apostando por unha alimentación saudable.

Imos de exposicións

Tagged:  

Hoxe o alumnado de 4º curso de primaria acudiu á sala de exposicións de Abanca para visitar unha mostra da obra de Castelao como debuxante.

Explicáronnos con moito detalle as características da obra deste noso artista, e todas e todos quedamos abraiados diante dos seus debuxos que tan ben retratan a alma do noso pobo.

 

Mulleres Galegas na Ciencia

Tagged:  

Este ano comezamos a celebrar o día da muller na ciencia con varias actividades:

  1. un programa de radio,
  2. unha exposición realizada polo noso alumnado coa biografía e achádegos de varias mulleres científicas que teñen deixado a súa pegada na historia,
  3. unha publicación dixital con estes traballos de investigación do alumnado
  4. e por último, e para pechar esta semana de conmemoración e de reivindicación do papel da muller no avance científico, teremos unha xornada de experimentos no que as rapazas do noso colexio han demostrar a súa competencia no ámbito STEM.

Podedes ver aquí a exposición virtual coas nosas investigacións sobre as mulleres galegas (aínda que tamén hai algunhas de fóra) que teñen destacado ou que foron pioneiras dentro do ámbito científico.

Así mesmo podedes escoitar este noso podcast realizado polo alumnado de 4º de primaria e Alexis e Manuel de 5ºB.

Por último deixámovos aquí unha pequena reportaxe gráfica da nosa xornada científica, cos experimentos que realizamos no patio do colexio.

Aberto Prazo de Reserva de Matrícula

Tagged:  

O prazo de reserva de praza nos centros educativos vai do 15 de xaneiro deica o 5 de febreiro.

Para reservar praza no centro de adscrición (no noso caso o IES Lauro Olmo) o alumnado de sexto curso deberá presentar o formulario que facilitaremos dende o centro, e se entregará no propio colexio que se fará cargo da súa tramitación. Tamén se poderá empregar a aplicación informática

Así mesmo o alumnado que decida non matricularse no centro adscrito, deberá comunicalo no centro para evitar erros e duplicidades na matrícula.

Nós Tamén Creamos

Tagged:  

Este ano, dentro das iniciativas que sempre estamos a desenvolver para mellorar a calidade da educación que prestamos ao noso alumnado, un nutrido grupo de mestras e mestres do Ceip Condesa de Fenosa puxémonos como obxectivo desenvolver un traballo de gravación dun produto audiovisual no que @s nos@s alumn@s puidesen ceibar os seus impulsos creativos e aprender os requisitos técnicos que unha obra deste tipo require.

Para iso entramos no concurso de NÓS TAMÉN CREAMOS, no que se pide a cada centro participante a creación dunha ou varias curtametraxes de animación empregando a técnica do stopmotion, adaptando libremente un ou varios contos dunha escolma proposta pola organización do certame.

Este concurso leva aparellado un importante labor de formación do profesorado ao través dun curso de PLATEGA e máis coa creación dun grupo de traballo que, coma vedes, esta dando os seus primeiros pasos.

Todo isto facémolo dende a nosa aula do POLO CREATIVO Plus, un espazo educativo, innovador enfocado ás aprendizaxes colaborativas, conxuntas, e co obxectivo de integrar os retos tecnolóxicos en todos os campos do saber.

E a cousa comeza a dar os seus froitos, como mostra esta reportaxe fotográfica destes grandes pequenos creadores audiovisuais: @s nos@s alumn@s.

 

Achégase o día da Paz

Tagged:  

Tal e como sinalamos no titular desta entrada, achégase o Día da Paz, nun ano no que esta celebración escolar é máis importante ca nunca.

A guerra en Palestina, onde o estado de Israel, incumplindo todas as normas internacionais está realizando unha atroz destrución sistemática da franxa de Gaza, afectando a millóns de persoas, máis da metade deles nenas e nenos, así o esixe.

Somos conscientes de que esta nova espiral de violencia foi xerada por un acto terrorista verdadeiramente execrable, pero iso non dá dereito a ningún estado ao ataque indiscriminado da poboación civil, de hospitais, escolas e campos de refuxiados tal e como se está producindo.

Dende o noso colexio toda a nosa comunidade escolar vai reclamar a RESOLUCIÓN PACÍFICA DOS CONFLITOS, o DIÁLOGO e o cumprimento dos ACORDOS INTERNACIONAIS. Palestina debe vivir, as nenas e nenos palestinos teñen dereito a un futuro en paz.

O noso primeiro xesto pola Paz é este pequeno vídeo de animación que acaban de facer os nenos e nenas de primeiro A. Desfrutádeo!!

Distribuir contido