Fomento da lectura

Xogando... "ás bibliotecas"

Desde o CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense), chéganos esta reprodución dunha situación real que se deu na biblioteca e que dá conta da importancia que cobran xa as rutinas "bibliotecarias" na vida cotiá das nenas e dos nenos deste centro. Porque "xogar ás bibliotecas" tamén é divertido!

Moita, moita poesía...

O curso precipítase cara ao mes dos libros, pero antes fai unha paradiña na poesía, de forma significativa. O día 21 de marzo  celébrase o Día Mundial da Poesía. a instancias da UNESCO, e as bibliotecas escolares aproveitan para estimula a lectura deste xénero e para encher corredores e aulas de palabra poética. 

"Como expresión profunda do espírito humano, como arte universal, a poesía é unha ferramenta de diálogo e achegamento. Ao dar acceso á expresión auténtica dunha lingua, a difusión da poesía contribúe ao diálogo entre as culturas e ao entendemento mutuo", afirma Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo desta celebración.

Velaquí algúns materiais e iniciativas levadas a cabo polas bibliotecas escolares: 

E como achega de interese, incorporamos aquí a entrada que fixo Agustín Fernández Paz no seu blog para este día: Chove para que eu soñe, tomando prestado o verso de Uxío Novoneyra. 

Lectura dixital na Hora de Ler

No CEP Xosé María Brea Segade, de Taragoña (Rianxo), tras un periodo de preparación, comezan a utilizar nas aulas os lectores electrónicos adquiridos grazas á súa participación no Proxecto E-LBE da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, destinado á incorporar os dispositivos de lectura electrónica nas bibliotecas escolares. Tal e como explican no seu blog, os lectores van ás aulas para seren utilizados na Hora de Ler. A información que se subministra a profesorado e alumnado facilita a aclimatación a estes dispositivos e favorece unha nova experiencia lectora.

Voluntariado de Lectura-A, en marcha.

Son moitas as bibliotecas que contan con alumnado colaborador e todas e todos eles están realizando, de seguro, unha actividade de voluntariado cultural, de voluntariado de lectura. Na imaxe,colaboradora de biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo)

Pero ademais, algúns centros acolléronse á iniciativa "Voluntariado de Lectura -A" da Consellería de Cultura, Educación e O.U., que procura, en consonancia con esta dinámica xa creada nas bibliotecas escolares, contribuír á formación das nenos e dos nenos en actitudes de solidaridade e de colaboración ao ben común e, tamén, vinculalos á actividade lectora. Comezan a chegar algunhas novas sobre actividades encadradas nesta iniciativa:

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2013/2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unniversitaria fai pública no Portal Educativo, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria para incentivar o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario (ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Adultos, Ensinanzas de Réxime Especial), para o curso 2013/2014. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino.

TEXTO DA RESOLUCIÓN

Lecturas para tempos fríos

Comezan a chegar as primeiras guías de lectura para o Nadal desde as bibliotecas escolares galegas. Estas guías, moi diversas en enfoque e contido, están pensadas para orientar a selección de lecturas do alumnado e das súas familias e para axudar a nais e pais na escolla de agasallos de calidade. Reflicten a variedade de oferta que a indstria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Ademais de libros, as guías acostuman recomendar música ou cine, e tamén recollen con frecuencia, enderezos electrónicos de interese.

Centros inscritos na inicitiva "Voluntariado de Lectura - A"

 

O Portal Educativo publica hoxe a relación de centros inscritos na iniciativa denominada "Voluntariado de lectura - A", da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destinada a recoñecer o traballo do alumnado do 3º Ciclo de Primaria que participa ns grupos de colaboradores de biblioteca do seu centro, e noutras actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro.  Os centros participantes enviarán memoria das actividades realizadas antes do 30 de abril de 2014. 

ACCESO Á RELACIÓN DE CENTROS

ACCESO Á CONVOCATORIA. 

A lectura na axenda. Un exemplo desde o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada)

Grazas ao traballo de colaboración entre a Biblioteca, o Club de lectura do centro "Os retelladores do galiñeiro" e o Departamento de Orientación, as mozas e mozos do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada poden contar cunha estupenda axenda escolar e de lecturas. Esta axenda leva unhas recomendacións de libros e unhas citas para facer boca, todas elas arredor do tema "Africa diversa", un excelente traballo que aborda o centro este curso e que conta cun blogue específico: http://africanolosada.blogspot.com.es/
Este blogue, que leva por título "Africa diversa", pode convertirse nunha referencia para todos os centros que queiran abordar algún tipo de traballo sobre este continente, toda vez que no mesmo se vai recompilando unha boa selección de recursos de todo tipo (vídeos, textos, artigos, outros blogues...), todos destinados a amosar unha visión desprexuizada das xentes e da realidade africanas.

Ler ciencia na biblioteca escolar do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR on PhotoPeach


A biblioteca do IES Blanco Amor, de Ourense, aproveitou a data do 24 de outubro, Día da Biblioteca, e o cartel editado este curso pola consellería, para estimular a lectura científica entre o seu alumnado e para dar a coñecer á comunidade educativa os recursos informativos que ten á súa disposición. Esta exposición aproveitaba para difundir as posibilidades da biblitoeca escolar, da biblioteca municipal máis próxima así como da biblioteca nodal de Ourense. 

 

Tamén no IES Torrente Ballester, de Pontevedra organizaron unha exposición de materiais relacionados coas ciencias. Ver AQUÍ

Libros que van e veñen. Orientacións para as familias

As bibliotecas escolares contemplan nos seus programas algunhas actividades pensadas para implicar ás familias na formación dos nenos e nenas como lectores. As mochilas viaxeiras ou as bolsas destinadas ao alumnado de infantil, e que serven para gardar o libro que collen en préstamo na biblioteca para levar á casa, son dous exemplos destes LIBROS QUE VAN E VEÑEN e que vinculan á biblioteca coa casa, espazos privilexiados para inciar aos máis pequenos na lectura. Editouse un tríptico informativo sobre as distintas posibilidades de colaboración entre a biblioteca e as familias que se envía xunto coas bolsas de "libros que van e veñen". A modo de exemplo:

As bibliotecas poden ofrecer: 

  • Un espazo reservado ás familiar: o recuncho dos pais e das nais
  • Unha sección de materiais seleccionados segundo os intereses de nais e pais
  • Programa de mochilas viaxeiras
  • Actividades de lectura compartida
  • Acceso a internet
  • Recursos lectrónicos seleccionados
  • Orientación sobre lecturas
  • Guías de lectura, recomendacións de libros, cine, música...
  • Club de lectura, faladoiros, tertulias. Cinefórum
  • Obradoiros específicos (como ler un conto, como contar un conto...)
  • Actividades como "Lemos xuntos" (Sanxenxo), para apoiar os vínculos familia-escola e lectura. 

TRÍPTICO "Libros que van e veñen"

Espazo de "lecturas compartidas" no CEIP de Andrade

Segundo van cobrando vida, as bibliotecas escolares van creando novos espazos e atopando novas funcións que cubrir. Atender a todos os sectores da comunidade educativa significa poñer atención ás súas necesidades e ás súas formas de relación con  respecto á lectura. Velaquí o novo espazo creado pola biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), destinado ao intercambio de libros entre os adultos da súa comunidade e que chamaron acertadamente "Lecturas Compartidas". A disposición das cadeiras chama ao encontro e á conversa, tan necesarios. 

Esta iniciativa súmase a outras anteriores nas que os centros recuperan pequenos espazos como "seccións" da biblioteca especialmente destinadas a pais e nais. En definitiva, trátase de abrir a biblioteca a todos os axentes que interveñen na formación dos pequenos lectores, pero que tamén queren vivir experiencias lectoras persoais e novidosas, en contacto con outros.

+ información 

 

Ler ciencia na biblioteca escolar

En breve chegará aos centros o cartel que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita todo os anos para conmemorar o Día da Biblioteca (24 de outubro) e participar da celebración do mes da biblioteca escolar que propón a IASL (Internatioanl Association of School Librarianship). A biblioteca escolar é unha biblioteca específica e así se recolle na actual Lei de bibliotecas de Galicia, no seu artigo 31. Polos seus obxectivos, polos serivzos que presta á comunidade educativa, polo seu funcionamento, a biblioteca escolar, concebida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, xenera contextos educativos fértiles para a adquisición de competencias clave para o alumnado que medra na sociedade da información e contribúe á adquisición de todas as competencias básicas do currículo

O lema elixido para este ano, LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia. Todos estes contidos teñen cabida na biblioteca e enriquecen a bagaxe lectora do alumnado. A ilustración é de PATRICIA CASTELAO.

Por outra parte, a incorporación do profesorado dos departamentos de ciencias aos equipos de biblioteca, diversifica as posibilidades de intervención da mesma e favorece o deseño de actividades plurais en contidos e imprescindibles para o desenvolvemento de todas as competencias básicas.

A biblioteca ten na ciencia unha fonte riquísima para realizar propostas de carácter interdisciplinar, que debe aproveitarse para que este tipo de actividades vaia callando en todo o profesorado e facilite realmente o desenvolvemento do currículo en todas as áreas e materias. É unha oportunidade  tamén para avanzar nas estratexias de comprensión lectora de todo tipo de textos, e moi especialmente, un desafío para mellorar as habilidades de uso, selección e produción de información en todos os soportes, moi especialmente os recursos electrónicos. Aprender a valorar a información que se atopa en internet con criterios de credibilidade, veracidade, cientificidade, etc., é imprescindible para o noso alumnado; identificar, por exemplo, a pseudociencia entre a inxente cantidade de contidos audiovisuais que circulan por internet resulta difícil (ás veces incluso para os adultos), pero só a alfabetización mediática e informacional pode dotalos de recursos para poder facelo. 

Cartel

Libros que van e veñen

 

As nenas e os nenos de infantil van encher rúas e corredoiras de cores vivas, as destas pequenas mochilas para gardar o libro que escollen na biblioteca escolar para ler na casa, e cos da casa. "Libros que van e veñen" é unha iniciativa encadrada no programa "Hora de Ler" para o fomento da lectura,  que busca apoiar ao profesorado no seu labor de implicación das familias nas actividades da biblioteca, e no empeño por conseguir que as nenas e os nenos desenvolvan hábitos de lectura.

Destinado ás familias, edítase un tríptico con orientacións e posibilidades de colaboración na casa e na escola, a través das actividades deseñadas pola biblioteca escolar. Este material (bolsas) enviarase aos centros, para o alumnado de ensino infantil, baixo demanda. Os trípticos pódense descargar desde aquí. (enviar solicitudes á Asesoría de bibliotecas escolares no correo habitual). 

 

Convocatoria de Clubs de Lectura 2013/2014

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicaba o pasado 2 de setembro, no Portal Educativo (e no contexto do programa Hora de ler,  para o fomento da lectura en centros de ensino), a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros de ensino secundario, correspondente ao curso 2013/2014. 

Esta iniciativa vai destinada a aqueles centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional (tanto en réxime ordinario como de persoas adultas), ou ensinanzas de réxime especial. Distribuiranse un total de 165.000€ para custear os gastos derivados da actividade do club, fundamentalmente a adquisición de libros que, posteriormente se incorporan aos fondos da biblioteca escolar. (Na imaxe, un grupo de lectura do IES de Melide). 

O prazo de presentación de solicitudes, segundo o modelo recollido no anexo I da convocatoria, remata o 11 de outubro de 2013. 

TEXTO DA CONVOCATORIA

VI Xornada dos Clubs de Lectura: vídeo-resume

VI Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo resume da VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013, con asistencia do profesorado que coordinou durante o curso 2012/2013 os clubs de lectura existentes en 222 centros educativos de ensino secundario de Galicia; clubs que acollen varios grupos de lectura e que, en conxunto, reúnen a unhas 7.000 persoas entre alumnado, profesorado, persoal non docente e familias. Ademais dunha mesa de experiencias e de reunións dos participantes en función de catro temáticas diferentes (a lectura social, a lusofonía e as linguas nos clubs de lectura; a lectura, os valores e o voluntariado cultural; os recursos dixitais ao servizo da lectura), tamén interviron a profesora valenciana Gemma LLuch, especialista en literatura infantil e xuvenil e estudosa do fenómeno da lectura), Xosé R. Lois, un dos responsables de Redelibros, a rede social galega do libro, e o escritor Marcos Calveiro. Cándido Pazó puxo o punto final a esta xornada.

Marcos Calveiro: Ler, escribir, amar

Marcos Calveiro: "Ler, escribir, amar" from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Intervención do escritor Marcos Calveiro como peche da VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013. Interesante reflexión sobre a súa formación como lector e a súa actividade de escritor para mozas e mozos, entre outras cuestións sobre a lectura, os libros, as bibliotecas...

Contribución dos clubs de lectura á adquisición de competencias básicas

Mesa de experiencias: Clubs de lectura e competencias básicas from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Mesa de experiencias baixo o título "Participar nun club de lectura serve para adquirir competencias básicas", na VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013. Interveñen coordinadores e coordinadoras de clubs de lectura en distintos centros de ensino secundario de Galicia:
- Begoña Valdés, do IES Ramón Otero Pedrayo, de A Coruña.
- Julio Abalde, do IES Ribeira do Louro, de O Porriño (Pontevedra).
- Almudena Platero, do IES Xesús Ferro Couselo, de Ourense.
- Delio Chao, do CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla (Lugo).

Lecturas para o verán 2013

Achégase o verán e as bibliotecas escolares galegas publican as súas recomendacións de lecturas, cine, música ou enlaces de interese, que serven de orientación aos distintos membros da comunidade educativa para manter o hábito da lectura de amplo espectro durante as vacacións:

Gemma Lluch: Criterios para seleccionar libros para adolescentes

Gemma Lluch - Criterios para seleccionar libros para adolescentes from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Intervención de Gemma Lluch que daba inicio á VI Xornada dos Clubs de Lectura, o pasado 31 de maio en Compostela, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura nos centros públicos de ensino secundario de Galicia.

VI Xornada dos Clubs de Lectura

 

O 31 de maio será a data para a cita anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura que están a funcionar en 222 centros de ensino público de Galicia no presente curso. Será xa a VI Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar en sesións de mañá e tarde nas instalacións da EGAP (Escola Galega de Administración Pública). 

Ao longo da xornada haberá ocasión para o encontro e o intercambio de experiencias; tamén está prevista a participación de Gemma Lluch, especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, membro do grupo de investigadores ERI Lectura, da Universitat de Valencia. haberá un espazo para falar da "lectura social", a tendencia actual de intercambio de experiencia lectora a través das redes sociais, coa presenza dun dos impulsores de Redelibros, a rede social galega do libro, Xosé R. Lois. Poñerá fin á xornada o escritor Marcos Calveiro, un autor moi valorado polos lectores e as lectoras e con múltiples recoñecementos pola súa obra dentro e fóra de Galicia.

A VI Xornada dos Clubs de Lectura é unha oportunidade para coñecer as múltiples actividades que están levando a cabo os grupos de lectura creados en centros educativos de Galicia, que van constituíndose pouco a pouco e grupos de dinamización da lectura nas súas comunidades educativas de referencia, establecendo vínculos con outros grupos de lectores e contribuíndo a unha maior presenza dos libros e da lectura na vida social galega. Os clubs de lectura son unha das fórmulas de fomento da lectura coa xente nova, e cos adultos (preto dun 30% dos centros implicados teñen tamén grupo de lectura de adultos) , que máis contribúe á consolidación deste hábito, e á adquisición de competencia lectora (entre outras), esencial para a formación persoal e directamente relacionada co éxito académico. 

PROGRAMA

A construción do lector. Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz: A construción do lector from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

No Día Mundial do Libro, nada mellor que a palabra de Agustín Fernández Paz, lector, escritor, mestre... falando da "construción do lector" nos pasados Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, celebrados en Compostela os días 7 e 8 de marzo de 2013.

 

ACCESO AO RESTO DOS VÍDEOS desta actividade

Día Mundial do Libro 2013

"Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre o mellor xeito de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ao oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo".

(Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO co gallo da celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, o 23 de abril de 2013) 

Coma en anos anteriores, e para celebrar este Día Mundial do Libro o vindeiro 23 de abril de 2013, edítase un marcapáxinas cun texto orixinal co que unha autora, neste caso PAULA CARBALLEIRA (narradora oral, escritora, actriz, directora de teatro), agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia. Paula escribiu un texto no que destaca as potencialidades do libro para atraer aos lectores máis novos, mesmo a aqueles que (en principio) ofrecen máis resistencias. Esta edición conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e foi distribuído entre as bibliotecas do Plan de mellora de bibliotecas escolares. Pódese descargar AQUÍ

As bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas actividades para celebrar o Día do Libro, unha data clave no calendario civil anual para poñer en valor o libro e a experiencia lectora entre a comunidade educativa: 

Pase ao "liberespazo"

 

"Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse -por amplos corredores ou portas secretas- como as salas dun pazo inmenso, forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, o liberespazo, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E ao converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre." Carlo Frabetti

No Día Mundial do Libro do ano 2008 dábamos a coñecer un texto-agasallo do escritor Carlo Frabetti para as Bibliotecas Escolares de Galicia: O liberespazo. Retomamos, cinco anos despois, aquel fermoso texto e aproveitamos esta cita para deseñar, xunto co ilustrador Andrés Meixide, un "pase ao liberespazo", destinado aos lectores e lectoras. Estes poderán ir recollendo as súas "viaxes" polos libros e, a través do visado da biblioteca (que dá fe destas viaxes), acadar a categoría de "libernautas", con dereito propio a viaxar libremente polo "liberespazo".  Este material edítase en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través do programa "Leer para aprender. Leer en la era digital"

Nos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares fíxose entrega de exemplares desta pequena publicación, con destino ás bibliotecas escolares do Plan de mellora. O profesorado interesado en empregar este "pase" co seu alumnado,  pode DESCARGALO AQUÍ (imprimir a tamaño A5)e AQUÍ (con marcas de corte)

Desde a EEI Barrionovo, de Arteixo, chéganos esta primeira nova da súa presentación ás nenas e aos nenos do centro. E agora, noticia sobre os primeiros "libernautas".

+ LIBERNAUTAS no CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo) 

2 de Abril: Día Internacional do Libro Infantil

O vindeiro 2 de Abril conmemórase, tal e como se vén facendo desde o ano 1967, o nacemento de Hans Christian Andersen. A IBBY declarou esa data Día Internacional do Libro Infantil, co fin de lembrar a importancia de ofrecer  bos libros a todas as nenas, a todos os nenos, libros de calidade que esperten a súa imaxinación e os axuden a medrar como lectores e como persoas.

Cada ano, esta organización internacional encárgalle unha imaxe e un texto a autores de diferentes países. Nesta ocasión, a autora do texto é a mexicana Pat Mora e o ilustrador do cartel é o estadounidense Ashley Bryan

A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder ao poema de Pat Mora nas catro linguas do Estado, un poema que remata así:

Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,

percorrendo o mundo coa alegría nos libros. 

Unha boa oportunidade para coñecer a existencia de distintas correntes artísticas, pictóricas e literarias, que enriquecen coa súa mirada o mundo no que nos tocou vivir.