Skip to Content

Complementarias

Visitamos Galiciencia, a maior feira científica de Galicia

Máis imaxes da xornada neste álbum

O alumnado de 3º ESO visitou Ourense para achegarse a Galiciencia, unha feira que se celebra dende 2006 co obxectivo principal de achegar a ciencia á sociedade en xeral e aos estudantes en particular. Nesta saída, organizada polos Departamentos de Bioloxía, Tecnoloxía e Relixión, os rapaces e rapazas puideron visitar proxectos científicos de diferentes centros de Galicia, que nesta ocasión versaban sobre a economía circular. Ademais, asistiron a diferentes obradoiros como "Dálle a volta ao usar e tirar", con Manuel Vicente, e ao espectáculo "Falamos de economía circular" con David Ballesteros. Pero aínda houbo máis e pola mañá visitaron a capital ourensá, na que coñeceron a Catedral, As Burgas, a Praza Maior e outros lugares de interese do casco vello.

"Do artista á persoa", ou o que é o mesmo, de David López Veleiro a David Amor.

A Semana das Letras Galegas avanza e este martes tivemos o pracer de recibir no noso centro o actor e humorista David Amor, que conversou co alumnado de 3º ESO. A charla xirou arredor das interioridades do mundo do espectáculo e a televisión, de todo o inmenso traballo que se realiza previamente e por tantos profesionais para que eses formatos de entremento cheguen ás nosas casas, ás pantallas do cinema ou ás salas de teatro, e da importancia da educación e da formación, da constancia e a vontade, para abrirse camiño naquel campo ao que nos queiramos dedicar profesionalmente na vida.

Tamén houbo tempo para achegármonos á persoa, aos seus inicios, á súa faceta deportiva ou á lingua galega, que David sempre fala e defende con orgullo e moi consciente das súas raíces. 

Logo, o alumnado de 1º BACH entrevistouno para a radio escolar xa nun formato máis próximo, no que abordaron o noso convidado con preguntas sobre estes e outros temas. Coa súa experiencia nos medios, David axudounos con consellos e algunhas observacións nesta súa estrea radiofónica.

Noraboa a Hugo, Pablo, Raquel, Cristhian e Ángel, fixéstelo moi ben, e moitas grazas a David pola súa visita, pola simpatía e a cercanía. Até a próxima!

Roteiros científicos na nosa contorna

Máis imaxes dos roteiros neste álbum

Durante a segunda quincena de abril o alumnado de diferentes cursos participou en tres roteiros científicos enmarcados no poxecto Divulgaciencia, un programa do Concello de Soutomaior que pretende espertar a curiosidade pola ciencia e difundir contidos científico-tecnolóxicos entre o alumnado e a poboación en xeral e que culminou o pasado 5 de maio coa celebración da I Feira da Ciencia. Este programa municipal conta co financiamento da FECYT, a Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía. 

O alumnado de 4º ESO de Bioloxía participou no percorrido "Soutomaior mira ao mar", roteiro orientado ao medio mariño para abordar cuestións ambientais relacionados co mar e a xeomorfoloxía do litoral. Pola súa banda, o alumnado de 1º ESO e de 1º BACH-Bioloxía implicouse na andaina "Mergúllate no monte", que ofreceu un percorrido polos camiños da Montesiña para aprender a recoñecer a fauna e a flora dos bosques. Finalmente, en colaboración co Dpto. de Física e Química, os rapaces e rapazas de 2º ESO sumáronse a unha "Aventura ecolóxica", que consistiu nunha visita á praia da Muxeira para realizar unha recollida de residuos e unha mostraxe de microplásticos, que foron enviados logo ao proxecto The Big Microplastics Survey.

As actividades do Programa Divulgaciencia 2022 comezaron antes das vacacións cos obradoiros desenvolvidos no centro para o alumnado de 1º e 3º ESO.

Programación da Semana das Letras Galegas 2022

Hoxe deu comezo a Semana das Letras Galegas no IES de Soutomaior cun programa no que se combinan a música, o audiovisual, a poesía, a muller, o teatro, os medios, exposicións, mocidade, presente e futuro... en galego! 

O Equipo de Normalización Lingüística organizou, en colaboración con diferentes departamentos do centro, un intenso calendario de actividades culturais e formativas que podedes coñecer máis polo miúdo neste tríptico.

A estrea veu da man de Eva González, directora de Polas bravas!, un documental da Asociación AVINZA GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural de Allariz) que retrata feitos e sentimentos de mulleres do rural ourensán, que achega a súa visión íntima e profunda sobre a vida, así como unha reflexión sobre os diferentes xeitos de gañar a vida no campo.

"E vós, sodes do rural? Sentídesvos do rural?". Estas foron as preguntas deron paso ao coloquio. E a resposta non é sinxela. Os nosos modos de vida, os nosos labores cotiáns, a maneira de relacionármonos coa comunidade, etc. responde a patróns e hábitos máis urbanos ou podemos dicir que o mundo rural xa non persiste como era tempo atrás en Soutomaior.  

Esta e outras cuestións relacionadas centraron o coloquio coa autora dun documental que pon en valor o traballo de seis mulleres que emprenderon negocios que lle dan vida, e un sentido económico sostible, ao rural. Combinar os coidados da familia, os labores agrícolas e gandeiros e o traballo fóra da casa tamén están presentes en todo o documentario.

Moitas grazas por amosar o voso traballo e polas reflexións, Eva! Queda pendente para máis adiante coñecer máis polo miúdo o proxecto Carabuñas.

1º de ESO participa no Festival FIC Andaina

O alumnado de 1º de ESO acudiu ao FIC Andaina, o X Festival Internacional de curtametraxes e diversidade funcional, organizado pola asociación Andaina.

Tras unha poñencia e o visionado, puidemos votar a nosa favorita entre as 4 curtometraxes presentadas:

  • "Adopción especial”, que narrou as conversas dunha parella sobre a adopción dun neno/a con necesidades especiais.
  • “Orquesta Los Bengala”; onde o humor, a amizade e a familia xuntan forzas para axudar un dos protagonistas, que sofre demencia.
  • “Mordisquitos”; a historia dunha parella, co trasfondo da saúde mental.
  • “Intentando”; que xirou en torno ás conversas dun fillo co seu pai: a importancia de esforzarse, de non frustrarse e loitar por un mesmo, axudar os demais, respectar as diferenzas e non crerse superior a ninguén...

Matemáticas na Raia 2022

O alumnado minutos antes de comezar a proba

O pasado xoves día 21 de abril un pequeno grupo de alumnos e alumnas de 3º da ESO participou na fase rexinoal do concurso Matemáticas na Raia.

Matemáticas na Raia é un concurso de resolución de problemas por equipos que se desenvolve en Galicia e no Norte de Portugal, organizado conxuntamente pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) e a Associação de Professores de Matemática de Portugal (APM).

Esta actividade ten carácter anual e fomenta o traballo colaborativo, participando nela clases completas (ou case completas) de 3º ESO en Galicia e 9º Grao en Portugal.

A proba consiste en resolver, en hora e media, cinco problemas matemáticos. Realízase o mesmo día, á mesma hora e cos mesmos enunciados en Galicia e Portugal.

Noraboa ao alumnado participante pola súa rápida intervención na resolución dos problemas e a súa capacidade para o traballo en equipo.

25 de abril, sempre!

Hoxe cúmprese o 48º aniversario do 25 de Abril, o día no que o Movimento das Forças Armadas (MFA) e o pobo portugués saíron á rúa e protagonizaron a Revolução dos Cravos, que puxo fin ao Estado Novo, a ditadura de Antônio de Oliveira Salazar.

Na madrugada daquel día, ás 00.25, soou na Rádio Renascença o Grândola, vila morena, de José Alfonso, o Zeca. Era o sinal pactado para comezar a revolta democrática, que Celeste Caeiro, de ascendencia galega, simbolizou nun cravo, nun caravel. Zeca Fonso cantara o "Grândola" dous anos antes no histórico concerto do Burgo das Nacións de Santiago de Compostela.

Grazas á Associaçom José Afonso Galiza, contamos durante toda esta semana coa exposición "Os cartazes do 25 de abril".

Da rabecha ao portazo

Mañá terá lugar unha nova sesión da Escola de Familias de Soutomaior. A cita será ás 18:30 na Aula de Usos Múltiples do IES e está aberta a todas as familias que se inscriban a través deste formulario.

Neste novo encontro, baixo o título "Da rabecha ao portazo", abordaremos que entendemos por conflito, cales son as súas fases e traballaremos sobre a relevancia do compoñente emocional do mesmo. Así mesmo, falaremos de tipos de conflito e das actitudes persoais para afrontalos e finalizaremos cun caso práctico para representar o explicado.

Estrea do Clube de lectura en galego para persoas adultas

Onte, martes 22 de abril, botou a andar o Clube de Lectura en Galego para Adultos do IES de Soutomaior con motivo da celebración da I Feira do Libro de Soutomaior e na véspera do Día do Libro. 

Máis imaxes do encontro aquí.

Para esta estrea, tivemos a sorte de contar coa presenza de María Rei Vilas, autora da primeira lectura escollida, Flores de ferro, coa que mantivemos unha agradable conversa sobre o proceso da escrita, sobre como se xestou a historia e aínda máis: o trasfondo histórico do golpe de estado franquista e a ditadura que abriron a porta de inferno da violencia e a represión, os silencios e os traumas que arrastramos sobre esa época nas familias e na sociedade, a evolución dun mundo rural en desaparición... e, sobre todo, dos personaxes nunha novela de marcado protagonismo feminino (Camila, Olga, Aurora, Helia, Lola, Matilde, Catarina, Esperanza, Nidia...) que nos arrastran cara á revelación dun segredo que vos convidamos a descubrir.

Horas antes, no acto de inauguración da I Feira do Libro de Soutomaior na Alameda Talo Río, algúns dos membros dos clubes de lectura do IES de Soutomaior improvisaron unha breve performance que incluíu unha solta de libros entre as persoas asistentes. Grazas Lucía, Sofía, Álvaro, Xiana e Clara por colaborar neste evento, no que tamén participaron tres alumnas do Colexio Santiago Apóstol que fixeron unha invitación á lectura a través dun texto de Xulio Verne e deron a coñecer o programa da feira acompañadas pola son excepcional do oboe.

A programación inclúe a presenza de dous profesores do centro, Irene Alonso, que estará presente cos libros A caca Cuca e As cicatrices do caranguexo, e Orlando Beares, con A historia do cómic en Galicia.  

Identificando as nosas habilidades e oportunidades no mundo laboral

Máis imaxes da actividade neste álbum

O pasado mércores 19 de abril, o alumnado de 4º ESO sumouse ao programa de accións socioeducativas non formais que a Concellaría de Educación de Soutomaior promove en coordinación cos centros educativos.

Da man de Raquel Pedrouso, especialista en procesos de aprendizaxe en contornos profesionais e educativos, os mozos e mozas que rematan este ano a etapa de educación secundaria obrigatoria participaron no obradoiro "Sintoniza coa túa melodía profesional". A través do xogo e de dinámicas cooperativas, o alumnado traballou sobre as propias habilidades co obxectivo de aplicalas e desubrir a súa potencialidade ante as oportunidades que poden encontrar no ámbito laboral.

Distribuir contido


by Dr. Radut