Skip to Content

Agregador de novas

Rueda destaca que preto de 20.000 estudantes universitarios e de Ensinanzas Artísticas Superiores vanse beneficiar da matrícula gratuíta da Xunta para os seus estudos

Portal Educación Xunta - Lun, 23/09/2024 - 17:17

Summary: 

Asegura que xa son máis de 10.300 os beneficiarios e a cifra vaise incrementar unha vez que peche o derradeiro prazo de matrícula e o Ministerio resolva as súas bolsas

Salienta que o Goberno galego aboará ás universidades un pagamento inicial de preto de 5,6 M€ este mes en concepto de compensación, “dous meses antes sobre o previsto”, cifra que se seguirá ampliando en próximos pagamentos

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que “xa son 9.659 estudantes de grao e 647 de ensinanzas artísticas” que se beneficiaron da gratuidade da matrícula para este curso en Galicia e que a previsión é que finalmente esta cifra se duplique e se chegue “arredor de 20.000 estudantes ao longo de todo o curso”.

 

Segundo o informe elevado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ao Consello da Xunta, estímase que a cifra de beneficiarios da matrícula de balde aumente logo de que nos próximos meses peche o derradeiro prazo de matrícula en outubro, e se resolvan as bolsas de estudo estatais entre xaneiro e febreiro do próximo ano. Trátase, por tanto, de estudantes que cumpren coas condicións para a matrícula gratuíta da Xunta pero están pendentes doutras exencións que, de non obtelas, se lles aplicaría a bonificación autonómica.

 

Así pois, no caso dos estudos de grao universitario, a día de hoxe aínda quedan arredor duns 8.000 posibles novos beneficiarios pendentes da bonificación por estaren pendentes da aplicación dalgunha das exencións previstas como ser beneficiario dunha bolsa do Ministerio, ter matrícula de honra, persoal universitario ou familia numerosa entre outros, ou ben estar pendente da revisión dalgunha incidencia. Isto é, que as persoas que solicitaron outras exencións, se finalmente non as obteñen pero cumpren cos requisitos establecidos pola Xunta, vanse beneficiar da gratuidade, o que elevará a cifra final.

 

Tal e como explicou o presidente, a gratuidade da matrícula supón “un déficit na tesourería das universidades públicas” e, por iso, o Consello acordou “adiantar” o pago ás universidades “en compensación pola baixada de ingresos” ante esta medida. En concreto, a Xunta vai aboar 5,6 M€ ao longo deste mes aos campus, “é dous meses antes do prazo pactado inicialmente”.

 

Por universidades e especialidades

Por universidades, a Universidade de Santiago vai recibir 2,2M€ correspondentes ás 3.933 matrículas certificadas ata o momento, a Universidade de Vigo recibirá 1,6M€ por 2.889 matrículas validadas e a Universidade da Coruña 1,7M€ por 2.837 matrículas. O investimento derivado das fases posteriores irase aboando a medida que se avance no proceso.

 

No que atinxe ás matrículas das Ensinanzas Artísticas Superiores, xa se beneficiaron da gratuidade un total de 647 estudantes  a razón de 337 da especialidade de Deseño, 214 da de Música, 70 de Arte Dramática e 26 de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o que implica un desembolso de 276.397€ por parte da Xunta de Galicia. Non obstante, estímase que a cifra final de beneficiarios acade os 1.000, logo de que se resolvan as exencións que aínda están pendentes de aplicar.

 

Medida pioneira en España

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia implantou por primeira vez neste curso a medida pioneira da gratuidade da matrícula para todos os estudantes de grao coa bonificación equivalente ao 99 % das taxas para todos aqueles que inician os seus estudos nas tres universidades públicas galegas, e para os alumnos de continuidade de 2º curso en diante que superasen durante o curso anterior porcentaxes de créditos que varían entre o 65 % e o 90 %, segundo a área de coñecemento. Tamén se benefician desta medida os estudantes de Ensinanzas Artísticas Superiores.

 

A posta en práctica desta medida supón redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardaría, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Luz verde á construción da nova facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio económico da Xunta

Portal Educación Xunta - Lun, 23/09/2024 - 17:06

Summary: 

Rueda informa que o Goberno galego “inxectará 12M€ ata 2026” para a construción deste centro a través do Plan de infraestruturas

Destaca que, ademais desa inxección directa, a Xunta autoriza á USC a “negociar coas entidades bancarias o aprazamento da débeda doutros case 10M€, o que lle dá unha dispoñibilidade de fondos de 22M€”

Deste xeito, impúlsase a mellora das infraestruturas universitarias públicas galegas, no marco do Plan de infraestruturas da Xunta, que mobilizará máis de 100M€

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten luz verde para construír a nova Facultade de Farmacia na capital Galicia, “un dos edificios máis demandados pola comunidade educativa”. Así se desprende do informe analizado no Consello, polo que a Xunta confirma a dispoñibilidade de fondos para a edificación desta facultade e evitar así que o alumnado “teña que repartirse entre outras facultades”, tal e como apuntou o titular do Goberno galego.

 

Para iso, o Goberno galego “inxectará 12M€ á USC ata 2026” para a construción deste edificio a través do Plan de infraestruturas universitarias, a razón de 4M€ nas anualidades de 2024, 2025 e 2026. Súmanse aos 4M€ que xa se transferiron á universidade compostelá ao abeiro deste plan en 2023, e que se están a destinar fundamentalmente á rehabilitación da Facultade de Química. Entre os compromisos de colaboración entre Xunta e USC en materia de infraestruturas tamén se mantén o compromiso co traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

 

Por outra banda, tal e como salientou Rueda, a Universidade de Santiago de Compostela “poderá negociar coas entidades bancarias o aprazamento do pagamento da débeda doutros case 10M€, o que lle dará á universidade unha dispoñibilidade de fondos de 22M€”.

 

Con estes fondos, a USC comprométese a executar un proxecto de construción para a Facultade de Farmacia de 24,5M€. “O resto do financiamento, 2,5 M€, sairá dos fondos propios da universidade”, engadiu, ao tempo que sinalou que a previsión da USC é “comezar as obras de construción o ano que vén e que  a nova facultade estea rematada no 2027”.

 

Desta forma impúlsase a mellora das infraestruturas universitarias públicas galegas, no marco do Plan de infraestruturas que o Goberno galego habilitou o pasado ano para este fin, cun orzamento total de 40M€.

 

Nova Cidade da Saúde

A Universidade de Santiago de Compostela fixou entre os seus obxectivos no marco do Plan de infraestruturas a creación da nova Cidade da Saúde na capital galega, un conxunto de edificios que acollerá a Facultade de Enfermaría, a Facultade de Farmacia, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro.  A previsión é construír módulos enerxeticamente eficientes, cunha baixa demanda e con produción propia de enerxía mediante fontes renovables.

 

Coa nova inxección económica garántese a viabilidade, dentro da Cidade da Saúde, da nova Facultade de Farmacia, un dos edificios máis demandados pola comunidade universitaria, dada a deterioración do edificio actual, que leva afectando o alumnado e docentes desde hai case unha década.

 

Mobilizar máis de 100M€

Ambas as actuacións enmárcanse no Plan de infraestruturas universitarias da Xunta, a través do que inxecta ás tres universidades públicas galegas ata 2026 un total de 40M€ para a mellora dos seus centros e facultades. A través deste plan, complementario aos recursos propios das universidades e a outro tipo de axudas que poidan percibir, prevese mobilizar arredor de 100M€.

 

O obxectivo é seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do Sistema universitario de Galicia, a través de melloras nas infraestruturas dos sete campus, tanto rehabilitacións como construción de novos edificios modernos para facultades e centros de investigación adaptados aos retos de futuro.

 

Este investimento súmase, como unha cantidade adicional, ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, a folla de ruta de financiamento estable e certo coa que contan as universidades galegas. Engádese, ademais, ao convenio asinado en 2021, por importe de 4,5M€, para a mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas universitarias, como anticipo a este plan de Infraestruturas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta creará unha rede de centros educativos de referencia en materia de inclusión e innovación dotada con 2M€

Portal Educación Xunta - Lun, 23/09/2024 - 16:51

Summary: 

A Consellería de Educación publicará nos próximos días a convocatoria para que os centros presenten os seus proxectos de mellora

Afondarán en eidos como as matemáticas e a lectura, a igualdade, a convivencia, o benestar emocional, as altas capacidades ou o contacto con outros centros de Europa

É a terceira medida do Plan MEGA que se pon en marcha, tras os programas Promociona e Proa+

Idioma Gallego

A Xunta vai impulsar este curso a creación dunha rede de centros educativos de referencia en materia de inclusión e innovación educativa. Farao a través dun dos seis programas que compoñen o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno autonómico para a transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego.

 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicará nos próximos días a convocatoria para que os centros presenten os seus proxectos de mellora. Poderán facelo arredor de dúas modalidades, unha centrada na inclusión educativa e outra na innovación pedagóxica.

 

Os centros seleccionados desenvolverán o seu proxecto ao longo do curso 2024/25. Para iso, contarán co apoio específico do departamento educativo da Xunta a través de asesoramento, formación específica e difusión de boas prácticas. Asemade, dotarase aos centros dunha asignación extraordinaria para o desenvolvemento dos proxectos, para o que a convocatoria está dotada cun orzamento de ata 2M€.

 

O obxectivo deste programa é que os centros educativos seleccionados poidan influír positivamente noutros centros similares e converterse en exemplos de boas practicas promovendo actuacións e metodoloxías que poidan ser replicadas e adaptadas por outros centros.

 

É a terceira medida Plan MEGA que se pon en marcha, tras os programas Promociona e Proa+, cun novo enfoque que vén substituír os antigos contratos-programa, modernizándoos.

 

Amplo abano de boas prácticas

Poderán participar neste programa os centros públicos que impartan ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria. Deberán elaborar un proxecto educativo centrado nalgunha das oito áreas de mellora ou ámbitos presentados na convocatoria: igualdade, convivencia, inclusión, benestar emocional, competencia matemática, competencia lectora, internacionalización e sostibilidade.

 

No eido da igualdade valoraranse os proxectos que fomenten a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a prevención, a detección e o tratamento das violencias machistas e a o respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero; mentres que no da convivencia os proxectos deberán incluír medidas que favorezan o clima escolar ou actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, entre outras.

 

En materia de inclusión seleccionaranse proxectos con actuacións dirixidas á atención a diversidade, a inclusión educativa e social de todo o alumnado, a mellora das necesidades educativas do alumnado de altas capacidades e do alumnado absentista e en risco de abandono temperán.

 

Pensamento crítico e empatía

No caso do benestar emocional, priorizaranse as iniciativas dirixidas a mellorar a competencia socioemocional da comunidade educativa, así como o desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima, a empatía e a resiliencia, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias, en lina coa Estratexia galega de convivencia escolar, Educonvives.

 

O programa para o impulso de centros referentes tamén impulsa o reforzo das competencias matemáticas e lectora. No primeiro dos ámbitos os centros deberán elaborar proxectos que aposten por enfoques educativos innovadores, no fomento do pensamento critico e no estímulo da resolución de problemas de xeito interdisciplinar e práctico.

 

No que atinxe á competencia lectora, seleccionaranse iniciativas que impulsen actividades de lectura que cheguen a todos os membros da comunidade escolar e que lles sirvan como vía de entretemento e de crecemento persoal.

 

Interese por outros idiomas e cultura

Na área de internacionalización búscase favorecer o contacto dos centros educativos galegos con centros educativos de Europa que implican a alumnado e profesorado para fomentar un maior interese por outras culturas e realidades, así como a promoción de actividades ou proxectos centrados no coñecemento e emprego por parte do alumnado das distintas linguas, orais ou signadas.

 

Finalmente, no ámbito da sostibilidade seleccionaranse proxectos que propoñan medidas organizativas, metodolóxicas ou actividades deseñadas para que os centros evolucionen cara a un funcionamento ambientalmente responsable.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Convocatoria do proxecto Biblioteca Creativa para centros públicos que acollan ensinanzas de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para curso 2024/25

Portal Educación Xunta - Lun, 23/09/2024 - 15:20
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 16 de xullo de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación no proxecto de Biblioteca Creativa, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que acollan
ensinanzas de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para curso 2024/25.
 

  • O prazo de presentación de solicitudes, será de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no portal educativo.

File: 

Convocatoria Proxecto biblioteca creativa Guía de solicitude

Tema: 

Programas e plans Plan LÍA Bibliotecas escolares

Ensinanza: 

Educación infantil Educación primaria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Bota a andar o Plan anual de formación do profesorado dotado con 132.531 prazas, un 7,5 % máis

Portal Educación Xunta - Sáb, 21/09/2024 - 13:55

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o programa cunha actividade destinada á xestión de centros educativos

A Xunta inviste máis de 11 M€ en formar ao profesorado a través de seis liñas: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüismo

Román Rodríguez destaca o papel dos docentes como “piar fundamental do sistema educativo para preparar aos galegos para os retos do presente e futuro”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o Plan anual de formación do profesorado 2024/2025 nunha xornada sobre o uso das aplicacións institucionais na xestión dos centros educativos destinada aos equipos directivos. O titular de Educación explicou que a Xunta “pon a disposición dos docentes un total de 132.531 prazas para reforzar e actualizar as súas competencias profesionais, un 7,5 % máis”.

Así o sinalou durante a benvida aos participantes na xornada, na que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e coa que se busca dar a coñecer as diferentes ferramentas de xestión do ensino galego, así como familiarizar aos equipos directivos co uso destas tecnoloxías. Así mesmo, na formación resólvense dúbidas sobre o emprego de Xade, Abalar, Fondolibros ou Webex, entre outras opcións.

Román Rodríguez agradeceu o traballo de toda a comunidade educativa, facendo especial fincapé no papel dos docentes, que son “o piar fundamental do sistema educativo para preparar aos galegos para os retos do presente e futuro”. “Con formacións como a de hoxe -afirmou-, poñemos á vosa disposición as ferramentas necesarias para formar as novas xeracións con garantía de éxito nun marco de cambios constantes en metodoloxías educativas, dinámicas pedagóxica e transformacións sociais”.

6.172 actividades desde  Matemáticas a FP

Neste sentido, o representante da Xunta de Galicia explicou que o Plan de formación do profesorado deste curso inclúe un total de 130.136 horas, cun investimento total de 11,4 M€, medio millón de euros máis que o pasado curso. “Este ano, cun total de 6.172 actividades, daremos especial protagonismo á formación nos propios centros, máis personalizada, así como cursos e xornadas e formacións en liña”, engadiu.

O Plan deste ano aposta especialmente polas competencias matemáticas e dixitais e as relacionadas coa FP. De feito, o conselleiro destacou o incremento das prazas nas accións específicas para docentes de FP e ensinanzas de réxime especial, máis de 17.000, un 50 % máis. “O obxectivo é facilitar o traballo dos docentes, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI”, remarcou.

Deste xeito, este novo Plan contribuirá a afondar nos novos currículos e a fortalecer as competencias en aspectos tan necesarios como a atención á diversidade ou a xestión tecnolóxica, e seguir traballando por un modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos. A oferta está organizada en seis liñas formativas prioritarias: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüísimo. Estas liñas concrétanse en 23 itinerarios con tres niveis de desenvolvemento cada un e, dentro deles, 400 actividades formativas que son completamente novas ou foron actualizadas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez anima á mocidade a achegarse ao stand de FP na Feira do Moble de Galicia

Portal Educación Xunta - Sáb, 21/09/2024 - 13:51
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o stand de FP na XXXVI Feira do Moble de Galicia, un espazo que promociona os ciclos formativos das familias profesionais de Madeira, Moble e Cortiza e favorece o establecemento de relacións coas empresas do sector.

O titular de Educación da Xunta animou á mocidade a achegarse ao expositor para coñecer de primeira man “a ampla oferta formativa e as numerosas saídas profesionais” que ofrecen estes ciclos, nos que Galicia “é un referente a nivel estatal”. A feira conta, ademais, cunha exposición de pezas elaboradas polo alumnado de Formación Profesional do Instituto IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, que este ano estreou un novo edificio de talleres grazas a un investimento de 3M€ por parte da Xunta de Galicia. Os asistentes poden tamén experimentar coa realidade virtual no simulador de taller de carpintería.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta traballa para afianzar as competencias matemática e científica dos estudantes con programas como o Plan MEGA de mellora educativa

Portal Educación Xunta - Sáb, 21/09/2024 - 13:44

Summary: 

Educación destaca a importancia de accións como a feira ‘Open Sciencie’ de Cambre e o proxecto ‘Estalmat’ da USC no impulso dos coñecementos académicos nestas áreas

As directoras de Ordenación e Innovación Educativa e da Axencia Galega de Innovación participan hoxe en ambos eventos

Idioma Gallego

A Xunta traballa para afianzar os bos resultados dos alumnos galegos nas competencias matemática e científica a través de programas específicos como o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno galego dotada con 77M€ que arrancou este ano co obxectivo de avanzar na personalización e o apoio educativo na aula atendendo ás necesidades específicas de cada alumno.

Nestes momentos, segundo o último informe PISA, os alumnos galegos son líderes en competencia científica e sitúanse por riba da media de España e da OCDE en competencia matemática. Non obstante, co obxectivo de seguir mellorando estes resultados, desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional impleméntanse medidas de reforzo específicas para estes eidos.

Neste contexto, a Consellería gaba iniciativas como a feira Open Sciencie de Cambre e proxecto Estalmat-Galicia, de Estímulo do Talento Matemático impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Vocacións en ámbitos STEM

Precisamente esta mañá, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse a Cambre para visitar a feira de ciencia, unha cita xa consolidada dirixida a alumnos de todas as idades e ao público xeral, que poden gozar de conferencias, talleres, cafés científicos e espectáculos onde se presentan proxectos de ciencia e tecnoloxía vinculados coa sostibilidade. A representante da Consellería de Educación gabou o formato desta proposta que presenta a ciencia dunha forma lúdica que a fai máis atractiva para os rapaces.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou na inauguración do curso de Estalmat-Galicia 2024, o programa de estímulo do talento matemático pilotado pola Universidade de Santiago de Compostela a través da Facultade de Matemáticas e apoiado pola Xunta de Galicia entre outras institucións. Neste senso, Carmen Cotelo subliñou a importancia de accións deste tipo para “estimular o talento matemático e as vocacións científico-técnicas entre a nosa mocidade”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta e Asotrame sensibilizan ao alumnado co gallo do Día do doante de médula ósea

Portal Educación Xunta - Ven, 20/09/2024 - 15:36

Summary: 

O conselleiro de Educación coñece as actividades que a asociación realiza cos centros educativos grazas ao convenio de colaboración

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe en Santiago de Compostela a importancia de realizar accións de sensibilización ao alumnado sobre os procesos de transplante de medula ósea e a formación do profesorado para a atención educativa na volta á aula.

No acto do Día do doante de médula ósea, celebrado no IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, o conselleiro subliñou a relevancia do convenio asinado entre a Consellería de Educación e a Asociación Galega de Transplantes de Médula Ósea (ASOTRAME), na que se enmarca esta activdiade . “A colaboración con entidades como ASOTRAME é esencial para garantir que o alumnado afectado reciba a atención que precisa, tanto no ámbito educativo como emocional” -afirmou Román Rodríguez-. “Sensibilizar á comunidade escolar sobre esta realidade é fundamental para romper barreiras e apoiar aos rapaces e rapazas que atravesan situacións complicadas”.

Este convenio ten dous obxectivos principais. Por unha banda, busca concienciar ao alumnado sobre o transplante de medula ósea e a importancia da doazón, co fin de asegurar un correcto tratamento e coidado destes nenos e nenas. Por outra banda, pretende proporcionar formación ao profesorado para que dispoña de ferramentas e soporte que permitan tratar mellor as necesidades psico-sociais e educativas dos estudantes hospitalizados ou que precisan atención domiciliaria.

Reintegración do alumnado

Durante a xornada, presentouse a Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado, un recurso que facilitará a reintegración destes estudantes no ámbito escolar. Ademais, o conselleiro salientou que as charlas informativas que se organizarán nos centros educativos, grazas á colaboración con ASOTRAME, contribuirán a sensibilizar á mocidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez enxalza a traxectoria do Colexio Nosa Señora da Piedade por saber “adaptarse aos cambios e ser un referente en Vila de Cruces”

Portal Educación Xunta - Ven, 20/09/2024 - 15:15

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa no 50 aniversario deste centro educativo do que el mesmo foi alumno

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no 50 aniversario do Colexio CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, centro ao que se referiu como un “referente educativo neste municipio, sabendo transformarse e enfrontarse aos desafíos con cada nova xeración de alumnos”.

O representante da Xunta, durante a súa intervención no acto de conmemoración dos 50 anos de vida do centro, enxalzou a traxectoria do colexio por “saber adaptarse aos cambios ao longo dos anos e ir sempre á vangarda”. Algo que afirmou “sabelo de primeira man, pois eu mesmo fun alumno deste centro, que tantas alegrías e leccións me deu ao longo dos meus primeiros anos académicos”.

O titular de Educación considera que chegar ás cinco décadas de vida é un “reflexo de madurez, consolidación e experiencia, así como unha oportunidade para seguir aprendendo”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Goberno galego para garantir unha educación de calidade nas zonas rurais e ampliar o seu impacto, “o que transcende do meramente educativo e entra de cheo na memoria do lugar”, engadiu.

A xornada de celebración, ademais do acto protocolario cos discursos de representantes da comunidade educativa, contou tamén con unha visita polas instalacións do colexio e unha mostra fotográfica, así como con varias actividades: lembranzas, xogos, animación musical, xogos infantís e unha pequena merenda. Durante esta cita de convivencia, Román Rodríguez animou a toda a comunidade educativa a seguir “coleccionando recordos e dando vida a este centro educativo outros 50 anos máis”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta impulsa a colaboración entre os tres Campus de Especialización para fortalecer o sistema universitario de Galicia

Portal Educación Xunta - Ven, 20/09/2024 - 13:35

Summary: 

O obxectivo é establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación

O Goberno galego leva investido máis de 35M€ na especialización dos campus Industrial de Ferrol, Terra de Lugo e Auga de Ourense

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, presidiu hoxe a reunión de coordinación entre os tres Campus de Especialización no marco do impulso que a Xunta está a dar á colaboración entre eles. O obxectivo, enmarcado no Programa de Especialización de Campus do Goberno galego, é fortalecer o Sistema Universitario de Galicia.

No encontro, o segundo que se celebra para impulsar esta cooperación, os responsables do Campus Industrial de Ferrol, do Campus Terra de Lugo e do Campus Auga de Ourense puxeron en común os seus proxectos, en aras de evitar duplicidades e establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación.

Deste xeito, a cooperación suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados. Precisamente con este obxectivo, o Goberno galego lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal.

Financiamento específico

Desde a posta en marcha do programa, a Xunta leva investido máis de 35M€ nos diferentes convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo para o desenvolvementos dos campus especializados de Ferrol, Lugo e Ourense. Grazas a este apoio, os tres campus contan a día de hoxe con actuacións e financiamento propio e específico para impulsar o seu posicionamento, a calidade docente e investigadora e fortalecer o seu papel como axentes dinamizadores do territorio.

Ao abeiro deste impulso, ademais, o Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de España e de Galicia en acadar o selo de excelencia que recoñece a súa especialización, acreditación coa que contaron posteriormente a nivel galego o Campus Terra de Lugo e o Campus Auga de Ourense.

Tras a reunión, que se celebrou no Edificio de apoio á investigación CACTUS, no campus de Lugo, os participantes realizaron unha visita ás principais instalacións do campus Terra, como a Aula de Produtos Lácteos, o Hospital Veterinario Rof Codina, a Finca de prácticas ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE), entre outras.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta aposta no 24º ‘Congreso Internacional de Formación para o traballo norte de Portugal/Galicia’ polas microcredenciais a medida do mercado laboral

Portal Educación Xunta - Ven, 20/09/2024 - 13:34

Summary: 

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destaca hoxe en Porto que o Goberno galego está avogando por flexibilizar a formación para o emprego a través de microformacións que atendan ás necesidades das empresas

Todo no marco dunha estratexia a prol de casar oferta e demanda laboral, captando tamén o talento dos galegos retornados ou das persoas inmigrantes mediante programas específicos

Pola súa banda, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, pon en valor o modelo galego de FP como exemplo de calidade, innovación e especialización

Idioma Gallego

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participan hoxe no 24º congreso internacional Norte de Portugal/Galicia sobre esta materia. No caso da representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, durante a súa participación nunha mesa de debate sobre o futuro da formación para o traballo, destaca a aposta da Xunta polas microformacións orientadas ás necesidades das empresas -na liña do que impulsa a Unión Europea- para capacitar ás persoas traballadoras ao tempo que se contribúe a cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.

Nese senso, cómpre sinalar as convocatorias autonómicas abertas, como a pioneira por 4 millóns de euros destinada ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas. Grazas a ela, unha empresa poderá seleccionar e fragmentar de xeito cirúrxico a demanda formativa para os seus traballadores, podendo escoller desde a amplitude dun grao C -deica 1.000 horas- ata unha microformación concreta de 40 horas dun grao A.

Tamén se poden solicitar aínda os 8 millóns para unidades formativas en empresas, coas que se prevé que o tecido produtivo poida cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas. Neste caso, axúdase ás empresas a impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40% do alumnado que participen na acción formativa. 

Sobre a mesa, tamén están hoxe as vantaxes do Programa Retorna Cualifica Emprego para que os galegos no exterior poidan establecerse de volta na nosa terra, grazas á formación para o emprego que se lles proporciona para encaixar nos traballos de calidade ofertados en orixe da man das empresas.

Así mesmo, cabe salientar os convenios de arraigamento para a formación, que avogan por unha inmigración ordenada e regular -tamén- en estreita colaboración co tecido produtivo e -unha vez máis- achegando a estas persoas microformacións específicas para garantir a súa idoneidade de cara ás ofertas laborais existentes.

Modelo de éxito da FP galega

Pola súa banda, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor o modelo galego de Formación Profesional como exemplo de calidade, innovación e especialización que se reflicte na enorme confianza despositada nestas ensinanzas tanto polo alumnado (con récords de matrícula) como polas empresas. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que isto é froito dun traballo “firme e constante” por parte do Goberno galego na última década “en diálogo constante“ cos centros de FP e cos sectores produtivos, que permitiu deseñar unha oferta formativa ampla, variada e adaptada ás necesidades socioeconómicas de cada sector e de cada ámbito xeográfico. 

Co fin seguir afianzando esta senda de calidade, Eugenia Pérez avanzou que a Xunta porá en marcha desde este curso o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, dotado con 24M€ ata 2028, co obxectivo de orientar profesionalmente á mocidade galega a través dun abano de máis de 60 accións específicas neste eido. A través deste plan búscase acadar o abandono escolar cero e que o 100% dos rapaces sigan formándose ata, polo menos, cumprir a maioría de idade, así como atraer de novo ao sistema educativo aquelas persoas con baixa cualificación co fin de enriquecer a súa formación e xerar mellores oportunidades persoais e profesionais.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Resolución das axudas correspondentes á modalidade A do programa Retorna Talento FP 2024/2025

Novas de FP - Ven, 20/09/2024 - 10:45

Publicada no DOG a Orde 8 de agosto de 2024 pola que se resolven as axudas correspondentes á modalidade A do programa Retorna Talento FP, establecidas na Orde do 28 de febreiro de 2024.

 

Categorías: Novas FP

Galicia prepárase para o despregamento da intelixencia artificial na xestión educativa co deseño dun marco ético

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 14:27

Summary: 

O conselleiro Román Rodríguez subliña que o obxectivo é aplicar os beneficios da IA para mellorar o funcionamento e os resultados do ensino

Esta ferramenta permite adaptar a dificultade dos exercicios a cada estudante, elaborar tarefas accesibles ou detectar problemas de forma temperá, entre outras aplicacións

A Consellería tamén traballa no desenvolvemento de experiencias reais de formación en FP, das que se presentará a primeira nos próximos días

Créase un grupo de traballo no que participan expertos das áreas de educación e de innovación da Xunta así como investigadores das universidades

Idioma Gallego

A Xunta prepárase para o despregamento da intelixencia artificial na xestión educativa en Galicia coa elaboración dun marco ético que sirva de referencia para o sistema. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a constitución do grupo de traballo encargado de debater, analizar e implementar as pautas da incorporación da IA desde unha perspectiva ética.

Para iso, o Goberno galego reúne a un grupo de expertos conformado por asesores de distintas áreas da Consellería de Educación, entre elas do Centro de Innovación Educativa e Dixital, do Centro Autonómico de Formación, dos servizos de Inclusión, Orientación e Convivencia, de Inspección Educativa e da área de programas de Innovación da Axencia Galega de Innovación. Tamén participan expertos do Nodo GalicIA, do departamento de Innovación Dixital e Intelixencia Artificial e da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como investigadores docentes universitarios.

Román Rodríguez lembrou que Galicia quere ser a primeira comunidade autónoma en aplicar os beneficios da IA á xestión educativa co fin de “mellorar o seu funcionamento e os seus resultados”. Para iso “é clave contar cunhas directrices claras desde o punto de vista ético, que nos guíen con garantía de xeito responsable e respectuoso con todos os implicados no proceso”, abondou o conselleiro, que fixo fincapé na relevancia do traballo que ten por diante este equipo de expertos. 

Personalización da aprendizaxe

Román Rodríguez lembra que Galicia vén de comezar este curso “a maior modernización do noso sistema educativo nos últimos 30 anos”, en referencia á ampla batería de melloras introducidas como a baixada de alumnos por aula, o reforzo da atención á diversidade ou a mellora das condicións do profesorado, entre outros, co fin de facer fronte aos novos retos demográficos, sociais e tecnolóxicos. Un dos piares deste último reto é, precisamente a aplicación da intelixencia artificial, que vai marcar “un antes e un despois” na administración educativa pola súa capacidade de “personalizar a aprendizaxe” sinalou.

Así pois, accións como o deseño exercicios e contidos con distintos niveis de dificultade segundo cada estudante, a elaboración de formatos accesibles para alumnado con discapacidades concretas (visual, física...) e a posibilidade de ofrecer explicacións claras e simplificadas de conceptos complexos, a detección temperá de problemas de aprendizaxe ou a automatización de tarefas burocráticas son algunhas das aplicacións prácticas da IA no sistema educativo. Ademais, están a desenvolverse experiencias reais de formación en FP con intelixencia artificial, e nos próximos días presentarase a primeira experiencia.

ProxectoEdugalIA

Neste contexto enmárcase o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa centrada en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.

O proxecto EdugalIA opta ao financiamento estatal de Compra Pública Innovadora, cuxa resolución se prevé para este outono. Co fin de recoller solucións de empresas tecnolóxicas para facer realidade este proxecto, a Xunta abriu hai un ano unha consulta preliminar ao mercado que recibiu 40 solicitudes innovadores diferentes procedentes de sete comunidades autónomas. A meirande parte das propostas (o 41,2%) proceden de empresas galegas, seguidas das chegadas desde Madrid (29,4%), Andalucía (8,8%), Cataluña (8,8%), Asturias (5,9%), A Rioxa (2,9%) e Valencia (2,9%).

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez anuncia novas actuacións de mellora no colexio de Trazo, no que a Xunta xa investiu máis de medio millón de euros

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 14:22

Summary: 

O conselleiro de Educación visita o centro, no que se vai reparar o tellado da pista exterior e arranxar a fachada do edificio de Secundaria e a escaleira contraincendios

Estas obras, por importe de arredor de 100.000€, súmanse á mellora da eficiencia enerxética realizada e ao acondicionamento de para novas aulas, entre outras

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe novas actuacións de mellora no Colexio CPI de Viaño Pequeno, na localidade coruñesa de Trazo. Nunha visita ao centro, explicou que nos próximos meses se vai acometer a reparación do tellado da pista exterior, así como o arranxo da fachada do edificio de Secundaria e da escaleira contraincendios.

O titular do departamento educativo da Xunta enmarcou este investimento na aposta do Goberno galego polo ensino rural. “Galicia ten un modelo educativo de proximidade, de feito o 90% dos concellos teñen un centro de Infantil e Primaria, fronte ao 55% de España”, explicou o conselleiro, poñendo en valor o investimento do Goberno galego para garantir a igualdade de oportunidades do alumnado no rural.

As novas obras, por importe de arredor de 100.000€, súmanse ao investimento realizado xa neste centro nos últimos anos, que supera os 500.000€. Entre as actuacións xa rematadas cómpre salientar a mellora da eficiencia enerxética acometida (preto de 260.000€), que incluíu a reparación da fachada principal e melloras na cuberta, así como cambio de parte das fiestras.  Ademais, o ano pasado trasladouse o aulario de Infantil ao CPI para unificar nun único edificio todas as ensinanzas, entre outras melloras realizadas desde 2009.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez recalcou tamén o esforzo inversor da Xunta de Galicia para modernizar os centros educativos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Ao seu abeiro, o Goberno galego destina máis de 278M€ a case 2.700 accións de mellora. A provincia da Coruña concentra máis de 1.000 obras, cun investimento de case 100M€.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta pon en valor o éxito dos graos implantados na Facultade de Humanidades de Ferrol ao abeiro do mapa de titulacións

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 14:19

Summary: 

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visita o centro, no que se implantaron os graos en Relacións Internacionais e de Xestión Industrial da Moda

Forman parte das titulacións recollidas no Mapa de Titulacións acordado pola Xunta e as tres universidades públicas galegas en 2021

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visitou hoxe a Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol. Durante o seu percorrido polo centro, o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o éxito das novas titulacións impartidas nesta facultade nos últimos anos.

Neste sentido, salientou o grao en Xestión Industrial da Moda, estreitamente vencellado coa especialización do campus ferrolá e implantado no curso 2018/2019. Esta titulación ten unha alta demanda de matrícula, cubrindo a oferta de 50 de prazas de novo ingreso todos os anos.

Así mesmo, tamén están funcionar moi satisfactoriamente nesta facultade o grao en Relacións Internacionais (interuniversitario coa Universidade de Vigo), implantado no curso 2022/23; así como o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación, posto en marcha no curso 2019/2020 para substituír aos anteriores graos en Humanidades e Información e Documentación

Os tres graos forman parte das titulacións recollidas no Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), acordado pola Xunta e as tres universidades públicas galegas en 2021.

O centro imparte tamén con éxito dous mestrados, un deles en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (interuniversitario coa Universidade de Santiago de Compostela) e outro en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos para o curso 2024/2025

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 11:00
Idioma Gallego

A Delegación do Goberno en Galicia anuncia que durante todo o curso 2024-2025 volven estar dispoñibles para centros educativos e AMPAS-AFAS, charlas impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a través do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos.

Este Plan contempla, entre outras accións, formacións que versan sobre temáticas relacionadas coa protección de menores e adolescentes e o seu dereito á seguridade persoal, tratando problemáticas como a ciberseguridade, o acoso escolar, as drogas e o alcol, as novas adiccións, os delitos de odio e discriminación ou a prevención dos delitos sexuais.

A Alta Inspección de Educación, coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, coordina o Plan Director, que neste curso amplía a oferta de charlas formativas e informativas destinadas ao alumnado e profesorado, poñendo énfase na prevención da violencia sobre a muller e as actitudes discriminatorias por razón de xénero. Trátase tamén de seguir incrementando o número de familias asistentes ás charlas, con novos formularios de solicitude e accións destinadas a seguir aumentando a participación.

Para poder participar anéxase a seguinte documentación:

 

File: 

Carta do delegado do Goberno en Galicia Instrucción Nº6/2023 da Secretaría do Estado de Seguridade Datos de contacto Modelo de solicitude ANPAS Modelo de solicitude Centros Educativos Avaliación

Tema: 

Atención á diversidade Servizos de apoio á atención á diversidade Colaboracións na atención á diversidade Orientación Servizos de apoio á orientación Colaboracións na orientación Igualdade Programas e plans

Sección: 

Atención á diversidade e orientación Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Resolución provisional Programa Educación Reponsable 2024

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 10:50
Idioma Gallego

Resolución provisional do 18 de setembro de 2024 pola que se fai pública a relación de centros seleccionados e non seleccionados conforme o disposto no apartado 11 da Resolución do 12 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a selección de centros docentes públicos de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial e ciclos de formación profesional dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para incorporarse ao programa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, para o curso 2024/25.
 

Anuncio principal: 

Convocatoria do programa Educación Responsable para o curso 2024/25

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Profesorado Centros
Categorías: Novas Xunta

Resolución das axudas correspondentes á modalidade A do programa Retorna Talento FP 2024/2025

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 10:43
Idioma Gallego

Publicada no DOG a Orde 8 de agosto de 2024 pola que se resolven as axudas correspondentes á modalidade A do programa Retorna Talento FP, establecidas na Orde do 28 de febreiro de 2024.

 

Tema: 

Bolsas Programas e plans

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas Xunta

Acordo entre a consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2024/25 e seguintes

Portal Educación Xunta - Xov, 19/09/2024 - 10:30
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 6 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do texto do acordo entre a consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia Educación e Xestión, CECE, ACES, FSIE, UGT, CC.OO. e USO sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2024/25 e seguintes.

 

File: 

Resolución do 6 de setembro de 2024 (DOG) Anexo I: solicitude Anexo II: Censo Instruccións de desenvolvemento do acordo

Tema: 

Información xeral Centros concertados Xubilación

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta polo rural e a proximidade do ensino con exemplos como a ampliación do instituto de Salceda de Caselas

Portal Educación Xunta - Mér, 18/09/2024 - 15:03

Summary: 

O conselleiro de Educación comproba o resultado da obra, cun investimento de 3,3M€, grazas á que se puido implantar o Bacharelato neste concello, evitando o desprazamento de alumnos

Destaca o modelo educativo galego como un sistema de proximidade no que os resultados do alumnado do rural e do urbano son idénticos

Sinala este como un dos 43 centros que a Xunta está a ampliar ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de 68M€

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial, Ana Ortiz, destacou hoxe a aposta da Xunta pola proximidade dos servizos educativos. Fíxoo nunha visita ao Instituto IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, onde o seu departamento vén de acometer unha obra de ampliación por máis de 3,3M€.

Tal e como explicou o conselleiro, a ampliación deste centro tivo como obxectivo fundamental implantar o Bacharelato neste concello. Antes os rapaces tiñan que desprazarse a Porriño e Tui para cursalo, pero agora xa poden cursar os dous anos destas ensinanzas no instituto de Salceda de Caselas.

Román Rodríguez sinalou o ensino rural como un dos sinais de identidade do ensino galego. “O noso é un modelo educativo de proximidade, no que facemos un investimento moi superior ao do ensino urbano debido á dispersión xeográfica da nosa poboación”, explicou. “Actuacións coma esta contribúen a seguir mellorando o servizo educativo no rural galego, reforzando un sistema equitativo de distrito único, no que os resultados dos alumnos do rural e do urbano son idénticos”, afirmou.

O titular do departamento educativo da Xunta recordou que o Instituto IES Pedras Rubias é un dos 43 centros que o Goberno galego está a ampliar ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento total de 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Este orzamento supón case a cuarta parte do investimento deste plan no período 2021/2024, que ascende a máis de 278M€ en case 2.700 obras para modernizar e mellorar as instalacións dos centros.

1.600 m² de nova superficie

Para dotar o centro dos espazos necesarios construíuse unha nova superficie útil de arredor de 1.600 m², distribuídos en dúas plantas e unha pasarela de unión co edificio existente. A área docente está dotada de oito aulas, dous departamentos, un laboratorio, así como un espazo para polo creativo. O novo espazo conta tamén con acceso propio por medio dunha zona cuberta.

O edificio está preparado para a produción de enerxía renovable, por medio de paneis solares fotovoltaicos, caldeiras de biomasa e acumuladores térmicos, fomentando o aforro enerxético e reducindo as emisións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta
Distribuir contido


by Dr. Radut