A Xunta pon en valor o éxito dos graos implantados na Facultade de Humanidades de Ferrol ao abeiro do mapa de titulacións
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visita o centro, no que se implantaron os graos en Relacións Internacionais e de Xestión Industrial da Moda
Forman parte das titulacións recollidas no Mapa de Titulacións acordado pola Xunta e as tres universidades públicas galegas en 2021
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visitou hoxe a Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol. Durante o seu percorrido polo centro, o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o éxito das novas titulacións impartidas nesta facultade nos últimos anos.
Neste sentido, salientou o grao en Xestión Industrial da Moda, estreitamente vencellado coa especialización do campus ferrolá e implantado no curso 2018/2019. Esta titulación ten unha alta demanda de matrícula, cubrindo a oferta de 50 de prazas de novo ingreso todos os anos.
Así mesmo, tamén están funcionar moi satisfactoriamente nesta facultade o grao en Relacións Internacionais (interuniversitario coa Universidade de Vigo), implantado no curso 2022/23; así como o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación, posto en marcha no curso 2019/2020 para substituír aos anteriores graos en Humanidades e Información e Documentación
Os tres graos forman parte das titulacións recollidas no Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), acordado pola Xunta e as tres universidades públicas galegas en 2021.
O centro imparte tamén con éxito dous mestrados, un deles en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (interuniversitario coa Universidade de Santiago de Compostela) e outro en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas.