Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta polo rural e a proximidade do ensino con exemplos como a ampliación do instituto de Salceda de Caselas
O conselleiro de Educación comproba o resultado da obra, cun investimento de 3,3M€, grazas á que se puido implantar o Bacharelato neste concello, evitando o desprazamento de alumnos
Destaca o modelo educativo galego como un sistema de proximidade no que os resultados do alumnado do rural e do urbano son idénticos
Sinala este como un dos 43 centros que a Xunta está a ampliar ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de 68M€
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial, Ana Ortiz, destacou hoxe a aposta da Xunta pola proximidade dos servizos educativos. Fíxoo nunha visita ao Instituto IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, onde o seu departamento vén de acometer unha obra de ampliación por máis de 3,3M€.
Tal e como explicou o conselleiro, a ampliación deste centro tivo como obxectivo fundamental implantar o Bacharelato neste concello. Antes os rapaces tiñan que desprazarse a Porriño e Tui para cursalo, pero agora xa poden cursar os dous anos destas ensinanzas no instituto de Salceda de Caselas.
Román Rodríguez sinalou o ensino rural como un dos sinais de identidade do ensino galego. “O noso é un modelo educativo de proximidade, no que facemos un investimento moi superior ao do ensino urbano debido á dispersión xeográfica da nosa poboación”, explicou. “Actuacións coma esta contribúen a seguir mellorando o servizo educativo no rural galego, reforzando un sistema equitativo de distrito único, no que os resultados dos alumnos do rural e do urbano son idénticos”, afirmou.
O titular do departamento educativo da Xunta recordou que o Instituto IES Pedras Rubias é un dos 43 centros que o Goberno galego está a ampliar ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento total de 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Este orzamento supón case a cuarta parte do investimento deste plan no período 2021/2024, que ascende a máis de 278M€ en case 2.700 obras para modernizar e mellorar as instalacións dos centros.
1.600 m² de nova superficie
Para dotar o centro dos espazos necesarios construíuse unha nova superficie útil de arredor de 1.600 m², distribuídos en dúas plantas e unha pasarela de unión co edificio existente. A área docente está dotada de oito aulas, dous departamentos, un laboratorio, así como un espazo para polo creativo. O novo espazo conta tamén con acceso propio por medio dunha zona cuberta.
O edificio está preparado para a produción de enerxía renovable, por medio de paneis solares fotovoltaicos, caldeiras de biomasa e acumuladores térmicos, fomentando o aforro enerxético e reducindo as emisións.