Skip to Content

Agregador de novas

Educación convoca o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, coincidindo co Día Mundial deste medio

Portal Educación Xunta - Mér, 12/02/2020 - 12:30
Summary: Carmen Pomar visitou hoxe o CEIP Plurilingüe San Bartolomé para coñecer o seu laboratorio de radio Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe San Bartolomé (Vilanova de Arousa), un dos centros que se incorporou este curso a Radio na biblio, o programa para impulsar a creación de laboratorios radiofónicos nas bibliotecas escolares.

Na súa visita, Carmen Pomar comprobou o avanzado que está o proxecto Radio Chans, nado a raíz da participación do centro neste programa e animou ao alumnado a presentarse ao II Concurso de podcast-Radio na Biblio, cuxa convocatoria, na que colabora a Radio Galega, se publica mañá, coincidindo co Día Mundial da Radio.

A través da pequena emisora creada no centro, o alumnado coñece os diferentes medios de comunicación e a súa evolución ao longo da historia. Así mesmo a radio serve como canle de comunicación arredor dos acontecementos do CEIP e das actividades que nel se desenvolven.

O obxectivo de Radio na Biblio é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, ao tempo que se amplían as linguaxes presentes na biblioteca e se promove a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo. Este programa avanza, ademais, nun dos desafíos do Plan Lía2016/20, en concreto no de estimular o papel das bibliotecas escolares como centros creativos de aprendizaxes.

Carmen Pomar destacou que a participación do CEIP San Bartolomé neste programa é un exemplo das múltiples iniciativas que desenvolve unha comunidade educativa moi activa. Neste sentido explicou que o colexio forma parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), é centro plurilingüe e desenvolve este curso varias liñas de actuación dos contratos-programa, en concreto REFÓRZA-T, Mellora das competencias clave, IGUÁLA-T, CON-VIVE, INCLÚE-T e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Concurso de Podcast

En colaboración coa CRTVG, a través da Dirección da Radio Galega, a Consellería de Educación convoca mañá o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, destinado aos centros públicos co programa Radio na Biblio e a outros centros que traballan xa con este medio como ferramenta pedagóxica. Na primeira edición do certame participaron 64 centros educativos que enviaron un total de 107 traballos.

Este ano, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas de 2020 ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, os podcasts radiofónicos participantes xirarán arredor do traballo do ferrolán. Deste xeito, a temática pode versar sobre a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro, así como ir dirixida a estimular a lectura de poesía e teatro galegos e en galego.

O concurso consta de catro modalidades (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e Bacharelato, ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), segundo o nivel do ensino, e seleccionaranse dous podcasts por modalidade. Cada centro educativo pode presentar un máximo de 3 traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros formatos.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos pola Radio Galega; á súa vez, serán difundidos a través  da páxina web da Radio Galega e da canle dixital do Diario Cultural.

O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 25 de abril de 2020. Os detalles da convocatoria poderán consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.

Audio: Premios autonómicosBibliotecas escolaresEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalServizo de Xestión de Programas EducativosProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas Xunta

Carnés e habilitacións profesionais. Orde de convocatoria 2020

Portal Educación Xunta - Mér, 12/02/2020 - 09:57
Idioma GallegoXúntase a Orde do 20 de xaneiro de 2020 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2020 (código de procedemento ED527A). Prazos de presentación de solicitudes:
  • Primeira convocatoria: do 17 de febreiro ao 3 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.
  • Segunda convocatoria:  do 22 de xuño ao 3 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos.
Máis información: Tema: Información xeralEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Formación ProfesionalServizo de Xestión da Formación ProfesionalColectivo: AlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas Xunta

Resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual

Portal Educación Xunta - Mér, 12/02/2020 - 09:53
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se fai pública a resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual, convocadas pola Orde do 6 de maio de 2019.

Tema: BolsasEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Formación ProfesionalServizo de Orientación Profesional e Relación con EmpresasColectivo: AlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas Xunta

Carnés e habilitacións profesionais. Orde da convocatoria 2020

Novas de FP - Mér, 12/02/2020 - 09:06

Publicada a 20 de xaneiro de 2020 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2020 (código de procedemento ED527A).

Prazo de presentación de solicitudes:

  • Primeira convocatoria: do 17 de febreiro ao 3 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.
  • Segunda convocatoria:  do 22 de xuño ao 3 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos.

- Máis información

Categorías: Novas FP

Axudas FCT

Novas de FP - Mér, 12/02/2020 - 08:59

Publicada a Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se fai pública a resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual, convocadas pola Orde do 6 de maio de 2019.

Categorías: Novas FP

Relación provisional de persoas seleccionadas para a participación no curso de especialización en educación emocional

Portal Educación Xunta - Mar, 11/02/2020 - 22:35
Idioma Gallego

De acordo co establecido no apartado 5 da Resolución do 31 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado de centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a realización dun curso de especialización en educación emocional, faise pública a listaxe provisional das persoas seleccionadas, das non seleccionadas e das persoas excluídas.

  • As persoas que resulten seleccionadas na resolución definitiva incorporaranse o venres 14 de febreiro ao curso de especialización en educación emocional da Universidade de Santiago de Compostela
     
Anuncio principal: Convocadas prazas destinadas ao profesorado de centros docentes públicos para a realización dun curso de especialización en educación emocionalTema: CursosEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialDepartamento: Servizo de Formación do ProfesoradoColectivo: ProfesoradoCentros
Categorías: Novas Xunta

Carmen Pomar conmemora co alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I o Día da Muller e a nena na ciencia

Portal Educación Xunta - Mar, 11/02/2020 - 13:33
Summary: A conselleira de Educación visitou esta mañá o centro compostelán, onde se reuniu coas gañadoras do premio Stephen Hawking A conselleira destaca que é necesario fomentar as vocacións STEM entre as rapazasHoxe en día hai máis rapazas que cursan STEMBach que rapaces, en concreto o 52% Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, conmemorou o Día da muller e a nena na ciencia xunto co alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela). Na visita ao centro, a titular do departamento educativo da Xunta reuniuse coas alumnas gañadoras do premio Stephen Hawking, galardón a investigadores mozos concedido o pasado venres polo IES Rosalía de Castro.

A conselleira asistiu tamén xunto co alumnado de 1º da ESO á conferencia da investigadora Carmen Mariño, antiga alumna deste centro compostelán, graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais cun máster en Enxeñaría Industrial. Actualmente traballa como investigadora a cargo dun proxecto Europeo (Proxecto Safeway).

Carmen Pomar salientou que é necesario promover a vocación do alumnado, en especial das mulleres, cara á investigación científica e tecnolóxica. Para iso, os centros dispoñen no marco da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, de diferentes programas como o Club de Ciencia, no que participa o IES Arcebispo Xelmírez I; ou o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), unha modalidade que xa se imparte en 31 institutos e que conta hoxe en día con máis rapazas que rapaces matriculados, un 52% en concreto.

Cómpre sinalar tamén que varias das  actividades da Estratexia –Semana STEM ou STEMWeek, por exemplo– promoven de xeito específico a participación das alumnas, co fin de favorecer o seu interese por estas competencias matemáticas, científicas e tecnolóxicas, contribuíndo a incrementar no futuro o peso das mulleres nestas áreas, así como a igualdade.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar en 2016 o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co fin de acadar o acceso e a participación plena e equitativa neste eido, ademais de para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e nenas.

Un centro moi activo

Ademais do Club de Ciencia, o IES Arcebispo Xelmírez I desenvolve iniciativas como o de Club de Lectura e forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Ademais, este ano desenvolve tres liñas dos contratos-programa, en concreto CON-VIVE, INCLÚE-T e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

O centro comeza tamén neste curso a participar no programa de enriquecemento escolar SEMGal, en concreto está na fase de achegamento.

Información xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas Xunta

Axudas para ANPA destinadas a actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero

Portal Educación Xunta - Mar, 11/02/2020 - 10:35
Idioma Gallego

A Secretaría Xeral da Igualdade convocou axudas para que as ANPA financien actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.

Resolucióndo 19 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento SI449B). Pódese consultar a convocatoria no DOG do 4 de febreiro.

Segundo a convocatoria, serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero de que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen ás familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

 

Tema: BolsasEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialDepartamento: Entidades autonómicasColectivo: FamiliasCentros
Categorías: Novas Xunta

Apertura das listas de interinidades no corpo de PES especialidade de navegación e instalacións mariñas, de sistemas electrónicos, de sistemas electrotécnicos e automáticos e no corpo de PTs, especialidade de equipos electrónicos, de instalacións....

Portal Educación Xunta - Lun, 10/02/2020 - 20:03
Idioma Gallego

Resolución do 10 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de ensino secundario (590), especialidade de navegación e instalacións mariñas (109), de sistemas electrónicos (124), de sistemas electrotécnicos e automáticos (125) e no corpo de profesores técnicos de formación profesional (591), especialidade de equipos electrónicos (202), de instalacións electrotécnicas (206), de máquinas, servizos e produción (210), de mecanizado e mantemento de máquinas (211) e operacións e equipos de elaboración de produtos alimentarios (214).

  • O prazo para formular solicitudes será de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución.
     
File:  Resolución do 10 de febreiro de 2020 Modelo de solicitude Modelo de alegación de méritosTema: Programas e plansInterinidades e substituciónsEnsinanza: Educación secundaria obrigatoriaBacharelatoFormación Profesional inicialColectivo: ProfesoradoSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Apertura das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas (594), especialidade saxofón (424)

Portal Educación Xunta - Lun, 10/02/2020 - 19:55
Idioma Gallego

Resolución do 10 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas (594), especialidade saxofón (424).

  • O prazo para formular solicitudes será de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución.
     
File:  Resolución do 10 de febreiro de 2020 Modelo de solicitude Modelo de alegación de méritosTema: Programas e plansInterinidades e substituciónsEnsinanza: Ensinanzas superiores de músicaDepartamento: Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime EspecialColectivo: ProfesoradoSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Resolución pola que se convocan os premios de Excelencia FP dual de Galicia e se crea o selo Empresa colaboradora de FP dual

Portal Educación Xunta - Lun, 10/02/2020 - 16:43
Idioma Gallego Publicada a Resolución do 7 de febreiro do 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se resolve convocar os premios de Excelencia FP Dual de Galicia e crear o selo Empresa colaboradora de FP dual.   A data límite para enviar as propostas das candidaturas é o 21 de febreiro do 2020. Tema: Premios autonómicosEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Formación ProfesionalServizo de Ordenación e Formación ProfesionalColectivo: Centros
Categorías: Novas Xunta

Convocatoria dos premios de Excelencia FP dual e creación do selo Empresa colaboradora FP dual

Novas de FP - Lun, 10/02/2020 - 15:32

Publicada a Resolución do 7 de febreiro do 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se resolve convocar os premios de Excelencia FP Dual de Galicia e crear o selo Empresa colaboradora de FP dual.

A data límite para enviar as propostas das candidaturas é o 21 de febreiro do 2020.

Categorías: Novas FP

Carmen Pomar salienta a aposta de educación por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego

Portal Educación Xunta - Lun, 10/02/2020 - 14:10
Summary: A conselleira participou no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSASubliñou a importancia de aprender a investigar, a deseñar proxectos, a expoñer ideas e a divulgar contidos, unha metodoloxía de aprendizaxe que lle servirá ao alumnado para toda a súa vida Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no IV Congreso MarumaSat, onde destacou a aposta do seu departamento por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego, “unha vontade compartida” coa Axencia Escolar Galega, NOSA, organizadora deste encontro.

NOSA é proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos, o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arzobispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello (Ferrol). En marcha desde o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica (MarumaSat) que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Carmen Pomar subliñou a importancia de NOSA na medida en que se realiza un traballo en equipo, onde os alumnos aprenden a investigar e a deseñar proxectos aplicando o método científico, a expoñer ideas e argumentos e a divulgar os logros obtidos. “Estades adquirindo unhas habilidades que vos serán útiles durante toda a vosa vida” sinalou a conselleira dirixíndose aos rapaces asistentes ao Congreso, a quen felicitou pola súa capacidade de traballo e creatividade. Así mesmo a conselleira loou a implicación dos docentes impulsores de NOSA, que desde distintas áreas sexan a tecnolóxica, as matemáticas ou a lingua e a literatura, “comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos”.

Misión MarumaSat

Desde o primeiro lanzamento, e coa progresiva incorporación ao proxecto dos diferentes centros, a misión MarumaSat ten incorporado moitas melloras e un gran contido científico. De feito, as últimas cápsulas contaban con elementos como radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade do artefacto.

Neste momento os centros integrantes de NOSA están a traballar na misión Marumasat IV, con ambiciosos obxectivos como o de acadar un novo récord de altitude, incluír novos módulos de xeoposicionamento e, como obxectivo estrela, enviar un detector de muóns para facer unha nova comprobación experimental da relatividade especial de Einstein.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Estratexia STEM

A Xunta de Galicia conta cunha estratexia específica, Edudixital, para impulsar entre as alumnas e os alumnos o interese polas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), necesarias para executar iniciativas como a Axencia Escolar Galega NOSA. O obxectivo é que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Entre as accións desenvolvidas ao abeiro desta estratexia está a oferta de materias como a de Programación e a de Robótica, a dotación de kits de robótica a centros de primaria e de secundaria,  a creación de Espazos Maker –tamén dotados de materiais específicos– ou o impulso de Clubs de Ciencia nos centros de ensino. Asemade, anualmente convócase a Semana STEM e a STEMWeek, estadías onde a rapazada pode poñer en práctica os diferentes coñecementos adquiridos na aula.

Así mesmo, no curso 2018/19 implantouse por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), que este curso imparten xa 31 centros.

CongresosPlans e actuacións en innovación educativa Ensinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas Xunta

O alumnado de ESO, FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos galegos co Programa EduTecEmprende

Portal Educación Xunta - Dom, 09/02/2020 - 13:00
Summary: A Consellería de Educación ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para esta iniciativa ata o vindeiro 18 de febreiro Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de lanzar o novo programa EduTecEmprende, a través do que alumnado de FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo (Eduemprende), é motivar e sensibilizar os estudantes de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como a promover a súa achega ás áreas STEM.

As empresas e centros tecnolóxicos colaboradores, que os estudantes visitarán en función do curso no que estean, serán os concesionarios de automoción Pérez Rumbao, a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, as centrais de enerxía de NATURGY, as instalacións de Aluminios Cortizo (Padrón), o centro tecnolóxico de ANFACO-CECOPESCA (Pontevedra), o de AIMEN (O Porriño), o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (Ferrol), e as empresas GRADIANT (Vigo) e ENERGYLAB (Vigo).

Durante as visitas, as alumnas e alumnos terá a oportunidade de entrar en contacto con novas técnicas de produción, tecnoloxías intelixentes no seo da industria 4.0 e diversas profesións, a través das experiencias dos traballadores e das traballadoras, e coñecer o funcionamento dun centro tecnolóxico.

Previamente á visita, o centro traballará a actividade propia da empresa ou do centro tecnolóxico que se lle asigne, así como a súa implicación no sector produtivo correspondente, incorporando as actitudes e os valores propios do emprendemento.

Rematado o programa, o profesorado coordinador enviará unha memoria, na que se recolla o traballo realizado e as conclusións das persoas participantes. O labor realizado polo profesorado coordinador deste programa será recoñecido pola Administración como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Solicitudes e financiamento

O programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO, bacharelato e formación profesional e poderán solicitalo os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2020. Os detalles da convocatoria poden consultarse na convocatoria no Portal de FP.

Os centros recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa, que deberá ser específica para cada empresa ou centro tecnolóxico solicitado, ata un máximo de 300€. Cada centro poderá enviar unha única solicitude, na que poderá demandar máis dunha visita, coa orde de prioridade.

Programas e planseduemprendeEducación secundaria obrigatoriaBacharelatoFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalDirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaProfesoradoAlumnadoFamiliasCentros
Categorías: Novas Xunta

A Consellería de Educación convoca probas de acceso a ciclos de FP de grao medio e de grao superior

Portal Educación Xunta - Sáb, 08/02/2020 - 13:00
Summary: Deste xeito favorécese que as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos poidan cursar estas ensinanzas Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2020. O obxectivo é permitir cursar estas ensinanzas ás persoas que non posúan as titulacións esixidas para o acceso, isto é, o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou título profesional básico (ou equivalentes) para os ciclos de grao medio; e, no caso dos de grao superior, o título de bacharelato ou título de técnico de formación profesional (ou equivalentes). Deste xeito a Consellería facilita e impulsa que as persoas continúen formándose para acadar unhas mellores condicións para o acceso ao mercado laboral.

En ambos casos as solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, dispoñible na aplicación informática ciclosprobas (https://www.edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderán presentar na secretaría de calquera centro docente público da Consellería que imparta FP este curso.

Grao medio

Poderán participar na proba de acceso a ciclos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 17 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 2 e 13 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.

O exame constará dunha parte sociolingüística, con probas de Lingua castelá, Lingua galega e Ciencias sociais; dunha parte matemática, con contidos desta materia; e doutra científico-técnica, con probas de Ciencias da natureza e Tecnoloxía. As probas desenvolveranse o día 28 de maio de 2020.

Grao superior

No caso das probas de acceso a ciclos de grao superior, poderán participar as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 19 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 10 e 19 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.

A proba estará composta por unha parte común, sobre as materias de Lingua galega, Lingua castelá e Matemáticas, e outra específica. Esta segunda parte organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e os ciclos formativos aos que posibilita o acceso, das que cada aspirante deberá elixir unha no momento de formalizar a solicitude de inscrición e escoller dúas das tres materias das que desexe que se lle examine.

Na opción A as materias obxecto de exame serán Economía da empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés) e Filosofía; na opción B serán Debuxo técnico, Tecnoloxía industrial e Física; mentres que na C os contidos a avaliar serán das materias Ciencias da Terra e ambientais, Química e Bioloxía. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 23 de abril de 2020.

EscolarizaciónFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de Formación ProfesionalAlumnadoFamiliasCentros
Categorías: Novas Xunta

Arredor de 300 docentes debaten sobre o uso dos espazos educativos para potenciar a aprendizaxe, a creatividade e a diversidade

Portal Educación Xunta - Sáb, 08/02/2020 - 12:00
Summary: A conselleira Carmen Pomar inaugurou unha xornada formativa na que, a través de relatorios e obradoiros, se abordan distintas perspectivas e temáticas que posteriormente se incorporarán á práctica nos centros de ensinoAo abeiro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, a Consellería de Educación inviste 200 millóns de euros nos centros escolares no período 2016-21Ademais estase a traballar na transformación de espazos a través das bibliotecas escolares e dos Espazos Maker Idioma Gallego

Baixo o título “A escola é un espazo que fala de ti”, arredor de 300 docentes participan hoxe en Santiago de Compostela nunha xornada de formación na que se aborda o debate sobre o uso dos espazos educativos co fin de potenciar a aprendizaxe, a creatividade e a atención á diversidade.

A xornada foi inaugurada pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, quen destacou a importancia dos espazos, do contexto ambiental e dos contornos pola súa “influencia indiscutible” no desenvolvemento educativo e nos procesos de aprendizaxe.

Pomar especificou que no proceso de ensino-aprendizaxe, non se pode poñer o foco exclusivamente na acumulación de coñecementos, “senón en ensinar a pensar, a resolver problemas en situacións da vida real, o que fai preciso reformular a práctica educativa para mellorar as competencias do noso alumnado”.

Segundo a titular de Educación, ademais das distintas actuacións de mellora das infraestruturas escolares que promove o seu departamento, “hai outra forma de intervir nestes espazos, considerándoos algo vivo, flexible, que pode adaptarse ás metodoloxías activas e inclusivas e, incluso provocalas”.

Este foi precisamente o centro do debate das xornadas formativas organizadas polo seu departamento co obxectivo de intercambiar experiencias, incentivar as boas prácticas e motivar os docentes a redeseñar os espazos de aprendizaxe. Así, a través de relatorios e obradoiros, neste encontro proxéctanse diferentes temáticas que posteriormente serán postas en marcha nos centros educativos, convertendo de novo as Xornadas nunha actividade xeradora de inquietudes na formación do profesorado que repercutirá na mellora da calidade educativa e dos resultados do alumnado.

Transformación de infraestruturas e espazos

Cómpre salientar que a Consellería de Educación está a realizar unha forte aposta pola renovación e transformación das infraestruturas e espazos dos centros educativos. No referido a obras, o Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-21, leva consigo un investimento de 200 millóns de euros na mellora das instalacións de centros escolares de toda Galicia. Moitas destas actuacións inclúen o pintado de paramentos interiores consonte ao Estudo cromático realizado pola Consellería, de forma que as aulas sexan de cores que favorezan a actividade lectiva.

Outro eixo de actuación son as Bibliotecas Escolares. Nesta liña, o departamento educativo da Xunta de Galicia está a afondar, a través do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, na influencia destes espazos no proceso de aprendizaxe do alumnado. De feito, a segunda fase deste plan ten entre os seus principais obxectivos configurar as bibliotecas escolares como laboratorios creativos de aprendizaxe. Cómpre salientar que, desde 2009, a Consellería leva investido máis de 22 millóns de euros en materia de bibliotecas escolares.

Así mesmo, a iniciativa Bibliotecas LÍA.2. que avanza na conversión da biblioteca nun centro creativo de aprendizaxes, a través de melloras no espazo, mobiliario, equipamento e recursos, na organización dos mesmos e no reforzo das prácticas metodolóxicas activas.

Por outra banda estase a mellorar accesibilidade destes espazos para todos os membros da comunidade educativa a través de Biblioteca Inclusiva, iniciado no 2017, que actúa sobre catro ámbitos: accesibilidade dos espazos, mobiliario e equipamento adaptado, colección diversa e accesible, actividades inclusivas e sensibilización de toda a comunidade educativa.

Ademais, no marco da estratexia Edudixital, hai xa Espazos Maker en 20 centros educativos galegos, lugares de experimentación e de fomento das vocacións STEM dotados de material tecnolóxico e audiovisual. 

FormaciónProgramas e plansEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do ProfesoradoProfesoradoCentros
Categorías: Novas Xunta

O alumnado galego dispón de programas específicos para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas, como a Robótica, o STEMBach ou os Clubs de Ciencia

Portal Educación Xunta - Ven, 07/02/2020 - 20:26
Summary: A conselleira de Educación participou na entrega do III Premio Stephen Hawking a investigadores mozos que promove o IES plurilingüe Rosalía de CastroCarmen Pomar destacou o desenvolvemento destes programas ao abeiro da Estratexia Galega de Educación Dixital, EDUDixital 2020, en conexión coa universidade e incluíndo a perspectiva de xénero Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou hoxe o compromiso do seu departamento coa promoción das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego mediante o deseño de programas específicos que lles faciliten a incorporación e adaptación ás ensinanzas universitarias, e incorporando a perspectiva de xénero.

Así o sinalou durante o acto de entrega da III edición do Premio Stephen Hawking a investigadores mozos que promove o IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e que desta vez tiña como eixo temático de desenvolvemento de proxectos a exploración, e a Teresa Rodrigo, física do Comité de Política Científica do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) como referente e motivación.

Este galardón foi creado co obxectivo de difundir a cultura científica entre o alumnado, recoñecendo os mellores traballos de investigación e divulgación científica realizados por estudantes de 4º curso de ESO e de Bacharelato de centros escolares de toda Galicia.

Na súa intervención, a conselleira Carmen Pomar, ademais de felicitar aos galardoados e aos 24 equipos finalistas desta edición, subliñou que este tipo de actos están na liña da aposta da Consellería de Educación por promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado, “en conexión coas universidades, e tendo en conta a perspectiva de xénero”.

Este é o principal obxectivo da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, ao abeiro da cal a Consellería de Educación está executando un paquete de medidas nesta liña como o STEMBach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, que neste curso teñen incorporado 31 centros escolares de toda Galicia que suman 560 alumnos; a introdución de Robótica en Primaria (con kits que chegan a un total de 178 centros públicos); os Clubs de Ciencia (119 centros neste curso); os Espazos Maker (implantado en 20 centros), o campamento científico-tecnolóxico en inglés (STEMweek) e a Semana STEM.

Plans e actuacións en innovación educativa Ensinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas Xunta

A Xunta, a Fundación María José Jove e INGADA levan formados preto de 1.300 docentes na abordaxe educativa do TDAH

Portal Educación Xunta - Ven, 07/02/2020 - 12:55
Summary: O acordo de cooperación, en marcha desde o curso 2014/2015, renovouse hoxe nun acto no que se galardoaron os proxectos gañador e finalistas da VI Bolsa Ingada-María José Jove Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA), levan formados desde o curso 2014/2015 preto de 1.300 docentes en 38 actividades formativas para a abordaxe educativa do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), ao abeiro do convenio de colaboración subscrito para este fin. A conselleira, Carmen Pomar; a presidenta da devandita Fundación, Felipa Jove; e o presidente de Ingada, Ángel Carracedo; asinaron hoxe a addenda a este acordo, nun acto no que se deron a coñecer os proxectos gañador e finalista da VI Bolsa Ingada-María José Jove.

Durante a súa intervención a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, sinalou como un dos principais obxectivos do seu departamento o impulso da calidade de resposta educativa fronte á diversidade

Pomar explicou que a Xunta de Galicia leva anos traballando no desenvolvemento dun sistema educativo inclusivo e equitativo, tarefa na que sinalou como fito o  Decreto 229/2011 de atención á diversidade do alumnado, “que  situou a Galicia como pioneira no conxunto de España, e cambiou tamén o concepto da atención á diversidade, deixando atrás a noción de discapacidade para contemplar unha realidade máis ampla, na que todos e cada un de nós somos diferentes e diversos”.

“Con esta  base –explicou– desenvolvemos distintos protocolos a partir da colaboración con asociacións para a atención á diversidade na aula, profesionais do mundo sanitario e universitario e outras institucións”, dos que un dos primeiros foi o Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario. Así mesmo lembrou que se creou na Consellería o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa, centrado nas medidas para o fomento da equidade e a inclusión, o impulso á orientación educativa, o asesoramento ás familias e á coordinación dos axentes da comunidade educativa.

A conselleira quixo agradecer o compromiso dos docentes, como os recoñecidos no acto de hoxe, e reafirmou a aposta decidida do seu departamento pola formación do profesorado, na que se enmarca o convenio de colaboración que se asina anualmente coa fundación María José Jose e Ingada para a abordaxe do TDAH. Así mesmo, destacou a contribución destas dúas entidades á formación continua e á actualización do profesorado. “Todos estamos inmersos no proceso de educar aos cidadáns da Galicia do século XXI. E nese proceso non podemos permitirnos o luxo de deixar a ninguén detrás”, dixo.

Curso de formación

Os cursos de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) impartidos ao abeiro da colaboración entre as tres devanditas entidades están dirixidos a docentes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Trátase de formación impartida por neuropsicólogos, psiquiatras, logopedas, médicos e pedagogos co obxectivo de achegarlles aos asistentes o coñecemento necesario sobre o TDAH, para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento do alumnado e a súa integración

Atención á diversidadeFormaciónEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoCentrosAtención á diversidade e orientación
Categorías: Novas Xunta

Probas de acceso a ciclos de grao medio e superior. Orde de convocatoria 2020

Novas de FP - Ven, 07/02/2020 - 12:30

Publicada a Orde do 20 de xaneiro de 2020 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2020 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

Prazos de presentación de solicitudes:

  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 2 e 13 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos
  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 10 e 19 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos

Máis información:

Categorías: Novas FP

A Consellería de Educación convoca a proba para a obtención dos títulos de bacharelato e ESO para adultos

Portal Educación Xunta - Ven, 07/02/2020 - 12:11
Summary: O obxectivo é que as persoas que non obtiveron estas cualificacións a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia do día 5  de febreiro a convocatoria da proba para a obtención do título de Bacharelato para maiores de vinte anos na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de  Humanidades e Ciencias Sociais. Así mesmo, publicouse a convocatoria da proba para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron estas cualificacións a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre.

Bacharelato

No caso da proba para a obtención do título de Bacharelato, poderán participar as persoas maiores de 20 anos –ou que os cumpran no 2020–, que non dispoñan deste título ou equivalente e que non estean a cursar no actual curso académico estas ensinanzas en ningún dos seus réximes. As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles. Poderán participar tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais, as persoas aspirantes que teñan superadas as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes. O exame celebrarase o día 24 de abril de 2020 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

O prazo de presentación das solicitudes será entre o 27 de febreiro e o 12 de marzo de 2020. Deberán presentarse en soporte papel ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son o Centro EPA Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera dos casos, constará de dous exercicios, entre os que haberá un descanso de dúas horas. 

O primeiro exercicio corresponderá ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II, Primeira Lingua Estranxeira I e II e unha proba combinada das materias de Filosofía e Historia de España. O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias troncais xerais propias e as de opción correspondentes a cada modalidade e itinerario.

No ano 2019 presentáronse a estas probas un total de 25 persoas.

ESO

No caso da proba para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos, poderán participar as persoas que teñan os 18 anos cumpridos o día anterior á data de realización da proba e que non estean matriculadas nestas ensinanzas no réxime ordinario nin en FP Básica. Si poderán presentarse os matriculados durante o curso 2019/20 na educación secundaria para persoas adultas se cumpren as condicións establecidas na convocatoria. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 29 de maio e 4 de setembro de 2020 para as respectivas convocatorias.

O prazo de presentación das solicitudes será entre o 16 e o 27 de marzo para a convocatoria de xuño e entre o 1 e o 8 de xullo para a de setembro. Deberán presentarse en soporte papel ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son a EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Isidro Parga Pondal (Carballo), EPA Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, EPA Río Lérez (Pontevedra), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), EPA Berbés (Vigo), IES Santa Irene (Vigo), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa).

As probas constarán de tres partes, correspondentes aos tres ámbitos en que se organizan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas. Na sesión de mañá realizarase a parte correspondente ao ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física. Tamén a do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación a Actividade Emprendedora Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.

Na sesión da tarde realizarase a proba do ámbito da comunicación, que comprenderá os exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua estranxeira (Inglés ou Francés).

No ano 2019 presentáronse a estas probas (nas súas dúas convocatorias) un total de 2736 persoas.

EscolarizaciónBacharelato de adultosEnsinanzas de educación secundariaConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalServizo de Xestión Económica e Educación de Persoas AdultasAlumnadoFamiliasCentros
Categorías: Novas Xunta
Distribuir contido


by Dr. Radut