Galicia prepárase para o despregamento da intelixencia artificial na xestión educativa co deseño dun marco ético

O conselleiro Román Rodríguez subliña que o obxectivo é aplicar os beneficios da IA para mellorar o funcionamento e os resultados do ensino

Esta ferramenta permite adaptar a dificultade dos exercicios a cada estudante, elaborar tarefas accesibles ou detectar problemas de forma temperá, entre outras aplicacións

A Consellería tamén traballa no desenvolvemento de experiencias reais de formación en FP, das que se presentará a primeira nos próximos días

Créase un grupo de traballo no que participan expertos das áreas de educación e de innovación da Xunta así como investigadores das universidades

Xov, 19/09/2024 - 14:27
ia

A Xunta prepárase para o despregamento da intelixencia artificial na xestión educativa en Galicia coa elaboración dun marco ético que sirva de referencia para o sistema. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a constitución do grupo de traballo encargado de debater, analizar e implementar as pautas da incorporación da IA desde unha perspectiva ética.

Para iso, o Goberno galego reúne a un grupo de expertos conformado por asesores de distintas áreas da Consellería de Educación, entre elas do Centro de Innovación Educativa e Dixital, do Centro Autonómico de Formación, dos servizos de Inclusión, Orientación e Convivencia, de Inspección Educativa e da área de programas de Innovación da Axencia Galega de Innovación. Tamén participan expertos do Nodo GalicIA, do departamento de Innovación Dixital e Intelixencia Artificial e da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como investigadores docentes universitarios.

Román Rodríguez lembrou que Galicia quere ser a primeira comunidade autónoma en aplicar os beneficios da IA á xestión educativa co fin de “mellorar o seu funcionamento e os seus resultados”. Para iso “é clave contar cunhas directrices claras desde o punto de vista ético, que nos guíen con garantía de xeito responsable e respectuoso con todos os implicados no proceso”, abondou o conselleiro, que fixo fincapé na relevancia do traballo que ten por diante este equipo de expertos. 

Personalización da aprendizaxe

Román Rodríguez lembra que Galicia vén de comezar este curso “a maior modernización do noso sistema educativo nos últimos 30 anos”, en referencia á ampla batería de melloras introducidas como a baixada de alumnos por aula, o reforzo da atención á diversidade ou a mellora das condicións do profesorado, entre outros, co fin de facer fronte aos novos retos demográficos, sociais e tecnolóxicos. Un dos piares deste último reto é, precisamente a aplicación da intelixencia artificial, que vai marcar “un antes e un despois” na administración educativa pola súa capacidade de “personalizar a aprendizaxe” sinalou.

Así pois, accións como o deseño exercicios e contidos con distintos niveis de dificultade segundo cada estudante, a elaboración de formatos accesibles para alumnado con discapacidades concretas (visual, física...) e a posibilidade de ofrecer explicacións claras e simplificadas de conceptos complexos, a detección temperá de problemas de aprendizaxe ou a automatización de tarefas burocráticas son algunhas das aplicacións prácticas da IA no sistema educativo. Ademais, están a desenvolverse experiencias reais de formación en FP con intelixencia artificial, e nos próximos días presentarase a primeira experiencia.

ProxectoEdugalIA

Neste contexto enmárcase o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa centrada en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.

O proxecto EdugalIA opta ao financiamento estatal de Compra Pública Innovadora, cuxa resolución se prevé para este outono. Co fin de recoller solucións de empresas tecnolóxicas para facer realidade este proxecto, a Xunta abriu hai un ano unha consulta preliminar ao mercado que recibiu 40 solicitudes innovadores diferentes procedentes de sete comunidades autónomas. A meirande parte das propostas (o 41,2%) proceden de empresas galegas, seguidas das chegadas desde Madrid (29,4%), Andalucía (8,8%), Cataluña (8,8%), Asturias (5,9%), A Rioxa (2,9%) e Valencia (2,9%).