A Xunta impulsa a colaboración entre os tres Campus de Especialización para fortalecer o sistema universitario de Galicia
O obxectivo é establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación
O Goberno galego leva investido máis de 35M€ na especialización dos campus Industrial de Ferrol, Terra de Lugo e Auga de Ourense
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, presidiu hoxe a reunión de coordinación entre os tres Campus de Especialización no marco do impulso que a Xunta está a dar á colaboración entre eles. O obxectivo, enmarcado no Programa de Especialización de Campus do Goberno galego, é fortalecer o Sistema Universitario de Galicia.
No encontro, o segundo que se celebra para impulsar esta cooperación, os responsables do Campus Industrial de Ferrol, do Campus Terra de Lugo e do Campus Auga de Ourense puxeron en común os seus proxectos, en aras de evitar duplicidades e establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación.
Deste xeito, a cooperación suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados. Precisamente con este obxectivo, o Goberno galego lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal.
Financiamento específico
Desde a posta en marcha do programa, a Xunta leva investido máis de 35M€ nos diferentes convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo para o desenvolvementos dos campus especializados de Ferrol, Lugo e Ourense. Grazas a este apoio, os tres campus contan a día de hoxe con actuacións e financiamento propio e específico para impulsar o seu posicionamento, a calidade docente e investigadora e fortalecer o seu papel como axentes dinamizadores do territorio.
Ao abeiro deste impulso, ademais, o Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de España e de Galicia en acadar o selo de excelencia que recoñece a súa especialización, acreditación coa que contaron posteriormente a nivel galego o Campus Terra de Lugo e o Campus Auga de Ourense.
Tras a reunión, que se celebrou no Edificio de apoio á investigación CACTUS, no campus de Lugo, os participantes realizaron unha visita ás principais instalacións do campus Terra, como a Aula de Produtos Lácteos, o Hospital Veterinario Rof Codina, a Finca de prácticas ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE), entre outras.