Turismo

Alumnado de Turismo en Termatalia- Ourense

O CS de Guías, información e asistencia turísticas comezamos os contactos co sector turístico, neste curso 2022-2023, viaxando a Ourense para asistir a 20ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar.

Na visita á Feira coñecimos os destinos termais nacionais e internacionais alí presentes, ademais dunha ampla oferta de balnearios, talasos e centros de spa de todo o mundo.

A actividade incluíu a asistencia a unha Mesa redonda sobre a xestión da Auga: Perspectiva Turística e de Xestión.

Voltamos ás aulas con moito relax despois de practicar ioga e de relaxarnos co sonido e as vibracións do gong.

Tamén catamos augas! E podemos contar que nin son inodoras nin insaboras!

 

Aberta matrícula do Ciclo Superior de Guía, información e asistencia turísticas.

Ábrese o prazo de matrícula no Ciclo Superior Guía, información e asistencia turísticas.

Para efectuala, a única condición é cumprir os requisitos de acceso para as ensinanzas correspondentes. As persoas interesadas deberán formalizar a matrícula no IES Río Cabe.

Turismo por Sarria,Samos e Barbadelo

A primeira ruta do mes de xuño levou ao Ciclo de Turismo por terras de Samos, Sarria e Barbadelo.

 

Comezamos a xornada visitando o Mosteiro de Samos e percorrendo o seu entorno e a Capela de San Salvador ou do Ciprés acompañados de Xaime, un guía da zona.

 

Dende Samos desprazámonos ata Sarria. 

 

Despois de almorzar visitamos a capela do Lázaro, antigo hospital de leprosos, e unha tenda de antigüidades onde Carmen, a propietaria, nos comentou a historia dalgunha das pezas expostas e as tendencias vintage do momento. Escoitamos e departimos con Xermán, un coñecido luthier e continuamos ata a zona histórica para coñecer a igrexa do Salvador e a igrexa e o claustro do Mosteiro Mercedario da Magdalena.

 

A fin de etapa consistiu en facer a pé o tramo Sarria-Barbadelo do Camiño de Santiago francés, declarado Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa. Abandonamos Sarria pola ponte da Áspera e seguimos o itinerario por un fermoso entorno natural de bosque autóctono.

 

Rematamos a saída coas explicacións de Manuel, profesor de historia, nun ben declarado de interese cultural, a igrexa románica de Santiago de Barbadelo.

 

 

  

 

  

 

 

 

 

 

 

 

O Románico na Ribeira Sacra lucense

O alumnado do Ciclo de Turismo remata o mes de marzo con dúas intensas xornadas adicadas o románico da Ribeira Sacra lucense.

Na  primeira saída visítase o que fora un antigo mosteiro feminino da orden benedictina, a igrexa de Santa María de Pesqueiras en Chantada; no Saviñao, Santo Estevo de Ribas de Miño, outrora tamén mosteiro e hoxe un dos templos máis destacados da arte románica da Ribeira Sacra; coroando o meandro do Cabo do Mundo, Santa María de Nogueira, ben coñecida polas impresionantes pinturas murais renacentistas que alberga; e para rematar, San Salvador de Asma, mosteiro dúplice de finais do século X do que hoxe queda a igrexa parroquial coas características dos templos románicos da zona, nave única e artesonado de madeira.  

 

A segunda xornada estivo adicada, na súa maior parte, ó monacato feminino de Pantón, comezando polo mosteiro de San Salvador de Ferreira, único que conserva vida monacal, con igrexa románica, claustro renacentista e outras dependencias barrocas. A continuación visitouse a igrexa de San Fiz de Cangas, pertencente a un antigo mosteiro de monxas benedictinas do que non queda ningún outro vestixio. Igual que no caso anterior, a interesante igrexa de San Miguel de Eiré é o único espazo que se conserva dun conxunto monacal benedictino do século XII.

Rematou a saída coa visita a un exemplo da arte románica compostelá, San Paio de Diomondi. Anexo á igrexa atópase un pazo, residencia de verán dos bispos de Lugo, que ven de convertirse en albergue de peregrinos para o Camiño de Inverno.

 

 

Charla de Alexandra Seara , do Consorcio Ribeira Sacra

Para coñecer en profundidade  o Plan de Sostenibilidade Turística Ribeira Sacra contamos coa presenza, na aula do CS de Guías, información e asistencia turísticas, da xerente do Consorcio de Turismo, Alexandra Seara.

A charla versou sobre as liñas de actuación do Plan: Mobilidade sostible, paisaxe cultural, transformación competitiva, gobernanza colaborativa e produto, marketing e intelixencia turística. 

Unha ponencia interesante e didáctica que se alargou cun coloquio moi participativo por parte de todo o alumnado presente.

Sempre é un pracer contar con profesionales da talla de Alexandra Seara e co seu bo facer para achegar a realidade turística da Ribeira Sacra á aula.

Cazando petróglifos

Na primeira semana de febreiro, Begoña G. Aguiar visitou a aula de Turismo para achegarnos ao mundo dos petróglifos do suroeste de Lugo, tema sobre o que versou a súa tese doutoral.

A disertación tivo continuación nunha saída de campo polo Concello de Sober na que visitamos os gravados rupestres da Pena do Xestal en Proendos, os da Paxota na parroquia de Bolmente e os da Pena do Lagarto na parroquia de Pinol. 

Resultou unha experiencia moi interesante pola calidade dos recursos e polo ben facer da guía oficial de Turismo e doutora en historia, Begoña G.

Visita á Coruña: Ciclo de Turismo, ESA e Bac

En nocturno rematamos a primeira avalación do curso 2021-2022 cunha excursión á  Coruña.

A saída estivo organizada polo alumnado do CS de Guía, información e asistencia turísticas. Viaxaron con eles os seus compañeiros e compañeiras da ESA e de BAC.

As alumnas, Noelia, Carmen e Ana realizaron prácticas das tarefas propias do guiado de grupos turísticos de maneira moi satisfactoria durante toda a viaxe.

Dedicamos a mañá a percorrer os recursos máis salientables da cidade e a visitar a Oficina de Turismo da Praza de María Pita para coñecer o seu funcionamento de primeira man,  mentres o alumnado da ESA  e BAC visitaban o Aquarium Finisterrae.

A tarde comezaría cunha visita guiada ao cemiterio de San Amaro, declarado Monumento Histórico e incluído na Ruta Europea de Cementerios Singulares, donde descansan numerosas personalidades ilustres como Juana de Vega, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Wenceslao Fernández Flórez,…

Despois do entretido relato do guía e actor Suso Martínez por San Amaro, desprazámonos  ao porto de A Coruña para coñecer a magnífica exposición de fotografía “Peter Lindbergh: Untold Stories” unha retrospectiva do autor. É a primeira vez que chega a España unha exposición de Peter Lindbergh.

Rematamos a xornada paseando pola cidade ao tempo que desfrutabamos do alumeado do Nadal.

 

 

 

Saída Xacemento Arqueológico, Torre da Homenaxe e adega Regina Viarum

No ciclo de Turismo rematamos as saídas do mes de outubro con tres visitas: xacemento arqueolóxico do Preguntoiro, San Vicente do Pino e adega Regina Viarum.

Desprazámonos ata o xacemento medieval do Preguntoiro para ver as excavacións arqueolóxicas que están levando a cabo un equipo de investigadores da Universidade de Lisboa, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, e da Universidad Complutense de Madrid.

Xurxo Ayán, director técnico da iniciativa, foi o noso cicerone nesta visita e explicounos que tratan de afondar nas orixes do mosteiro de San Vicenzo xa que as tumbas excavadas na roca -ademais doutros achados actuais parecen indicar a existencia dun eremitorio antecedente de Pombeiro, ao tempo que pretenden obter máis datos sobre o pasado da Ribeira Sacra

. 

                         

 Na visita á Torre da Homenaxe é a igrexa do Conxunto monumental de San Vicente do Pino contamos coas explicacions de Mabel, ex alumna do Ciclo, e con Berta, alumna a piques de rematar o proxecto final.

Con Mabel percorremos a igrexa para coñecer os recientes traballos de rehabilitación entre os que se atopa a recuperación das pinturas murais situadas na cabeceIra do templo.

Berta acompañounos polo interior da musealizada Torre da Homenaxe explicándonos a historia da mesma para rematar no máis alto disfrutando das vistas do Val de Lemos.

  

A última saida, organizada por Noelia -alumna do Ciclo de Turismo-, tivo como destino a adega Regina Viarum en Amandi.

E alí, documental, visita guiada con explicacións dos diferentes procesos de vinificación, cata e desfrute da panorámica dos canóns do Sil dende a terraza que colga sobre os viñedos.

 

 

Todos ó tren!!

Dentro do plan de visitas do CS de Guía, información e asistencia turísticas aos recursos turísticos da cidade de Monforte de Lemos, o xoves 21 de outubro, saímos a coñecer o MUFERGA, Museo do Ferrocarril de Galicia.

No percorrido polo espazo expositivo visitamos o vagón real,  a locomotora Mikado, o tren das Forzas Armadas, varias locomotoras eléctricas, un tren turístico de época,…

O que máis nos chamou a atención foi a rotonda ferroviaria con forma de ferradura, de 38 vías radiais e ponte transbordadora xiratoria. Trátase dun edificio destacado que, como tal, aparece recollido  no Catálogo de Patrimonio Industrial Europeo.

Non se pode falar da historia de Monforte de Lemos sen  facer referencia á importancia deste enclave como facilitador das comunicación de Galicia co resto de España nos inicios do transporte ferroviario e que se alongaría durante varias décadas.

Baños de bosque - Actividade do Ciclo de Turismo

Shinrin Yoku ou baño de bosque é unha práctica de benestar en contacto coa natureza que o grupo de Turismo levou a cabo en Bolmente, o pasado 30 de setembro, da man de Noelia.

Esta terapia de orixe xaponesa busca que nos reencontremos co espazo natural, coa finalidade de obter efectos positivos para o corpo e para o espírito.

Relaxación, paseo guiado, creatividade,... foron algunhas das actividades coas que nos mergullamos na naturaza e a desfrutamos.

 

 

Distribuir contido