O Románico na Ribeira Sacra lucense

O alumnado do Ciclo de Turismo remata o mes de marzo con dúas intensas xornadas adicadas o románico da Ribeira Sacra lucense.

Na  primeira saída visítase o que fora un antigo mosteiro feminino da orden benedictina, a igrexa de Santa María de Pesqueiras en Chantada; no Saviñao, Santo Estevo de Ribas de Miño, outrora tamén mosteiro e hoxe un dos templos máis destacados da arte románica da Ribeira Sacra; coroando o meandro do Cabo do Mundo, Santa María de Nogueira, ben coñecida polas impresionantes pinturas murais renacentistas que alberga; e para rematar, San Salvador de Asma, mosteiro dúplice de finais do século X do que hoxe queda a igrexa parroquial coas características dos templos románicos da zona, nave única e artesonado de madeira.  

 

A segunda xornada estivo adicada, na súa maior parte, ó monacato feminino de Pantón, comezando polo mosteiro de San Salvador de Ferreira, único que conserva vida monacal, con igrexa románica, claustro renacentista e outras dependencias barrocas. A continuación visitouse a igrexa de San Fiz de Cangas, pertencente a un antigo mosteiro de monxas benedictinas do que non queda ningún outro vestixio. Igual que no caso anterior, a interesante igrexa de San Miguel de Eiré é o único espazo que se conserva dun conxunto monacal benedictino do século XII.

Rematou a saída coa visita a un exemplo da arte románica compostelá, San Paio de Diomondi. Anexo á igrexa atópase un pazo, residencia de verán dos bispos de Lugo, que ven de convertirse en albergue de peregrinos para o Camiño de Inverno.