INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS E O ALUMNADO DO IES A PONTEPEDRINA ANTE O INICIO DO CURSO 2020-21

INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS E O ALUMNADO DO IES A PONTEPEDRINA ANTE O INICIO DO CURSO 2020-21

Estimados pais e nais e membros da comunidade educativa:

Somos conscientes da preocupación colectiva derivada da falta de información sobre o inicio deste curso. O equipo directivo leva traballando en todas as alternativas posibles para un regreso seguro ás aulas desde o remate do curso pasado e durante todo este verán.

Ata este momento levamos dous cambios de normativa, e agardamos aínda a saída dunha terceira. Cada cambio normativo implica unha reorganización de grupos, de aulas e unha reformulación da petición de novo profesorado. Por exemplo, comentaremos que a distancia de seguridade entre o alumnado sufriu distintas modificacións por parte da Consellería: de un metro (22 de xullo), de metro e medio (31 de agosto), de un metro e colocación de separadores entre o alumnado (13 de setembro).

Estes cambios constantes dificultan o noso traballo e imposibilitan tamén que lles poidamos trasladar unha información real sobre o regreso ás aulas.

A día de hoxe, tras comunicarnos está mañá o noso cupo de profesores/as, podemos INFORMARLLES  do seguinte:

  1. O ensino no Bacharelato será semi-presencial. Esta solución NON é a que quere o IES A Pontepedriña pero o sernos imposta pola Administración non temos outra posibilidade que acatala.
  2. O ensino na Educación Secundaria será totalmente presencial. Para que o centro sexa un espazo seguro aumentaremos os grupos e manteremos a distancia de seguridade de 1,5 metros. Isto implica unha total reorganización dos espazos e un aumento de profesorado (neste caso concedido).
  3. O ensino na Formación Profesional será semi-presencial no Ciclo Medio de Actividades Comerciais, Ciclo superior de Comercio Internacional e Ciclo Superior de Xestión e Vendas. Na Formación Profesional Básica e Ciclos en modalidade Dual o ensino será presencial.
  4. Para poder dar cabida a máis grupos necesitamos refacer os nosos horarios. Temos solicitado un novo horario. A educación Secundaria e o Bacharelato serían en horario de mañá e a Formación Profesional en horario de tarde. O novo horario solicitado, a falta da súa autorización sería o seguinte:
    • Horario de Educación Secundaria e Bacharelato: entrada ao Centro as 08:15 horas todos os días. As saídas dependerían do número de sesión por día. Os luns e mércores a saída sería as 14:30 horas (sete sesións por día) e os martes, xoves e venres a saída sería as 13:30 horas (6 sesións por día).
    • Formación profesional seguiría co seu horario habitual: entrada ás 14:50 todos os días e saída de martes a venres ás 21 horas e os luns as 21:50 horas.

Para finalizarmos, queremos comunicarlles que esta dirección traballa e traballará arreo para que o noso centro sexa un espazo seguro para as súas fillas e fillos, así como para o resto da comunidade educativa. E unha vez máis queremos reiterar o noso compromiso cun ensino público e de calidade.

 

A dirección do IES A Pontepedriña