Pastelería Mimela, Premio IES-G polo apoio e promoción da lingua galega no comercio estradense

Premio IES-G 23

O xurado, composto polo alumnado de 4º ESO, valorou o uso normalizado da língua que fai este negocio familiar aberto dende 1984.

O recoñecemento entregarase na gala Revista Viva. Nós de Nós, que terá lugar no Teatro Principal o martes 20 a partir das 16:30.

O Premio IES-G que entrega o IES Nº 1 da Estrada chega á súa 8ª edición, tras o parón provocado pola pandemia, para sumar a Pastelería Mimela á nómina de comercios recoñecidos por empregar a lingua galega no seu día a día demostrando que o idioma engade un valor positivo nas relacións comerciais, que facilita a comunicación e achega confianza á clientela.

En concreto, o xurado formado polo alumnado de 4º ESO valorou o seu uso na atención oral á clientela, na cartelería interna e externa do establecemento, así como, especialmente, nas campañas de publicidade que realiza periodicamente e nos contidos publicados nas redes sociais, onde se percibe un uso coidado, rigoroso e de calidade do idioma.

A Pastelería Mimela é un negocio familiar rexentado por Antonio Sanmartín Chao que destaca por ofrecer un produto de calidade, artesán, innovador e responsable socialmente cos ingredientes e produtos que elabora, e que non só conta cunha clientela local fiel senón que tamén atrae numerosos compradores de fóra do Concello. Sen dúbida ningunha, o galego é un ingrediente que achega valor engadido a este comercio estradense de referencia.

O galardón, xa comunicado a Antonio Sanmartín por Uxía, Irene e Jéssica en representación do alumnado, será entregado na VII edición da “Revista Viva. Nós de Nós”, unha gala na que o teatro, a música e a literatura servirán de fíos condutores para repasar a actividade escolar do curso.

En anteriores edición, o Premio IES-G recoñeceu o labor normalizador da Libraría A Marxe, Treixa, Copiestrada, Calzados A Esquina, Taberna A Navegación, Nobelo a Nobelo e Tapería O Camiño.

A nova nos medios: La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

AdxuntoTamaño
Enquisa_IES_G_2023.pdf79.11 KB