Saltar navegación.
Inicio

blogue deanabelenfernandezporral

A ponte entre o ensino medio e a USC

Dende a Universidade de Santiago de Compostela, visitounos Celso Rguez., que falou ao alumnado de Bacharelato sobre as cuestións máis relevantes sobre a USC: os seus campus, os estudos que se poden cursar, organización dos graos, programas de mobilidade, posibilidades de ocio, culturais, deportivas....que ofrece a universidade, residencias e bolsas de estudos. 

Sen dúbida, unha sesión ben completa!

 

 

 

 

 

 

Charla sobre doazóns e transplantes

No mes de xaneiro recibimos a visita dunha enfermeira da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que transmitiu ao alumnado de 4º ESO e do CM de Atención a persoas en situación de dependencia, a importancia e valor das doazóns. Trátase dunha actividade de sensibilización que favorece o achegamento a unha realidade sobre a que non solemos reparar habitualmente e a través da cal puidemos coñecer de primeira man a experiencia dunha persoa transplantada. 

Sen dúbida, un orgullo que o noso país sexa pioneiro en doazón de órganos e dispoñer dun sistema público de saúde que permita a atención ás persoas que precisan un transplante.

Despois de coñecer esta realidade de primeira man, quizais toque reflexionar.....Faríaste donante de órganos?

 

 

 

 

 

 

 

Obradoiro de motivación e autoestima

Ao longo de varias sesións, o alumnado de Formación Profesional Básica desfrutou dun obradoiro de motivación e autoestima, adquirindo aprendizaxes intrapersoais e interpersoais mediante dinámicas e xogos educativos.

Foron unhas sesións moi produtivas e amenas, nas que a reflexión final é que podemos conseguir grandes logros, sempre que nolo propoñamos e nos esforcemos por alcanzalos! 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fóra etiquetas!

No grupo de 1º ESO, comezamos a traballar sobre a convivencia, relacións interpersoais e resolución de conflitos a través da mediación. Comezamos traballando sobre os prexuízos con distintas dinámicas, tomando conciencia da importancia de aceptar e non xulgar aos demais. Por unha banda tomamos conciencia de como inflúen as etiquetas sociais nas relacións interpersoais cos demais mediante a dinámica Discoetiqueta, para na seguinte sesión continuar a aprender sobre os prexuízos coa actividade Fóra etiquetas!, onde comprobamos como ás veces xulgamos de forma incorrecta e sen coñecer aos demais. 

 

Probas para obtención do título de ESO para maiores de 18 anos. Convocatoria 2024

Publicada a Resolución do 27 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de FP, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en ESO para maiores de 18 anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización. 

Prazos de presentación de solicitudes de inscrición nas probas:  

  • Para a primeira convocatoria: do 5 ao 21 de febreiro de 2024, ambos incluídos
  • Para a segunda convocatoria: do 8 ao 19 de abril de 2024, ambos incluídos

Tamén te podes informar no departamento de orientación. 

Probas de acceso a ciclos formativos - Convocatoria 2024

Convocadas as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional.

Prazo de presentación de solicitudes: 

  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio: do 26 de febreiro ao 8 de marzo de 2024.
  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior: do 29 de xaneiro ao 9 de febreiro de 2024.

Data de realización das probas: 

  • Probas de acceso a grao medio: 23 de maio de 2024.
  • Probas de acceso a grao superior: 18 de abril de 2024.

Podes consultar todas as datas relevantes para cada caso no calendario

Para máis información, consulta no departamento de orientación ou nesta ligazón

Ponderacións para acceso universidade en Galicia no 2024/25

A CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia), ven de publicar na súa páxina web os parámetros de ponderación das materias troncais de modalidade e materias de opción que se terán en conta para o acceso ao sistema universitario de Galicia no curso 2024/25. 

Consulta as ponderacións nesta ligazón

Nadal solidario

Dende o centro organizamos o Nadal solidario, unha iniciativa consistente na doazón de alimentos non perecedoiros e/ou xoguetes usados en bo estado para axudar ás familias que o necesitan do Concello. Hoxe, o persoal de Servizos Sociais achegouse ao centro para recoller as doazóns, coas que facer un Nadal máis agradable a algunhas persoas. 

Grazas a aquelas persoas que aportaron un grao de area! De seguro a súa humanidade xerará sorrisos!

 

 

 

 

 

 

 

A mediación está de volta!

Atención, atención! A mediación está de volta! Un curso máis seguimos a traballar na mediación. Nesta ocasión retomamos o traballo do profesorado do equipo de mediación, e a que non sabedes....xa fixemos algunha cousiña moi produtiva! Acondicionouse un espacio como aula de mediación e xa se realizou algunha intervención con alumnado en conflito, a fin de contribuir ás boas relacións e clima nas aulas. Polo momento vaise recollendo algún froito!

Asemade, estamos a facer máis sinxelo o proceso e adaptando os documentos do protocolo para que o proceso sexa máis rápido e operativo. Tamén comezamos a intervir en 1º da ESO nas titorías, para traballar en convivencia e resolución de conflitos e que coñezan a mediación.

Seguiremos a traballar nos próximos trimestres, co obxectivo de que tamén o alumnado participe activamente como mediador e contribuir á expansión da cultura da mediación. 

Podedes coñecer máis sobre este proxecto nesta ligazón do apartado de Convivencia da web do centro. 

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Comezamos!

Pola importancia que ten a educación afectivo-sexual e a súa relevancia principalmente na etapa adolescente, este curso decidimos participar no programa Quérote +, que se desenvolverá con alumnado de 3º da ESO e FP Básica.

Deixamos por aquí un documento gráfico das primeiras sesións, nas que o alumnado tivo a oportunidade de coñecer os Centros Quérote (non deixedes de visitar a súa web:  https://xuventude.xunta.es/querote-mais) e fixemos un primeiro achegamento ao por que do programa e ao que implica a EDUCACIÓN SEXUAL e......SORPRESA! Non se refire só ao plano físico da persoa ou as relacións coitais, senón que implica moito máis, abarcando tamén o plano emocional e relacional.

Podedes descubrir o que estivemos a traballar a un clic!

 

Distribuir contido