Saltar navegación.
Inicio

blogue deanabelenfernandezporral

Ciberasesor@s. Fase de intervención

Rematamos o curso asesorando ao alumnado de 1º ESO sobre o uso seguro das novas tecnoloxías e os riscos que pode levar consigo un uso inadecuado ou imprudente das mesmas. 

O alumnado de 2º ESO, logo de informarse e traballar en equipo sobre distintos riscos das novas tecnoloxías, transmite a información sobre ciberbullying, sexting, grooming e ciberadicción aos seus compañeiros/as menores. 

Aquí podedes ver as fotos da sesión. 

 

 

 

Doazón Marcapáxinas Solidario

No mes de xuño realizamos ingreso a favor de Save The Children, logo de recadar doazóns polo deseño de marcapáxinas solidarios.

Ingresamos un total de 103,20 €, un pequeno gran de area que permitirá á entidade seguir a traballar polos dereitos da infancia, a súa supervivencia, protección e o acceso a unha educación de calidade. 

Save The Children remitíu ao centro un escrito agradecendo a colaboración a toda a comunidade educativa pola súa participación e implicación, en nome dos nenos e nenas do programa, xunto con un recibí e o diploma de centro solidario. E é que con moi pouco pódese conseguir moito!

Desexámoslle moita sorte nos seus proxectos, contribuíndo a facer deste un mundo mellor!

 

 

 

 

 

 

 

Plan Proxecta. Quérote Máis. Hoxe damos a clase nós!

Chegamos ao final do proxecto e convertémonos en mestres dos nosos compañeiros/as. Hoxe damos a clase nós!

O alumnado escolleu como tema a traballar as relacións afectivas e o uso das novas tecnoloxías, informando sobre a necesidade de ser precavidos de cara a prácticas como o sexting, por exemplo. Asemade, instaron a tomar conciencia sobre a importancia de manter relacións saudables, fuxindo de calquera forma de control ou violencia, que tamén pode ser exercida mediante o uso de dispositivos electrónicos, redes sociais.....

Quérete moito e permite só que te queiran ben!

 

 

Plan Proxecta. Quérote Máis. Hoxe damos a clase nós!

E chegamos ao final do proxecto convertíndonos en mestres para os nosos compañeiros/as.Hoxe damos a clase nós!

O alumnado escolleu como tema as relacións afectivas e o uso das novas tecnoloxías, reflexionando sobre os riscos que poden levar consigo. Así, hai que ser precavidos de cara a prácticas como o sexting, por exemplo, á vez que tamén se debe tomar conciencia da importancia do respecto nas relacións afectivas e fuxir de calquera forma de control ou violencia a través dos mesmos. 

En definitiva, falamos de relacións saudables, tamén a través das TIC!

Novidades na admisión á Formación Profesional Básica

As intrucións publicadas o 7 de xuño de 2024, relativas á admisión á FP, inclúen novidades na admisión á Formación Profesional Básica, que podes consultar no documento adxunto. 

Novidades na admisión á Formación Profesional Ordinaria

O pasado 7 de xuño publicábanse instrucións xerais para a admisión ás distintas modalidades de FP, incluíndo novidades respecto a cursos anteriores. Estas novidades afectan á modalidade de FP ordinaria, que se imparte no noso centro. Podes consultar as novidades relevantes e información de interese na admisión ás ensinanzas de FP ordinaria (grao medio e superior), no documento adxunto. 

Diversidade cultural

O alumnado de 1º ESO leva uns días falando nas titorías sobre o racismo. A temática do racismo no fútbol, tan tristemente frecuente no noso país ultimamente, serviunos para introducir o tema, abríndose o debate na aula a partir das novas publicadas en prensa e televisión.

Tras introducir o tema, identificamos certas condutas racistas que poden darse no día a día, xunto con posibles solucións ou formas de abordalas, para finalmente, achegarnos a outras culturas.Que mellor forma de combatir os prexuízos que con educación e coñecemento! Aproveitando que na aula hai alumnado de distintas culturas e procedencias, así como outros que teñen interese en culturas distintas á súa, o alumnado contou aos seus compañeiros/as sobre as súas orixes e/ou intereses. Coñecimos sobre gastronomía, tradicións, lugares....servíndonos da rede para amosar imaxes. 

Sen dúbida, unha cuestión interesante e sobre a que seguiremos a incidir!

Prevención de adiccións - Proxecto Home

Dende Proxecto Home informan ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO e 1º FPB sobre as adiccións, co obxectivo de informar e previr as mesmas.

Que son as drogas, tipos, efectos e consecuencias son algunhas das cuestións que se abordaron nas sesións, concienciando ao alumando da importancia de tomar decisións adecuadas e saber dicir que NON. No caso de 2º ESO e FPB, as sesións centráronse tamén na prevención de adiccións sen substancia (adicción ao móbil, videoxogos, apostas....), pois son tan dañinas como aquelas nas que se inxiren substancias e tamén requiren de tratamento. 

O alumnado participou de forma activa nas distintas sesións, nas que se pretende, entre outras cuestións, favorecer o pensamento crítico e o ocio saudable.

Saúde mental

Seguimos a traballar sobre a educación emocional, neste caso centrándonos na saúde mental. 

Na asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos do Enfermos Mentais, son coñecedores da importancia de formar e informar sobre a saúde mental. Conscientes da relevancia do tema, da transcendencia a calquera idade, incluída a adolescencia, e da importancia de traballar dende a prevención, no mes de maio visitounos persoal da asociación para levar a cabo un obradoiro co alumnado de 4º ESO. 

Abordouse a saúde mental, regulación emocional, xestión do estrés, autodeterminación e empoderamento mediante dinámicas activas e participativas nas que o alumnado foi o protagonista.  

Ciberasesor@s

O alumnado de 2º ESO leva un tempo traballando no programa Ciberasesor@s. Despois de adentrarse no coñecemento de internet e redes sociais, creamos equipos de traballo que están a investigar sobre os principais riscos das novas tecnoloxías.

Nestas fotos, servímonos do estudo de casos para aprender de forma activa e entretenida, conectando o contido coa realidade. Así, a rapazada está a analizar noticias de distintos xornais sobre o tema de traballo, para saber un pouco máis e formar e informar aos seus compañeir@s. 

Seguiremos traballando para amosar os traballos cara o final do curso!

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido