Saltar navegación.
Inicio

blogue deanabelenfernandezporral

Iniciación segura á pegada dixital 2023/24

Este curso participamos de novo no programa "Iniciación segura á pegada dixital". Estivo dirixido a alumnado de 2º e 3º da ESO, que tomou conciencia da importancia de manter unha identidade dixital adecuada, pois todo o que facemos en internet deixa pegada e non está exento de riscos. 

Xornada de orientación e convivencia en Lalín

No día de hoxe, o alumnado de 1º Bacharelato desfrutou dunha xornada de orientación e convivencia na localidade de Lalín.

Acompañados da súa titora e a orientadora do centro, asistiron á Primeira Feira de Orientación Universitaria e Formación Profesional organizada neste municipio.

Ademais, aproveitaron a visita á capital dezá para coñecer o museo Castro Deza, dedicado á divulgación da cultura castrexa, as lendas e a gastronomía; e tamén se achegaron ao Espazo Xove de Lalín (Casa da Xuventude), onde puideron desfrutar da exposición fotográfica "Ceos galegos" explicada da man do divulgador científico Dosi Veiga. 

 

Navega con rumbo 2023/24

Porque é importante non perder o norte cando navegamos na rede, rematamos o 2º trimestre participando no programa Navega con rumbo

O alumnado de 1º ESO e 1º FPB tivo a oportunidade de asistir á actividade, conducida por un enxeñeiro informático experto na materia, co que dialogaron de forma amena sobre internet e as oportunidades e perigos que pode levar asociados. 

Dende logo, serán moi útiles os seus consellos e ter presente sempre o decálogo do bo uso de internet para unha navegación segura!

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Continuamos!

Desta volta deixamos un resumo do traballo efectuado no 2º trimestre co alumnado de 3º ESO e FPB no marco do programa de educación afectivo-sexual "Quérote Máis"

Tras rematar algunha tarefa pendente...adentrámonos na diversidade afectivo-sexual! Na presentación que se xunta no enlace, podedes consultar as obras que realizou o alumnado, a fin de promover o respecto cara as distintas identidades e orientacións sexuais. 

Pero non só iso...Tamén tivemos tempo para investigar sobre o amor romántico e detectar os mitos sobre o mesmo na música, literatura, publicidade...

Finalmente, abordamos a importancia da prevención. O alumnado descubríu a través de variadas metodoloxías e actividades os distintos métodos anticonceptivos e o seu papel na prevención de embarazos non desexados e ETS. Foron varias sesións interesantes nas que dialogamos sobre as preocupacións e dúbidas adolescentes, achegándonos tamén á regulación legal da IVE no noso país. 

Premendo nesta presentación podedes ver un resumo do traballado en imaxes. 

 

 

 

 

 

Falamos do acoso escolar

No segundo trimestre, continuamos a centrar esforzos na mellora da convivencia. Tras un traballo de reflexión sobre o clima de aula, dedicamos dúas sesións de titoría a falar sobre o acoso escolar co alumnado de 1º ESO, para concienciar sobre as súas implicacións e consecuencias. Para iso, servímonos da análise e comentario de casos reais como o caso Jokin Cebeiro e tamén o coñecido youtuber e instagrammer Miquel Montoro. 

Destacando sempre a importancia das persoas espectadoras na detención dos casos de acoso escolar, que a miúdo se producen lonxe da mirada adulta, aproveitamos as sesións para dar a coñecer o Punto Laranxa, tanto físico como virtual, como un recurso de denuncia anónimo ao abeiro do novo Protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar, que pretende romper co a lei do silencio.

Becas para o curso 2024-25

Facémonos eco da publicación do Ministerio de Educación, que nestes días anuncia a convocatoria de becas para o próximo curso 2024-25, para continuación de estudos universitarios e non universitarios. 

Permanece atentx ao prazo de solicitude, do 19 de marzo ao 10 de maio, e consulta toda a información na ligazón correspondente: 

  • Se o próximo curso vas estudar Bacharelato, Formación Profesional ou FP Básica, informáte aquí. 
  • Se vas realizar estudos universitarios, esta é a túa ligazón de referencia.  

Encontros virtuais na zona USC

Os próximos días 21, 22, 25 e 26 de marzo podes coñecer máis de cerca a USC. 

Conéctate aos seus encontros virtuais e infórmate sobre os seus graos, programación cultural, residencias....e pregunta todas as dúbidas! 

Consulta máis información e horarios na ligazón aos encontros. 

Mulleres inspiradoras

Nunha semana tan significativa como esta, na que se celebra o Día Internacional da Muller, desenvolvemos no centro unha serie de actos e actividades conmemorativas.

Por cortesía do Concello de Vila de Cruces, empezamos a semana con unha mesa redonda baixo o título “Mulleres inspiradoras”. O concelleiro de igualdade deu apertura ao acto, do que puideron desfrutar o alumnado de 3º e 4º da ESO, coñecendo de primeira man a experiencia de catro mulleres traballadoras e pioneiras en moitos casos nos seus ámbitos laborais, mulleres loitadoras que tiveron que abrirse camiño facendo fronte a distintas adversidades, incluídas aquelas que tiveron que afrontar polo seu xénero. Así, compartiron con nós as súas experiencias a recoñecida artesá Elena, máis coñecida como a zoqueira de Merza; Mónica, licenciada en dereito e axente de emprego e desenvolvemento local do Concello; Rocío, empresaria hostaleira e Cinthia, emprendedora e luthier de clarinete.

Catro mulleres referentes que coa súa experiencia favorecen a inspiración nas alumnas e a visibilidade da muller en sectores masculinizados. A mesa estivo moderada por Fátima, tamén empresaria e emprendedora no sector dos recursos humanos.

Instrucións ABAU 2024

Publicada a Resolución do 20 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Universidade e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2024/25. Acceso á resolución nesta ligazón

Máis información sobre ABAU, preinscrición e matrícula na universidade aquí

Admisión alumnado curso 2024/25

Consulte aquí os prazos destacados a ter en conta no procedemento de admisión para o curso 2024/25

  • Reserva de praza no centro de orixe: do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro.
  • Publicación da listaxe de alumnado con posto reservado: 22 de febreiro.
  • Sorteo público da letra a efectos de desempate: última semana de febreiro
  • Publicación de postos escolares vacantes: antes do 1 de marzo. 
  • Presentación da solicitude de admisión (para alumnado que cambie de centro para cursar a mesma ensinanza ou para estudos superiores en centros non adscritos): do 1 ao 20 de marzo. 
  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo10 días hábiles contados a partir dos dous días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.
  • Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas: 25 de abril.  
  • Reclamacións: prazo máximo de 5 días hábiles a partir do día seguinte á súa publicación).
  • Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: 15 de maio. 
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria20 a 30 xuño. 
  • Formalización da matrícula en ESO e bacharelato: 23 de xuño a 7 de xullo

Normativa:

Distribuir contido