Skip to Content

Complementarias

Complementarias

Obradoiros de Educación afectivo-sexual

O pasado mércores 6 e xoves 7 de abril impartíronse no noso IES os obradoiros de Educación afectivo-sexual de QUÉROTE+, Centro de Información e Asesoramento para a Mocidade, promovidos polo departamento da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, e dirixidos ao alumnado de FP Básica e de 3º ESO.

Os OBXECTIVOS acadados co desenvolvemento deste programa foron os seguintes:

  • Desmantelar mitos, estereotipos e falsas crenzas presentes na sexualidade
  • Estimular a valoración crítica dos mozos e mozas no acceso e análise da información sobre sexualidade
  • Impulsar a perspectiva da diversidade
  • Favorecer a autonomía reflexiva e construtiva de rapaces e rapazas na construción da súa identidade

Esta actividade foi organizada polo departamento de Orientación.

Roteiro por Santiago de Compostela

O xoves 31 de marzo o alumnado de 3º ESO realizou un roteiro polo patrimonio histórico-artístico e das paisaxes literarias compostelás de Héctor Cajaraville e o seu  libro Once Portas. Unha actividade interdisciplinar organizada polos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega, mesturando literatura, arte e historia para coñecer Compostela.

Charla/obradoiro Roboplus

O pasado xoves 31 de marzo, a empresa Roboplus, afincada en Porriño, desenvolveu no noso centro unhas xornadas técnicas coa temática "Robótica colaborativa", nas que se fixo a presentación dun dos seus robots da marca Universal Robotics.

O alumnado de 2º curso de CS de Automatización e Robótica Industrial puido ver as características do robot, o seu ámbito particular de programación, ademais de realizar diversas prácticas coa unidade desprazada ao centro: desde movemento simple de pezas coa pinza neumática ata labores de apilado e paletizado por niveis. 

Velaquí algunhas fotos:

Escolares de Padrón pola paz

A semana pasada os centros educativos de Padrón participaron conxuntamente para expresar o seu DESEXO DE PAZ: o noso alumnado de 1º e 2º ESO colgou as pombas decoradas coas cores da bandeira de Ucraína no enreixado da Escola Infantil Municipal de Padrón.

Podes ler a noticia completa de El Correo Gallego aquí.

Charla GenTech

O pasado venres 25 de marzo, a empresa Altia impartiu unha interesantísima charla organizada polo departamento de Orientación e dirixida ao noso alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato, na que se trataron, a través da experiencia persoal das persoas ponentes, os seguintes aspectos:

  • A capacitación dixital como ferramenta de traballo.
  • As saídas profesionais das carreiras STEM.
  • O traballo en equipo.

Sen dúbida, temas importantes nun futuro cada vez máis próximo para esta rapazada.

Charlas Garda Civil

O pasado xoves 24 de marzo o alumnado de 1º ESO, 2º ESO e 1º curso de FPB recibiu unha charla sobre Uso das Tecnoloxías, impartida pola Garda Civil. Esta actividade está enmarcada dentro do Plan Director da Mellora da Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas.

Ás rapazas e rapaces explicáronselles, entre outros aspectos, a importancia das normas de ciberseguridade ou do emprego correcto das redes sociais (ex.: como actuar ante casos de ciberacoso).

Esta actividade foi organizada polo departamento de Orientación.

Nova charla temática USC

O pasado venres 18 de marzo o alumnado de Física de 2º Bacharelato asistiu á última charla temática: Xogando coa luz.

Interesantísima charla divulgativa orientada a poñer en valor os usos da luz no mundo actual, dende a iluminación ata os usos industriais e científicos da luz. Dun modo totalmente práctico o alumnado puido coñecer e experimentar o funcionamento de obxectos tan comúns e dispares coma o ollo humano, un cable de fibra de vidro, gafas de sol  ou mesmo sistemas de comprobación de pureza do aceite mediante uso de luz láser.

Comando Igualdade

Encadrado dentro do programa do 8M, este xoves 17 de marzo o alumnado de 1º Bacharelato asistiu, no Auditorio de Padrón, a unha actividade organizada pola asociación feminista Mulleres en Padrón, en colaboración co CIM Terras de Iria, o Concello de Padrón, a Vicedirección e o departamento de Orientación.

A xornada consistiu na presentación do proxecto por parte da filósofa Chis Oliveira, tras a cal se deu paso á intervención da rapazada do Comando Igualdade formada no IES Alexandre Bóveda de Vigo. O obxectivo era achegarlle o traballo desenvolvido polo Comando ao noso alumnado a través da súas propias experiencias, e abrir un debate entre a mocidade sobre cuestións relacionadas coa igualdade: estereotipos, relacións tóxicas, machismo, feminismo, etc.

Charla sobre as probas ABAU

Onte o alumnado de 2º Bacharelato asistiu a unha charla informativa sobre as probas ABAU, organizada polo departamento de Orientación e impartida polo profesor emérito da facultade de Matemáticas da USC, Luis Hervella Torrón, quen resolveu todas as dúbidas das nosas alumnas e alumnos de xeito ameno e didáctico.

O noso máximo agradecemento ao profesor Hervella por axudar ao noso alumnado a achegarse a estas probas de forma tranquila, serena e sobre todo moi positiva!

Teatro Grecolatino

Onte mércores 9 de marzo un grupo de alumnas/os de ESO e Bacharelato, que cursan Cultura Clásica, Latín e Grego, asistiron en sesións de mañá e tarde no Auditorio Gustavo Freire de Lugo a dúas representacións teatrais dentro do Festival de Teatro Xuvenil Grecolatino organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos).

As obras representadas foron a traxedia de Eurípides Ifixenia en Aúlide e a comedia latina O Persa, representadas polo grupo de teatro O Ruiseñor de Culleredo.

Distribuir contido


by Dr. Radut