Entrevista en Radio Fene a Fernando Fresnillo e Juan Seijo

O mércores 8 de xuño, o profesor do departamento de Mantemento Juan José Seijo e o dinamizador da relación das empresas coa FP Fernando Fresnillo Montero foron entrevistados por Henrique Sanfiz, de Radio Fene, para entre outras cousas falar da FP Dual en xeral e de algunhas cousiñas sobre esta modalidade de formación no noso instituto en particular.

RadioFusión. Os coches son ordenadores con rodas

Audio da entrevista

Alumnado de 4º de ESO: xornada de achegamento á FP

Na mañá de hoxe, o alumnado de 4º curso da ESO do IES de Fene tivo unha xornada de achegamento á FP. Despois de recibir unha charla sobre a FP Dual, foron visitando por quendas os talleres dos diferentes Ciclos formativos, e naturalmente entre eles recibiron a visita dos distintos talleres dos Ciclos do noso Departamento. Deste xeito, puideron ter unha visión máis completa do día a día do noso alumnado. Unha proveitosa visita que agardamos que teña continuidade nos vindeiros cursos.

     
   

Fernando Fresnillo na cadena SER

O pasado luns 6 de xuño, o dinamizador da relación das empresas coa FP no noso centro, Fernando Fresnillo Montero, foi entrevistado por Raúl Salgado, da SER de Ferrol, para falar da FP Dual en xeral e de algunhas cousiñas sobre esta modalidade de formación no noso instituto en particular.
(Nota: a petición do interesado, queremos deixar claro que o feito de nomealo na súa presentación coma director no centro foi afortunadamente só un erro, que co seu posto de dinamizador xa ten máis que suficiente...).
 
 
 

Alumnado con PD en FP. Calendario de exames

Nas seguintes ligazóns se pode consultar o calendario de exames para alumnado con perda do dereito á avaliación continua (P.D.):

1º FP Básica Fabricación e Montaxe
1º CM Soldadura e Caldeiraría
1º CM Electromecánica de Vehículos Automóbiles
1º CM Mantemento Electromecánico

Participación no Hiperbaric Challenge na prensa

O Diario de Ferrol recolle, na súa edición de hoxe, a participación do noso centro.

Desexámoslles a mellor das sortes!

Sexta charla do ciclo ContandoCiencia

O ciclo ContandoCiencia chega ao seu fin este curso cunha charla do biólogo Xurxo Mariño. A Casa da Cultura de Fene acollerá o mércores 1 de xuño ás 19:30 a derradeira sesión que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O protagonista desta sexta e derradeira charla será o doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño. A charla, que leva por título “Unha mirada á evolución da linguaxe”, terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con entrada libre e de balde até completar o aforo.

Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña (na actualidade en excedencia).

Especializado en neurofisioloxía, forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais. Ten publicado traballos de investigación en revistas especializadas e colaborado co Massachusetts Institute of Technology (MIT), onde desenvolveu as súas investigacións de posdoutoramento.

O seu traballo de investigación en neurofisioloxía céntrase no estudo dos mecanismos sinápticos de distintas vías sensoriais a nivel talámico e pretalámico, na interacción tálamo cortical e no regulamento dos niveis de actividade encefálica global no ciclo sono-vixilia.
Paralelamente, ten desenvolvido software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxico, e colaborado no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise.

Realiza múltiples actividades de divulgación do coñecemento científico, procurando ademais a interacción co mundo das humanidades

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto

O mércores 18 de maio publicouse a convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas a alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial no próximo curso 2022/23.

O prazo para presentar solicitudes remata o 22 de xuño de 2022.

Poden acceder ao texto da convocatoria na seguinte ligazón: Orde 29 de abril de 2022

No documento poden acceder aos aspectos máis relevantes da convocatoria. Acceso ao documento resumo

Graduación 2º de bacharelato

O pasado venres 20 de maio tivo lugar o acto de graduación do alumnado de 2º de bacharelato, que rematou este ano a súa última etapa no IES de Fene. Moita sorte agora nas probas de acceso á universidade, e na nova etapa das vosas vidas que agora comezades

 
 

Entrega de boletíns a 2º de bacharelato

A entrega de boletíns ao alumnado 2º de bacharelato terá lugar o xoves 19 de maio ás 11:15.

O período de reclamacións será o 19 e 20 de maio. Consultar documento adxunto.

Homenaxe a Xaquín Marín

O pasado venres, 6 de maio, no IES de Fene vivimos un deses momentos que gardaremos na nosa memoria para sempre. Tivemos o pracer de contar coa presenza do ilustrador e humorista gráfico Xaquín Marín, para renderlle unha humilde homenaxe poñendo o seu nome a un dos salóns de actos do noso centro.

O acto comezou co descubrimento dunha placa realizada polo ceramista Francisco Pérez Porto e a inauguración dun mural pintado por alumnado de Debuxo Artístico baixo a guía da profesora Luisa Parada. Unha vez dentro do xa Salón de Actos Xaquín Marín, viñeron as intervencións do director do centro, Xoán Vázquez, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol,Xulia Díaz e o propio Xaquín Marín quen expresou o seu emocionado agradecemento pola homenaxe. Como broche o grupo de música Arredemo, xunto coa profesora Bárbara Mourelo agasallounos cunha maravillosa actuación.

Ao acto asistiron autoridades locais, a coordinadora do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos, os ceramistas Francisco Pérez Porto e Carme Romero Díaz así como representantes do alumnado, profesorado e familias.

Desde este día un novo espazo do centro pasa a levar o nome dun persoeiro do noso pobo, neste caso Xaquín Marín, xunto coa biblioteca O Segrel do Penedo, en recordo de Xosé María Pérez Parallé, e a aula de Música, Daniel Bellón.

 

Ciclo ContandoCiencia

Este próximo mércores 18 de maio ás 19:30 h na Casa da Cultura de Fene terá lugar unha nova charla do ciclo ContandoCiencia. Nesta ocasión contaremos coa psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga (@rainhavermella).

Iria Veiga (Ferrol, 1981) exerce a psiquiatría no hospital do Barbanza e manten o blog O outro Lado do Espello. Tamén colabora cunha columna de opinión en Diario Nós na que fala sobre ciencia. Participa en diversas iniciativas relacionadas coa lingua e a divulgación científica, como Escépticos no Pub, Pint of Science, Naukas Coruña, Concienciadas, LGx15, O galego a miña lingua propia e o podcast Burán. Actualmente mantén a canle de Twitch Balea Vermella, xunto a Javier Balea, na que realizan entrevistas e conversas sobre ciencia.

Esta charla, que leva por título "Adolescencia e saúde mental", é a quinta do ciclo ContandoCiencia organizado pola biblioteca do IES de Fene, O Segrel do Penedo, en colaboración coa Concellería de Ensino do concello de Fene.

Non vola podedes perder.

 

Charla de Jorge Mira no IES de Fene

O pasado xoves, 5 de maio, visitou o noso centro o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira (@JorgeMiraUSC), para impartir unha charla organizada pola biblioteca O Segrel do Penedo en colaboración co club de ciencia ConCienciaFene.

"A que altura está o ceo?". Con esta pregunta comezaba unha viaxe apaixoante por diferentes fitos da física dende que o grego Eratóstenes concluiu que a Terra era redonda, os cálculos para determinar a distancia entre a Lúa e a Terra ou entre esta e o Sol ata a teoría da Relatividade e os descubrimentos máis recentes. En resumo unha sesión emocionante e amena que atrapou tanto ao alumnado de 4º de ESO e 2º de bacharelato que algún incluso tomaba notas.

Así dá gusto aprender!

 

Títulos

Comunícase que xa poden pasar a recoller os títulos académicos polas oficinas do centro todos aqueles e aquelas que remataron os seus estudos no IES Fene nos anos 2.019 e 2.020.

Ciclo ContandoCiencia

ContandoCiencia

A cuarta charla do ciclo ContandoCiencia, organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene en colaboración co concello de Fene, tráenos desta vez ao inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago, José Gómez Rial. A conferencia, que leva por título "A viaxe da vacina fronte a Covid 19 no teu corpo", terá lugar o próximo mércores 27 de abril ás 19:30 na Casa da Cultura de Fene. A entrada será libre ata completar aforo.

 

 

Listaxes admisión

Infórmase que se poden consultar nos taboleiros do centro as listaxes provisionais de alumnado admitido en ESO e Bacharelato para o vindeiro curso 2022-23.

Distribuir contido