Homenaxe a Xaquín Marín

O pasado venres, 6 de maio, no IES de Fene vivimos un deses momentos que gardaremos na nosa memoria para sempre. Tivemos o pracer de contar coa presenza do ilustrador e humorista gráfico Xaquín Marín, para renderlle unha humilde homenaxe poñendo o seu nome a un dos salóns de actos do noso centro.

O acto comezou co descubrimento dunha placa realizada polo ceramista Francisco Pérez Porto e a inauguración dun mural pintado por alumnado de Debuxo Artístico baixo a guía da profesora Luisa Parada. Unha vez dentro do xa Salón de Actos Xaquín Marín, viñeron as intervencións do director do centro, Xoán Vázquez, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol,Xulia Díaz e o propio Xaquín Marín quen expresou o seu emocionado agradecemento pola homenaxe. Como broche o grupo de música Arredemo, xunto coa profesora Bárbara Mourelo agasallounos cunha maravillosa actuación.

Ao acto asistiron autoridades locais, a coordinadora do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos, os ceramistas Francisco Pérez Porto e Carme Romero Díaz así como representantes do alumnado, profesorado e familias.

Desde este día un novo espazo do centro pasa a levar o nome dun persoeiro do noso pobo, neste caso Xaquín Marín, xunto coa biblioteca O Segrel do Penedo, en recordo de Xosé María Pérez Parallé, e a aula de Música, Daniel Bellón.