Skip to Content

O luns comezaremos o reparto de froita no primeiro recreo!

Froita e leite na Sangriña

A próxima semana comezaremos co reparto de froita e leite a través do programa de axudas para a distribución de froita fresca e leite ao alumnado dos centros escolares.

O IES A Sangriña solicitou a participación neste programa a través do Fondo Galego de Garantía Agraria. A actividade está encamiñada a promover hábitos de alimentación saudábeis e prolongarase ao longo de dez días lectivos no caso da froita. A distribución de leite extenderase durante vinte días lectivos. O reparto realizarase diariamente no primeiro recreo coa colaboración dun equipo de alumnas de 2º de ESO.

MOI IMPORTANTE. Novo cambio de sentido na ruta de transporte escolar A Pasaxe - Porto a partir do 16 de xaneiro

 MOI IMPORTANTE. Cambio de sentido na ruta de transporte escolar A Pasaxe - Porto a partir do 16 de xaneiro.

Con motivo das obras na rúa Coruña, a ruta de transporte escolar A Pasaxe - Porto CAMBIA NOVAMENTE O SEU SENTIDO, pasando a ser este o anterior ao 11 de decembro. A partir do 16 DE XANEIRO a primeria parada da ruta volverá a ser A PASAXE e a última parada será PORTO.

A expedición da Sangriña xa está en Italia

Intercambio Sangriña Italia

Desde o pasado domingo, e até o 21 de xaneiro, 22 alumnos e alumnas de 1° de Bacharelato do IES A Sangriña están a realizar un intercambio co Liceo Francesco Angeloni, en Terni (Italia). Nel participarán en varias das clases do centro, coñecerán Terni e visitarán Roma. Nos próximos días tamén visitarán Perugia e Spoleto, ademais de realizar outras actividades académicas e culturais co alumnado italiano.

Proxecto EduReferentes

Executivas de Galicia

Durante este curso escolar a asociación Executivas de Galicia, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, desenvolverá o proxecto EduReferentes.

Este proxecto, no que participará o alumnado de 4º de ESO do IES A Sangriña, ten como finalidade achegar a 20 centros educativos da comunidade galega, información e acompañamento para facilitar o seu coñecemento sobre o mundo laboral, desde unha perspectiva de xénero.

Para acadar esa finalidade, levaránse a cabo 3 actuacións concretas:

  1. Charlas informativas coas que achegar ás aulas a realidade laboral coa colaboración de mulleres galegas, Referentes en distintos ámbitos laborais/profesionais. Estas mulleres forman parte do directorio #ReferentesGalegas que se pode visitar en https://executivasdegalicia.org/listado-de-referentes/.
  2. Sesións de mentoría individualizada nas que mulleres mentoras acompañarán a 5 alumnos e alumnas de cada centro educativo no seu proceso de orientación vocacional.
  3. Obradoiros de Softskills e creatividade para potenciar as habilidades e competencias persoais e laborais dun grupo de 25 alumnos e alumnas.

Culturas do mundo

Como actividade final dun amplo traballo realizado no Proxecto Competencial de 3º de ESO sobre as Culturas do Mundo, o alumnado organizou na última semana do trimestre unha interesante xornada gastronómica, á que incluso algún pai se sumou, o cal desde aquí queremos agradecer.  

O proxecto consistiu nunha investigación sobre diferentes lugares escollidos, os cales incluían os países de procedencia de parte do noso alumnado, como Brasil, Marrocos, Australia, Portugal ou Galicia. Deste xeito, elaboraron diferentes murais, expostos no vestíbulo do centro, nos que recollen información cultural, gastronómica e turística dos lugares investigados. Parabéns ao alumnado participante e ao Departamento de Música por esta actividade tan bonita que pon en valor a nosa diversidade e estreita lazos entre o alumnado da nosa comunidade.

Fomos ver "O corno" e visitamos "Vigo no tempo"

 Sangriña O corno Vigo

O alumnado de 1⁰ de Bacharelato realizou hoxe unha viaxe académica á cidade de Vigo para asistir ao filme "O corno" e realizar unha visita guiada á exposición "Vigo no tempo" na sede de Afundación (de Abanca).

O CORNO é un filme galego, dirixido por Jaione Camborda, que vén de ser recentemente premiado no prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Este drama ambiéntase na Illa de Arousa, no ano 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

VIGO NO TEMPO é a quinta das exposicións que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, 'Cidades no tempo', que inclúe unha exposición en cada unha das sete principais cidades galegas. Despois de Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña, a proposta continúa a súa andaina en Vigo co obxectivo de recuperar a cultura urbana como compoñente fundamental da identidade de Galicia. Pode visitarse na Sede de Afundación de Vigo ata o 20 de xaneiro de 2024.

Matricúlate en ESA IV

esa

Xa está aberto o prazo de matrícula para o módulo IV de ESA. A matrícula poderá realizarse entre os días 9 e 19 de xaneiro de 2024 e está dirixido ao alumnado de nova incorporación que queira cursar este módulo polo réxime de persoas adultas.

Orde sobre uso de móbiles nos centros de ensino

Uso móbiles

Ao abeiro do disposto na Orde do 4/1/2024 CCEFPU sobre o uso dos móbiles, o IES A Sangriña aplicará as sancións derivadas da citada orde:

  1. Prohibición a todo alumnado matriculado no centro do uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo durante a totalidade da xornada escolar (entradas, saídas, recreos, actividades extraescolares, uso da cafetería etc).
  2. Os teléfonos móbiles e outros dispositivos só poderán ser utilizados baixo a autorización e/ou demanda expresa e directa do/a docente en períodos lectivos como ferramentas didácticas. Fóra deste uso queda totalmente prohibido ao alumnado do centro manipular, extraer, custodiar o móbil na aula ou en calquera lugar dentro das instalacións do centro.
  3. O incumprimento desta norma será considerado como falta leve á convivencia. A acumulación de tres faltas leves por este motivo pasará a considerarse como falta grave e será motivo de acción disciplinaria ou incoación de expediente.

Conferencia: audiovisual e accesibilidade

Pablo Romero Fresco

Hoxe celebrouse no IES A Sangriña unha conferencia do profesor Pablo Romero Fresco organizada polo departamento de Orientación. O profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Faculdade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo ofreceunos unha disertación titulada "Como facer os medios audiovisuais accesibles para todas as persoas".

Nesta charla explicouse o traballo que están a facer na Facultade de Filoloxía e Tradución e, concretamente, no grupo de investigación GALMA, para que os medios audiovisuais (TV, cine e mesmo teatro) sexan accesibles para todas as persoas que non poidan acceder á versión orixinal, ben porque non coñezan o idioma (para o que traballan na dobraxe e na subtitulación) ou porque sexan xordas ou cegas (o que require subtitulación inclusiva ou audiodescrición). Mediante proxectos con cadeas de televisión, empresas e gobernos de todo o mundo están a traballar nun novo método de produción de subtítulos en directo mediante a colaboración entre subtituladores/as e programas de recoñecemento de fala. Ademais, crearon un novo sistema de traballo, chamado accessible filmmaking, que promove a colaboración entre cineastas e tradutores/as, e que están a espallar por todo o mundo, incluído un curso de formación para os/as profesionais de Netflix nas súas oficinas de Hollywood. Nesta charla viuse o impacto que este traballo pode ter na formación dos novos tradutores/as e intérpretes da facultade e na súa futura vida profesional.

Desexámosvos felices festas e próspero aninovo

Feliz Nadal

Distribuir contido


by Dr. Radut