Divinas Palabras Revolution, a nova produción do CDG

XRon dirixe esta adaptación, a primeira en idioma galego, da coñecida obra de Valle-Inclán, que lle ofrecerá ao público unha ollada actual e desinhibida da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na "aldea global" fronte a "aldea" do orixinal.

Divinas Palabras Revolution poderá verse ata o 29 de abril no Salón Teatro, onde o Centro Dramático Galego levará a cabo 16 funcións. As de público xeral desenvolveranse de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, día do espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os espectadores terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo da montaxe tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público.

O CDG ofrece ao alumnado da EOI un prezo especial de 5€. Recolle o teu bono desconto na conserxería presentando o teu carnet!!!

Domingos de Conciliación
Ademais, nas tres funcións programadas os días 15, 22 e 29 de abril, o CDG pon en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa -incluída no prezo da entrada- consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro.

Nesta nova aproximación á obra de Valle-Inclán, o papel de Mari-Gaila será interpretado por Patricia de Lorenzo, como parte do elenco do que tamén forman parte Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez.

Máis información sobre a representación en http://centrodramatico.xunta.gal