Sobre o acceso e a matrícula

Se xa teño coñecementos do idioma, teño que empezar desde cero?

Pódese acceder aos estudos das EOI de Galicia de varios xeitos diferentes, segundo se teñan coñecementos previos do idioma de interese ou non. Se non ten coñecementos previos do idioma de interese deberase matricular no primeiro curso do itinerario: Básico-A1 para alemán, francés, inglés, italiano; Básico-A2 para español para estranxeiros, galego e portugués.

Se ten coñecementos previos do idioma poderá acceder a un curso superior ao primeiro do itinerario dalgún dos seguintes xeitos:  facendo unha proba de clasificación ou facendo valer un acceso directo por titulación. Ten información máis completa aquí.

Cal é o procedemento para matricularse en modalidade oficial? Hai que preinscribirse?

O procedemento de matrícula distingue entre alumnado de continuación (o alumnado que continúa estudos no mesmo idioma desde o curso académico anterior) e alumnado de novo acceso (alumnado que nunca estudou en EOI, ou que estudou en EOI hai anos, ou que provén doutra EOI; o alumnado de continuación que qeure matricularse noutro idioma tamén ten esta consideración para o novo idioma).

O primeiro grupo ten que seguir tres pasos unha vez que coñezan a súa calificación e dentro do prazo de matrícula:

  1. reservar a súa praza a través da aplicación de matrícula CentrosNet,
  2. pagar a taxa corresponente, e
  3. formalizar a súa matrícula presentando a súa documentación na secretaría do centro

O segundo grupo ten que seguir cinco pasos:

  1. preinscribirse dentro do prazo de preinscrición
  2. comprobar se se lle adxudicou praza a través da aplicación de preinscrición,
  3. reservar a praza adxudicada,
  4. pagar as taxas correspondentes, e
  5. formalizar a súa matrícula presentando a súa documentación na secretaría do centro.

Ten información máis detallada e as ligazóns necesarias aquí.

E para matricularse en modalidade libre?

A modalidade libre está pensada para o alumnado que só quere presentarse ao exame para certificar un nivel determinado. Para matricularse, este alumnado ten que 

  1. matricularse a súa praza a través da aplicación de matrícula
  2. pagar a taxa corresponente
  3. formalizar a súa matrícula presentando a súa documentación na secretaría do centro

Desde o curso 2021-2022, o prazo de matrícula para a modalidade libre adoita ser en novembro, cunha convocatoria única en febreiro. Ten información máis detallada e as ligazóns necesarias aquí.

Que documentación se pide para matricularse?

Para formalizar a súa matrícula, xa sexa oficial ou libre, todo o alumnado deberá achegar, polo procedemento indicado e no prazo establecido:

  • comprobante bancario ou en-liña do pago das taxas, debidamente cumprimentado
  • copia do xustificante do dereito á exención de taxas (minusvalía, familia numerosa, funcionarios docentes, etc.), de ser o caso
  • copia do xustificante de acceso directo por titulación, de ser o caso (ou certificación académica da EOI de orixe no caso dun traslado doutra EOI)
  • no caso de fraccionar o pagamento da matrícula comprobante da conta bancaria onde conste o IBAN (certificado, recibo...) (non en modalidade libre)
  • para o alumnado menor de 16 anos, certificado no que se faga constar a primeira lingua estranxeira cursada, expedido polo centro onde estea matriculado consonte o modelo do anexo V da circular de matrícula

O alumnado que se matricula por primeira vez na EOI de Santiago de Compostela, deberá ademais achegar:

  • fotocopia do DNI ou NIE (non é válido o pasaporte)

No caso de discapacidade, deberase achegar documentación acreditativa e, se solicita adaptacións, cubrir a solicitude e entregala xunto co resto da documentación de matrícula.

Podo matricularme en varias linguas á vez?

Sí podes, pero debes ter en conta que a aplicación de preinscrición matrícula en liña só permite a matrícula en dúas linguas cada ano, independentemente de que o alumno/a xa estea cursando outro idioma. Se houbese vacantes nunha terceira lingua despois de rematado o período de matrícula podes acceder a elas mediante a adxudicación manual de vacantes. En calquera caso debes ter en conta que os horarios dos diversos cursos se axusten, para evitares acumular faltas de asistencia.

No caso do alumnado libre non hai límite de matrículas: pódese matricular en calquera número de idiomas e niveis nun mesmo ano, exceptuando o caso de que xa estean matriculados nun curso equivalente pola modalidade oficial.

Canto custa matricularse?

A matrícula para un idioma e curso nas EOI de Galicia custa entre 0 € e 127 €, dependendo do tipo de alumnado e das exencións ás que poida ter dereito. Tes información detallada sobre a contía das taxas e procedementos de pago aquí.

Teño que ir á EOI para matricularme? Pódome matricular por correo?

A matrícula faise parcialmente por Internet, xa que a reserva de praza se fai obrigatoriamente a través da plataforma CentrosNet e o pago de taxas é posible facelo tamén en-liña, pero para formalizar a matrícula é imprescindible que entregues a documentación de matrícula na secretaría do centro e que poidamos tamén comprobar a túa identidade. Se non podes vir persoalmente no horario de atención, podes pedirlle a alguén que presente a documentación no teu nome. Non aceptamos que se envíe a documentación por correo postal ordinario ao non nos poder facer responsables nun posible extravío.

Podo anular a matrícula? Como se fai?

É posible presentar a renuncia voluntaria á matrícula oficial ata o 30 de abril do ano de estudos (ou o 15 de decembro para os cursos intensivos do 1º cuadrimestre), de acordo co estipulado na Orde do 8/09/2008 e na Orde do 19/04/2012. A primeira renuncia nun curso/nivel evita que ese ano de estudos compute aos efectos do tempo máximo de permanencia establecido por nivel (as seguintes renuncias xa non).
A EOI anulará a matrícula de oficio nos casos de impago, de documentación incompleta ou errónea: a persoa que se matricula faise responsable da veracidade dos datos personais e académicos que declare no proceso de matrícula.

Non se devolverán as taxas xa pagadas en ningún destes casos.

Devólvense as taxas nalgún caso?

As taxas só se devolven por erros ou sobrecobros imputables ao centro. Non se devolven en caso de equivocación do alumnado no pagamento ou de ingreso erróneo.
É recomendable comprobar ben os importes das taxas antes de facer o pagamento, e sempre preguntar no centro en caso de dúbida.

Podo trasladar a miña matrícula entre centros?

Si, aínda que debes ter en conta que o alumando trasladado desde outras comunidades autónomas deben pagar as taxas galegas. Aquí ten información máis detallada sobre o traslado de matrícula e expediente.

Que normativa regula a matrícula?

A matrícula e os trámites relacionados está regulada por diversas normas, entre as que están a circular periódica de admisión e  matrícula oficial, circular de matrícula libre e probas de certificación, o Decreto de taxas e prezos públicos 89/2013, as ordes de avaliación do 08/09/2008 e do 19/04/2012, e a Lei de procedemento administrativo. Podes consultalas no menu de Lexislación e documentación desta web.

Que ten que facer o alumnado con algunha discapacidade?

O alumnado que teña algunha discapacidade, no momento de efectuar a súa matrícula, debe presentar copia do certificado que acredite a súa discapacidade, expedido pola administración competente, e debe tamén solicitar as adaptacións que necesita.

Que é CentrosNET? Como accedo?

CentrosNet é a aplicación en-liña que aloxa os expedientes do alumnado e que xestiona a matrícula para os cursos oficiais.
Para acceder é preciso ter un usuario e un contrasinal de acceso que se obteñen ao formalizar a matrícula. Para ir á aplicación prema nesta ligazón que tamén pode atopar no menú Alumnado > Consulta de notas, na columna dereita desta web.

Como me matriculo en That's English?

O alumnado que se desexe matricular en That's English e recibir atención titorial na nosa EOI deberá contactar coa EOI da Coruña, que é o centro administrativo do que dependen os cursos That's English da EOI de Santiago de Compostela e o que se ocupa das cuestións de cuestións de matrícula e xestión de expedientes deste alumnado. Ten mais información sobre That's English aquí.