Proxecto de escritura creativa intercentros na sección de Ribeira

OBXECTIVOS

O proxecto naceu cun dobre obxectivo:

  1. Fomentar entre o alumnado de distintos niveis educativos, desde infantil a ensinanza de adultos, a práctica das destrezas escritas (comprensión e expresión), contextualizando as súas producións e provendo un destinatario concreto.
  2. Poñer en contacto a centros educativos de diferentes contextos (infantil, primaria, secundaria, ensinanza de adultos) e emprazamentos para fomentar o intercambio e o coñecemento.

METODOLOXÍA

Como se está a levar a cabo? Aínda que o proxecto consta de varias accións, agora mesmo está en marcha o intercambio de cadernos viaxeiros. Cada centro inicia un caderno no que fai unha entrada presentando a cidade, o centro, a clase, e logo envíao aos demais centros da cadea para que cada un engada máis entradas. Estes cadernos voltarán aos seus propietarios no mes de maio, ao final do curso académico.

Nestes momentos hai sete cadeas de envío en marcha, cun número de centros que varía de 4 a 7 cada cadea.

PARTICIPANTES

Polo de agora hai 31 centros participantes, con diferentes perfís. Catro deses centros son estranxeiros, de Rusia, Malasia, China e Australia. Os restantes 28 son españois, e o 35% destes centros pertencen á comarca do Barbanza.