AS FIGURAS XEOMÉTRICAS : O CADRADO. CONTO : "AZULÍN, O CADRADO AZUL"

O prometido é débeda. Para crear o conto de "AZULÍN, O CADRADO AZUL", apoieime en distintos recursos : a observación das actividades dos nenos e nenas no patio, o conto "Xan o distraído" de Giani Rodari, o xogo "unha zapatillas por detrás, tris tras", e algunha expresiòn empregada na aula en relación ao vento do outono.

Quen só queira escoitar o conto non ten máis que clicar en arquivo adxunto e deixar de ler toda esta leria.

Quen teña interese por saber como se me foron ocurrindo as ideas que dan corpo ao conto, que siga lendo.

Na escola de Buía, o patio de recreo, se é que se podía chamar así a aquela especie de galiñeiro cuia construcción custou tantos esforzos e sufrimento, era tan reducido e tan estreito que non podía albergar ningún tipo de mobiliario de xogo agás un pequeno cabalo de madeira balancín e unha pequena pasarela, tamén de madeira. Alí, a imaxinación suplía as carencias e coas cordas de cores de sicomotricidade, nenos e nenas facían os seus columbios atando os extremos as varandas da pasarela. Os cordóns dos zapatos non saberían atalos pero aqueles nós cuia seguridade verificaban con tino, sentándose coidadosamete ata ter a firmeza de que resistirían os seus pesos, non se desfacían nin de broma. Comprobaban que se poñían unha sóa corda, era incómodo , cortáballes o cuíño ao sentarse, mais se colocaban varias xuntas o acomodo era mellor. Tamén comprobaban as distintas alturas e se ao sentarse baixaba moito a corda, entón en lugar do cú o que acomodaban eran os pés e comezaban a randearse agarrándose as varandas para darse pulo.

A pesares de ter aquel exiguo patio, Fina, a miña compañeira, a quen boto tantísimo de menos e eu, organizabamos moitísimos xogos para que aquel cotroso lugar se convertira nun aula aberta de socialización onde o alumnado de Infantil e Primaria o facían da mellor forma posible, aprendendo innumerables xogos que as persoas que xa imos tendo unha idade gardamos na memoria como auténticos tesouros : cantadelas de botar a sortes, de formar equipos, xogos de roda, de corda, de goma, de chapas, de mariolas, de relevos, etc. etc., mesmo adaptabamos pequenos poemas para saltar á corda. Quen diría que todo isto e máis, se facía naquel "patio" pero facíase porque poñíamoslle entusiasmo e disfrutabamos facéndoo ainda que acabáramos rendidas.

Ai, a riqueza de manter as escolas rurais abertas con dúas aulas, Infantil e Primaria!. Se a Consellería de Educación tivera a máis mínima idea da riqueza que poden xerar, non pensarían nelas en termos de rendibilidade económica e non as pecharían aínda que entre as dúas aulas non computaran máis que doce ou trece nenos, pero os despachos son os espacios dos números, e están moi lonxe das boas vibracións que poden xurdir nas escolas, non só no patio de recreo , que non deixa de ser unha aula máis, senón tamén nas interiores. Cantas clases conxuntas se poden levar a cabo cun aproveitamento excelente para ambos ciclos. Coma sempre que empezo a tirar do fío das lembranzas "enrróllome" coma unha persiana. Podería seguir pero xa se vai facendo algo longo.

Sinteticemos . "CADRADIÑO AZUL" bebe de :

- Os debuxos atopados na vivenda da escola.

- Das observacións dos xogos do alumnado no patio.

- Do conto "Xan o distraído" de Giani Rodari.

- Do xogo "Unha zapatilla por detrás, tris tras".

- Dunha cantadela do vento toleión, titulada "xaac, Xaac, xaac" e do entusiamo con que traballabamos.

Vai por ti Fina e por todos os momentos tan bos que compartimos. Un biquiño, María

 

 

 

 

 

 

 

 

 

AdxuntoTamaño
AZULÍN, O CADRADO AZUL (PPTminimizer).ppt4.7 MB
PEDRO MIRANDO AS VIÑETAS DO CONTO696.92 KB
PEDRO DEBUXANDO AS PARTES DA CARA877.73 KB
AZULÍN AGRADECE A PEDRO A SÚA AXUDA780.01 KB
PEDRO AMOSA A AZULÍN REMATADO758.06 KB
MANUEL DA AUGADA A AZULÍN747.5 KB
O AZULÍN DE ANXO E CARLOTA737.13 KB
JORGE DA AUGADA A AZULÍN736.28 KB
MANUEL E RAÚL AXUDAN A AZULÍN746.13 KB
ALBA AXUDA A AZULÍN739.42 KB
CADRADIÑP 001.jpg677.14 KB
RAÚL RECORTA A CABEZA DE AZULÍN677.14 KB