A pedra encantada.

Preto da aldea de Carballal, no Araño, alá onde o río Te toma o nome de río Grande, hai unha pedra encantada.

 Veunolo contar Isabel, a mamá de Eva, e a ela contáronllo os seus avós cando era unha meniña.

 A pedra ten uns buraquiños na súa superficie nos que, segundo din, unha galiña puxo uns ovos de ouro. Nos tempos de antes, a pedra e a galiña dábanlle moito medo á xente. Sobre todo á xente que tiña que moer no muíño do río toda a noite. Dis que vían cousas estranas !

 Tamén Isabel papou moito medo unha tardiña na que foi lavar unhas prendas ó río. Tiña doce anos. E cando estaba alí cerca da pedra... viu a galiña!!. Talmente era a galiña máxica, coas súas plumas amarelas. Chegou correndo a casa, co medo no corpo !

 Só se puido tranquilizar cando lle contaron que a unha veciña enfermáralle unha galiña e a deixara ceiba pola beira do río.

 Todos nos queremos ir á casa de Eva para que a súa nai nos ensine a pedra encantada e quizais poidamos ver algunha galiña !

Iván, Lía, Eva, Joel, Alex, Tania, Laura, Yaiza, Desi, Irene e Sol
ESCOLA DO CRUCEIRO.
Actividade realizada no curso 07-09.

As pedras máxicas

Por aquí temos moitas pedras máxicas e misteriosas, con moitas lendas, que falan de animais fantásticos, de mouras encantadas, de tesouros agochados.

Nas fotos que estiven a facer polo monte atopei algunha pedra con debuxos, se ides con Isabel e con  Eva ver a Pedra Encantada, non vos esquezades de sacarlle algunha foto para vela aquí no noso portal, aínda que non sei eu, se ao facerlle unha foto, lle sacaremos algo de encantamento, ou cicais pasemos o encantamento ao noso portal, e logo vannos aparecer galiñas nos ordenadores do C.R.A., quen sabe ??

Bon, en canto pensades no da foto, póñovos aquí algunha foto de pedras misteriosas que eu vin.

Petroglifo da "Foxa Vella"

 

Marca de canteiro nas Pedras do Castelo da Lúa, ou Fortaleza de Paio Gómez Chariño