Comezamos a xornada saíndo pola mañán dirección Sarria, para acudir a unha exhibición de medios de diferentes especialidades pertencentes ao corpo da Garda Civil.
Puidemos coñecer de primeira man traballos máis específicos que realiza este corpo de seguridade. Algúns deles foron ver os materiais e modos de traballo do Seprona, Policía Xudicial, actividades de rescate subacuáticas ou o corpo de artificieiros, o cal impresionou moito as nenas e nenos polo tipo de ferramentas coas que teñen que traballar nesta especialidade, na que teñen que manexarse con explosivos.
Vimos unha recreación de como funciona un equipo de rescate en zonas de dificil acceso, como unha montaña, e fomos conscientes da dificultade que pode haber nun rescate neste tipo de situacións.
Con esta experiencia desfrutamos manexando e vendo as distintas ferramentas que empregan, puidemos montar e coñecer as motos e coches cos que traballan e escoitamos todas as curiosidades que nos tiñan que contar, así como valorar o importantes que son moitas das actuacións que levan a cabo.
Por outro lado, tamén puidemos traballar co alumnado unha visión crítica sobre perigos dos que temos falado na aula, sobre a nosa seguridade e a forma que temos de movernos e comportarnos no noso entorno, sendo conscientes dos perigos que nos rodean moitas veces, e que parecen invisibles.
