Skip to Content

Actualidade

Aprende a utilizar os escornabot

No seguinte vídeo observaredes as partes do escornabot que necesitaredes utilizar para facelo funcionar de forma básica, tamén podedes velo en acción.

 

As matemáticas e os escornabot

No desenvolvemento das actividades de robótica aplicada ás matemáticas estivemos traballando co escornabot para practicar as divisións e os números romanos co alumnado de 5º e 6º de E.P.

No vídeo observaredes algúns dos momentos destas sesións coa clase de 6ºA.

Tanto os taboleiros como os escornabot estarán dispoñibles na BiblioLab para que poidades repasar e retar a compañeiros/as de clase ou doutros cursos coas operacións ou con algún número romano.

 

Agardámosvos!

REENCONTROS

REENCONTROS

Un ano máis estamos por aquí!

Xa pasou o mes de setembro, mes no que volvemos á escola e vemos aos nosos compañeiros e compañeiras e tamén, como non, aos profes.

Este curso seguiremos co proxecto "O meu amigo maior" e por iso tiñamos moitas ganas de volver a estar xuntos. Foi pouco tempo pero o disfrutamos, os antigos e os novos que temos este ano para así coñecernos todos.

    

 

  

 

  

É o comezo dun grande e especial curso!!!! 

 

 

anterior   seguinte

máis fotos

Arte robótica

Empezamos o curso lembrando cos nenos/as de 5º e 6º de E.P. como se montaba e desmontaba o mBot, así como as pezas que o compoñen.

Aproveitando esta actividade en grupo tiveron que, ao mesmo tempo que catalogaban as pezas, montar unha obra artística baseada no Knolling.

Aquí tedes o resultado.

 

Adiviñades que queren expresar con cada imaxe!

O PRIMEIRO DÍA DE COLE EN INFANTIL

Os pequeniños de 4 e 5 anos, pola súa banda, gozaron do espectáculo "O Paroleiro" da man do contacontos Pablo Pablísimo. Case unha hora de risas desfrutando de contos varios...

 

ENTREGA ANTICIPADA NO COLEXIO DO MATERIAL ESCOLAR DO ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL, PRIMEIRO E SEGUNDO CURSO DE EDUCACIÓN PRIMARIA

Estimadas familias:

Ao igual que en anos anteriores e ao fin de facilitarlles a entrega no colexio do material escolar do alumnado de educación infantil, 1º e 2º curso de educación primaria nas respectivas aulas, comunicámoslles que as datas e horarios serán as seguintes:

Datas Horario
Luns, 10-09-2018 De 12 a 13:30 horas
Martes, 11-09-2018 De 12 a 13:30 horas

 O resto do alumnado de 3º a 6º curso de primaria traerá persoalmente en varios días o seu propio material no horario lectivo.

Nesas datas as familias accederán ás respectivas aulas, previo aviso ao persoal de conserxería que lles indicará a ubicación das mesmas, para facer entrega das bolsas de material co nome e apelidos dos seus fillos.

Fóra destas datas e horarios non se recollerá máis material xa que o profesorado estará atendendo cuestións relativas á organización do inicio de curso.

Grazas pola súa colaboración.

 

A dirección.

 

 

 

REUNIÓN COAS FAMILIAS DO ALUMNADO DE 4º CURSO (3 ANOS) DE EDUCACIÓN INFANTIL

 

 

     Estimadas familias:

      A reunión de inicio de curso coas familias do alumnado do 4º curso (3 anos) de educación infantil, terá lugar o vindeiro XOVES, 6 de setembro de 2018, ás 16:30 horas no Salón de Usos Múltiples. Na citada reunión farase entrega do Calendario do Período de Adaptación, así como da explicación do procedemento de aplicación.

    Asistirán á reunión, o equipo directivo, as mestras titoras de cada un dos grupos, a mestra de apoio e representantes da ANPA Milnen@s.

       Prégase a asistencia sen nenos e nenas para facilitar o bo desenvolvemento da sesión.

A Dirección.

Proxectos finais cos robots

Durante o último trimestre os nenos/as de 4º e 5º estiveron traballando nos seus proxectos finais para os que utilizaron os mBot para desenvolver actividades con diversos obxectivos. O mércores 20 de xuño compartiron os seus traballos co alumnado de Educación Infantil.

Os nenos de 4º A e B deseñaron diversos xogos cos que aprender a sumar, as cores ou os números...para o alumnado de 6º de E.I. Utilizaron os sensores sigueliñas, de luz, ultrasónico, ademais dos actuadores de movemento, os leds de cores e as matrices led.

Os grupos desenvolveron:

  • Xogo de operacións, no que o robot avanzaba se o resultado que daban á suma  era correcto e retrocedía se era incorrecto. O obxectivo era chegar á meta.
  • Seguídeme!, no que o robot tiña predefinidos percorridos e os nenos/as tiñan que facer unha ringleira e seguilo.
  • Robot discoteca, cando detectaba un determinado nivel de luz o robot reproducía unha música e comezaba a moverse.
  • Teclados, varios robot permitían desenvolver un teclado acendendo luces con cada nota.
  • Robot prudente, no que percorría unha rúa e detíase cando unha persoa cruzaba polo paso de peóns.
  • Aprendemos cores e números, cando se di un número ou cor hai que levantar o cartón e o robot se despraza e se detén diante del, para logo retroceder agardando outro obxectivo.

  • Robot saúdo, o robot saúda a través da matriz led e logo a través do ordenador saúdaos chamándoos polo seu nome.
  • Aprendemos os animais. No taboleiro hai uns cartóns coas imaxes e nomes de animais, cando soa a voz dun animal teñen que sinalalo e se é correcto o robot proxecta na matriz led unha cara alegre e luz verde, se non é correcta unha cara triste e luz vermella.

 

 

 

Os nenos/as de 5ºA elaboraron catro contos para os que prepararon primeiro os escenarios e logo programaron os robots para que os percorresen utilizando os sensores sigueliñas. O mércores 20 exerceron de irmáns maiores cos nenos/as de 4º E.I., este foi o resultado:

Grazas pola implicación no proxecto tanto por parte dos nenos/as, como por parte das titoras/es.

Moitas grazas!

CIRCULAR FIN DE CURSO 2017-2018

Estimadas familias:

Entradas e saídas

A partires de mañá martes día 19 de xuño de 2018, todo o alumnado de educación primaria entrará no recinto escolar de xeito habitual, bordeando o edificio de educación primaria ata chegar ao patio cuberto. Queda anulada a entrada pola porta principal do colexio. Á hora da saída ao remate das sesións lectivas farase coma sempre.

Os aseos de alumnado do patio cuberto poderán usarse tamén a partires de mañá martes día 19 de xuño.

Festa Fin de Curso ANPA Milnen@s

A Festa de Fin de Curso terá lugar mañá martes día 19 de xuño de 2018, de acordo aos seguintes horarios:

* 9:15 h. a 10:45 h. educación infantil.

* 11:00 h. a 12:15 h. 1º, 2º e 3º cursos de educación primaria.

* 12:30 h. a 13:45 h. 4º, 5º e 6º cursos de educación primaria

Aos efectos de participar nos inchables da Festa de Fin de Curso recomendámoslles que todo o alumnado veña con calcetíns, crema de protección solar e gorra para permanecer no exterior.

Fin de Curso

Con motivo do derradeiro día lectivo realizaremos o xoves día 21 de xuño, un Día de Convivencia, coa saída a pé de todo o persoal ao Parque do Monte de San Pedro para facer unha merenda conxunta e uns bailes para amenizar a xuntanza. O alumnado de maior idade acompañará ao alumnado de menor idade baixo a supervisión dos docentes. O alumnado deberá vir con protección solar e gorra para permanecer no exterior. Nos vindeiros días todo o alumnado do colexio recibirá un agasallo da ONG Axuda en Acción consistente nunha mochila solidaria que poderá empregar para a saída ao Monte de San Pedro, poñéndolle o nome de cada alumno para evitar confusións.

O horario previsto será de 9:30 h. a 12:00 h. aproximadamente.

O xoves 21 de xuño finaliza o actual curso 2017-2018. A entrega de boletíns de cualificacións ao alumnado será o 21 de xuño con carácter xeral.

O venres 22 de xuño entre as 9:30 e as 10:30 h. o resto do profesorado atenderá ás familias que así o soliciten. Agás na titoría de EP5ºC que será o luns día 25 de xuño de 10:00 a 11:00 h.

O venres 29 de xuño de 10 a 12:00 h. os titores de 6º curso de primaria entregarán ás familias do alumnado a documentación oficial nas respectivas titorías.

O prazo de reclamacións das cualificacións remata o venres 29 de xuño.

Libros de texto

Na páxina web do centro e no taboleiro de anuncios está publicada a listaxe de libros de texto para o vindeiro curso.

O día 22 de xuño remata o prazo para solicitar, na Secretaría do Centro, as axudas da Xunta para comprar os libros de texto de 1º e 2º, e/ou solicitar Fondolibros para 4º, e/ou cheque para material escolar para Primaria.

A entrega de libros de 4º EP deberá realizarse antes de finalizar as clases o día 21 de xuño por parte de tódolos alumnos beneficiarios de Fondolibros, que entegarán aos titores, os libros recibidos ao inicio de curso.

Entrega de “Vales”

Do día 10 ata o 20 de xullo, poderanse recoller na Secretaría, en horario de 10 a 13 h. os cheques solicitados para os libros de 1º e 2º e os de compra do material escolar.

O 12 de xullo publicaremos a listaxe provisional de beneficiarios dos libros de 4º EP para o vindeiro curso. As listaxes definitivas publicaranse o día 20 de xullo. Estes libros entregarémolos ao alumnado o día 12 de setembro nas respectivas aulas.

A Secretaría do colexio estará aberta ao público desde o día 1 ata o 20 de xullo no horario de 10 a 13 h.

Durante os meses de verán o Concello da Coruña ten previsto reformar os xogos infantís para adaptalos á normativa actual. Podedes obter información na web do colexio:

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipemiliapardobazancoruna/

e utilizando o correo electrónico:

ceip.emilia.pardo.corunha@edu.xunta.es

As clases do vindeiro curso 2018–2019, comezarán o mércores 12 de setembro as 9:00 h.

Aproveitamos para despedir afectuosamente ao alumnado e as familias, que por diferentes motivos deixan o Colexio, especialmente aos de sexto de primaria, desexándolles a todos moita sorte na nova etapa que iniciarán en setembro.

Por último, desexamos tamén a todos e todas un feliz verán, e esperamos seguir contando coa vosa colaboración e participación no vindeiro curso 2018-2019.

 

A Coruña, 18 de xuño de 2018

A dirección

Distribuir contido


by Dr. Radut