O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na xornada ‘Un colexio intelixente’, organizada polo Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados para afondar nesta materia desde un punto de vista educativo. O encontro, que se celebra na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolverase ao longo da mañá e terá como relatores a expertos no Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, entre eles o propio presidente de INGADA, Ángel Carracedo.
Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta salientou a conexión deste encontro coa política educativa do Goberno galego, que trata a diversidade como un valor, promovendo espazos de inclusión para todo o alumnado, de tal forma que poidan desenvolver todo o seu potencial. Neste sentido, lembrou que é necesaria a unión de forzas para avanzar neste camiño de integración, no que o sistema educativo debe actuar como referente social, contribuíndo á formación dunha sociedade libre, democrática, tolerante e pacífica.
A encargada da presentación das xornada foi a vicepresidenta da Fundación INGADA, a doutora Elvira Ferrer. O acto contou tamén coa presenza de representantes da Facultade de Psicoloxía, da concelleira de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña, Silvia Cameán; e do concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios.
Expertos relatores
Tras a intervención do conselleiro, Ángel Carracedo ofrecerá un percorrido polas fortalezas e debilidades dos diferentes sistemas educativos, e Teresa Caramés, docente nun centro educativo en Ferrol, exporá propostas para avanzar cara un novo modelo de escolas baseado na educación das diferentes intelixencias humanas.
Pola súa banda, a doutora Mª Jesús Mardomingo, do Hospital Gregorio Marañón, presentará o ‘Tratado de Psiquiatría do neno e do adolescente’, unha ampla exposición da historia desta disciplina, os avances da investigación nas últimas décadas, as súas aplicacións á práctica clínica e as perspectivas de futuro.
Tratamento do TDAH
A participación da Consellería nestas xornadas enmárcase no convenio asinado o pasado mes de setembro, a través do cal as Fundacións María José Jove e Ingada renovaron a súa colaboración co obxectivo de seguir formando ao profesorado para o tratamento do alumnado con TDAH. Ao abeiro do mesmo, ao longo deste primeiro trimestre de curso escolar proporciónase formación a 200 docentes de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.
Así mesmo, complementa o convenio asinado coa Federación Galega de Asociación de Persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (DEGADAH) para o desenvolvemento de accións e actividades dirixidas á mellora da atención educativa deste alumnado.
Cómpre sinalar, en calquera caso, que todas as actuacións neste sentido toman como referencia o Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario, elaborado pola Xunta de Galicia.