Cultura e Educación e as fundacións María José Jove e Ingada renovan a súa colaboración co obxectivo de seguir formando ao profesorado para tratar ao alumnado con TDAH

Román Rodríguez e os presidentes das dúas entidades asinaron unha addenda ao convenio rubricado o pasado ano, a través do cal se desenvolveu un programa formativo para docentes de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato

Tralo balance positivo desta primeira experiencia, o novo ciclo impartirase no primeiro trimestre do actual ano académico

Lun, 28/09/2015 - 12:38
 Cultura e Educación e as fundacións María José Jove e Ingada renovan a súa colaboración co obxectivo de seguir formando ao profesorado para tratar ao alumnado con TDAH
Cultura e Educación e as fundacións María José Jove e Ingada renovan a súa colaboración co obxectivo de seguir formando ao profesorado para tratar ao alumnado con TDAH

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e as Fundacións María José Jove e Ingada (Instituto Galego do TDAH) renovaron hoxe a súa colaboración co obxectivo de seguir formando ao profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Ao abeiro do convenio asinado en outubro do ano pasado para establecer esta liña de cooperación, o conselleiro Román Rodríguez; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; e o presidente de Ingada, Ángel Carracedo, rubricaron hoxe unha addenda a través da cal se amplía esta colaboración ao curso actual.

Tralo balance positivo desta primeira experiencia –na que participaron 187 profesores de 168 centros educativos galegos–, as tres institucións acordan agora ampliar este programa formativo co fin de dotar aos docentes do coñecemento necesario sobre este trastorno para facilitarlles a súa abordaxe nas aulas, favorecendo así tamén o desenvolvemento e integración dos nenos e nenas con esta problemática.

Neste sentido, o conselleiro definiu este convenio como un “paso fundamental para seguir avanzando na atención á diversidade do alumnado”, coa que a Xunta, segundo salientou, está comprometida. Ademais, lembrou que o Executivo galego, a través dos departamentos de Educación e Sanidade, foi pioneiro á hora de presentar o primeiro protocolo a nivel autonómico que avanza na prevención e na atención temperá deste trastorno.

Destinado a 200 docentes

O novo curso formativo estará destinado a 200 docentes de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, impartirase durante o primeiro trimestre do actual curso académico 2015-2016 e constará de 25 horas de formación teórica e práctica. Ademais, cada un dos asistentes deberá realizar un proxecto final, que terá que ser aprobado polo equipo docente do curso.

Tal e como queda reflectido no convenio, ambas as dúas fundacións encargaranse de organizar o curso de formación, mentres que a Consellería difundirá a actividade entre o profesorado e, así mesmo, ofrecerá o soporte técnico necesario para levala a cabo a través da Rede de Formación Permanente do Profesorado.