Cultura e Educación e a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral afondan en medidas específicas de apoio educativo ao alumnado con necesidades especiais

O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente de APAMP asinaron un acordo para que o persoal desta entidade preste apoio e asesoramento nos centros escolares de Vigo e a súa área de influencia que acollan nenos e nenas con parálise

Mér, 18/11/2015 - 13:59
Cultura e Educación e a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral afondan en medidas específicas de apoio educativo ao alumnado con necesidades especiais
Cultura e Educación e a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral afondan en medidas específicas de apoio educativo ao alumnado con necesidades especiais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) veñen de intensificar a súa colaboración co obxectivo de poñer en marcha medidas específicas de apoio educativo dirixidas ao alumnado con necesidades especiais de Vigo e a súa área de influencia. O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente de APAMP, Daniel Varela Lago, asinaron hoxe un convenio para avanzar na liña de garantir a atención á diversidade do alumnado.

Un dos principais puntos de actuación serán os plans de formación do profesorado que promove a Consellería. De feito, e a raíz deste acordo, tamén se vai contar co apoio de especialistas da APAMP co fin de tratar ao alumnado con parálise cerebral e afíns. 

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta e a citada Asociación colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumando con este tipo de necesidade. Así mesmo, o persoal de APAMP poderá prestar o seu apoio nos centros docentes que teñan escolarizado a alumnado con parálise, prestando asesoramento tanto ao profesorado, como aos alumnos e ás súas familias. Tamén poden orientar sobre metodoloxías axeitadas a aplicar así como realizar aportacións sobre as adaptacións curriculares que se estimen necesarias.

A colaboración dos especialistas desta Asociación cos centros educativos farase sempre dentro dos termos organizativos e de xestión acordados ca dirección de cada centro e haberá una persoa que se encargará da coordinación das accións que se desenvolvan.

Coa sinatura deste convenio, o Goberno galego da un paso máis cara unha escola inclusiva, na que se teña en conta a atención á diversidade do alumnado, e se dispoña dos mecanismos axeitados para dar respostas ás necesidades de apoio educativo de determinados colectivos. No acto estiveron tamén presentes o subdirector xeral de Ordenación e innovación educativa e formación do profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.