Skip to Content

Complementarias

Concursos da Bilbioteca e EDLG para celebrar o Samaín 2023

I Concurso de Epitafios Samaín 23    Concurso de Cabazas Samaín 23

                 Concurso As palabras do medo, Samaín 23 , convocado polo EDLG

Alumnado do STEMBach visita o acelerador de partículas do CERN en Suíza

Alumnado do STEAMBach visita o acelerador de partículas do CERN en Suíza

Un grupo de vinte e catro alumnas e alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach) realizaron unha viaxe de carácter científico de tres días de duración a Suíza e Francia entre dos días 21 e 23 de setembro. O principal destino foi a visita ás instalacións da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), que foi completada co estudo do glaciar Mer de Glace e da cima Aiguille du Midi, no macizo co Mont Blanc (Francia), onde puideron estudar os efectos da mudanza do clima. Nesta viaxe foron acompañados polo profesorado Loli Rego, Ana Bueno, Maruxa Barca e Eliseu Mera.
CERN
A Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) é a institución que xestiona o maior laboratorio de investigación en física de partículas a nivel mundial, entre Francia e Suíza. As siglas proceden do seu primeiro nome oficial provisional Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire que data de 1952 cando se acordou o seu establecemento. Coa súa fundación oficial en 1954 o nome mudouse a Organisation Européenne pour la Recherche Nucléaire, mantendo aínda así as súas siglas anteriores CERN.
Esta visita permitiu ao alumnado afondar na súa formación a respecto da física nuclear coñecendo de maneira directa o funcionamento dun acelerador de partículas así como as principais liñas de investigación que se están a desenvolver na institución.
Bacharelato STEM
O IES Plurilingüe de Valga pertence ao pequeno grupo de centros que forman parte Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach). Nesta iniciativa, o alumnado deste programa desenvolve un proxecto de investigación dirixido por profesorado universitario, e pode facer uso das instalacións da universidade para a realización dos experimentos. Neste caso, a Universidade de Santiago de Compostela foi a entidade coa que colaborou o instituto
No pasado curso foron presentados os primeiros proxectos realizados polo alumnado do centro valgués. Trátase de “Construción dun ollo miope”, dirixido por Justo Arines (Facultade de Óptica), “Análise xeoespacial de fontes de datos medioambientais”, dirixido por José Ramón Ríos (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CITIUS), “Obtención e caracterización de derivados antraquinónicos da folla do sen” e “Obtención e caracterización dos fenois da esencia de tomiño” dirixidos por Reyes Laguna e Dolores Viña (Facultade de Farmacia), e “Estudo da reacción de saponificación: transformando graxas en xabóns”, dirixido por Diego Peña (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS).
No curso actual, estanse a desenvolver novos proxectos de investigación como “Análise xeoespacial de fontes de datos medioambientais: Comparación MOHID co CTD” ou “Explorando as membranas das células do cancro con química computacional” e vaise abrir unha nova vía de excelencia en artes, humanidades e ciencias sociais.
Visitas previas
Con anterioridade, xunto cos centros de investigación da Universidade de Santiago, o alumnado STEMBach do IES Plurilingüe de Valga visitara o Centro de Bioloxía Molecular “Severo Ochoa” de Madrid, diversas entidades de interese científico en Bruxelas e viaxaran á Madeira para realizar un estudo de xeomorfoloxía volcánica.

Alumnado de 1º ESO do Proxecto Competencial elaborou "O recuncho das plantas"

Alumnado de 1º CB Agroxardinaría no "recuncho das plantas"

O alumnado do Proxecto Competencial de 1ª ESO, coa súa profesora Yolanda Alfaya, realizou un traballo que uniu plantas e materiais reciclados. O seu proxecto queda reflectido na estrutura metálica, realizada nun dos talleres de Ciclos polo alumnado de 1º Ciclo Básico de SOCA co seu profesor Luciano Rodríguez e, que se pode ollar no corredor da planta baixa do noso centro, no chamado “O recuncho das plantas”. Ademais, colaboraron co proxecto o alumnado do 1º Ciclo Básico de Agroxardinaría coa súa profesora Fani Calderón e a profesora de FOL Yolanda Carbia.

"O recuncho das plantas"

Yaiza Tarrío (2º ESO) e Ainhoa Valiño (1º Bacharelato) premiadas na terceira edición do concurso de vídeos "Informatízate"

Yaiza Tarrío e Ainhoa Valiño con Marta Arca de Plexus Tech

As alumnas Yaiza Tarrío (2º ESO) e Ainhoa Valiño (1º Bacharelato) acadaron o primeiro premio da III edición do concurso de vídeos "Informatízate". organizado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e o Departamento de Electrónica e Computaciónda USC. Este concurso ten por obxecto promover a divulgación das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), e contribuír ao cambio dos estereotipos sociais que asocian o traballo en TIC co xénero masculino, utilizando o galego como medio de transmisión do coñecemento, e estimulando a creatividade do estudantado cos medios audiovisuais.

O proxecto gañador destaca o papel da muller no ámbito tecnolóxico e contou coa colaboración de Marta Arca, xerente de proxectos da empresa Plexus Tech, na súa sede central en Santiago de Compostela.

O traballo contou ademais coa participación activa do profesorado Nieves Gómez (Inglés), Beatriz Lloret e Diego Botana (Tecnoloxía) xunto ao auxiliar de conversa de Inglés, Aubrey Benmark.

Parabéns!!! polo proxecto realizado. No seguinte enlace pódese ollar o seu traballo.

Mulleres tech

Informatízate23

 

Alumnado de 2º ESO asistiu ao obradoiro “Identidade Dixital e Xestión Segura das Redes Sociais”

Alumnado de 2º ESO no obradoiro “Identidade Dixital e Xestión Segura das Redes Sociais”

O alumnado de 2º ESO participou no obradoiro “Identidade Dixital e Xestión Segura das Redes Sociais” impartido por Alba Ramos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Durante hora e media, alumnas e alumnos recibiron, dende unha  perspectiva eminentemente práctica, consellos para unha apropiada xestión da súa identidade dixital, ademais de reflexionar sobre a importancia da ciberseguridade e do uso responsable dos dispositivos e as tecnoloxías. Tamén coñeceron como configurar as opcións de seguridade e privacidade das redes sociais para un uso seguro das que usan máis habitualmente. A actividade está promovida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración con AMTEGA.

Alumnado de 2º ESO no obradoiro “Identidade Dixital e Xestión Segura das Redes Sociais”

Distribuir contido


by Dr. Radut