Skip to Content

    O martes 29 de abril, o alumnado de 1º ESO fomos a Campolameiro, coñecer os petroglifos e o modo de vida dos homes e mulleres da Idade de Bronce. A viaxe foi un premio por comportarnos ben durante todo o curso, pero “invitamos” a acompañarnos a un grupo de mozos e mozas de 1º de Bacharelato que están estudando Antropoloxía.
     Unha vez alí repartímonos en 2 grupos e acompañados dunha monitora fixemos un percorrido polo museo (había un esqueleto dun home daquela época!), un paseo polo monte observando os petroglifos (vimos moitos cervos e algún cabalo) e tamén participamos nun obradoiro de barro. 
    O peor foi que o camiño tiña moitas curvas e os nosos vasos de arxila chegaron un pouco rotos. Iso si, como puidemos, refixémolos e algún ata aproveitou para decoralo e facerlle un agasallo orixinal a súa nai.
Prometemos volver portarnos ben o curso que vén.

Preme na seguinte imaxe para ver as fotos

Campo Lameiro

 

Onte, día 15 de maio, os alumnos de 3º da ESO e os profesores do Departamento de Tecnoloxía visitaron a empresa OCV no polígono industrial "Sete Pías" de Cambados

A visita foi moi interesante, nela puidemos ver o proceso de construción de paneis solares térmicos e fotovoltáicos, e aprender un pouco máis sobre a enerxía solar.

 

 


Bibliobatea é o blog que che vai ir dando recomendacións para ler, para ver, para visitar... Só tes que seguirnos e comprobar o que facemos desde a biblioteca do IES A Basella. Esperamos os teus comentarios e suxerencias, tamén críticas, sempre e cando sexan constructivas.

 

A NASA convocou á xente de todo o mundo a se facer unha autofoto (selfie) e compartila nas redes sociais coa etiqueta #GlobalSelfie para crear un mosaico mundial con motivo da celebración do Día da Terra.


Dende o IES A Basella quixémonos sumar a esta iniciativa cunha actividade puntual en 2º de ESO, así que, a primeira hora da mañá saímos rumbo á praia do Terrón e nos fixemos un selfie de grupo. Esta actividade pretende, tal e como ven sucedendo dende que se instaurou o día da Terra en 1970, que tomemos conciencia dos problemas de superpoboación, contaminación e conservación da biodiversidade que temos na actualidade.

A NASA sinala que os datos dos seus satélites, que captan novas imaxes da Terra cada segundo, axudan aos seus científicos a xerar unha imaxe clara do noso planeta dende o punto de vista científico e a comprender mellor os problemas que ten o noso planeta para buscar solucións. Pero no Día da Terra a axencia quería xerar unha imaxe distinta, unha colección de autorretratos, coñecidos en inglés como "selfies" , para crear un mosaico único da xente que habita o noso planeta.

Se queres ver os nosos "selfies" pulsa na imaxe

selfie

 

Se queres ver a páxina da NASA pulsa aquí
 
Se queres ver todos os "selfies" de Google Plus feitos no mundo seguindo esta iniciativa pulsa aquí

Javier Saborido de 3ª DIV redactou, con algunhas aportacións de Alba Nogueira, este texto sobre a visita da clase a Santiago de Compostela o pasado 28 de xaneiro:

Chegamos a Santiago sobre as 9.30, ás Cancelas, e camiñamos baixo o diluvio universal ata o Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval. Alí visitamos o Panteón dos Galegos Ilustres, percorremos o museo e paseamos polo Parque de Bonaval, un antigo ceminterio.

 A nosa seguinte parada era a Catedral de Santiago. Entramos pola cripta e fomos visitar os tellados, que estaban un tanto esvaradizos e case todos nós camiñabamos con tanto coidado que pareciamos velliños. Vimos a torre Berenguela ou do Reloxio, o mosteiro San Martiño Pinario e explicaronnos a historia da catedral. Finalmente, entramos na catedral e percorrímola por completo. Tamén visitamos o sepulcro do Apostolo. Baixamos á praza do Obradoiro e comezamos un paseo por todo o casco antigo da cidade para, por último, percorrer a alameda.

Tras unha impaciente espera baixo a choiva, na que Xulián case tolea porque non viña o bus, collemos o autobús que nos deixou de novo nas Cancelas. Comemos alí e tivemos un tempo libre para ir de compras mentres esperabamos o autobús que nos trouxo de volta a Vilanova, terminando así esta incrible visita a Santiago. Se podo, repito, porque é unha experiencia que se vive poucas veces na vida.

Preme na seguinte imaxe para ver tódalas fotos:

Santiago

Presentamos a colección de fotos do festival do "Entroido A Basella 2014".

 


O 3 de febreiro os alumnos de francés celebraron “le jour de la Chandelaire”. Durante toda a mañá os alumnos de 1º e 2º de bacharelato obsequiaron con crêpes de xamón e queixo, Nutella, flan… a profesores e alumnos. Debido ao éxito, durante toda a semana, houbo unha degustación de crêpes nas aulas do instituto.

Este martes 18 de Febreiro, un ano máis, participamos na convocatoria provincial da V Olimpiada Galega de Xeoloxía. 
O alumno Nicolás Rey, conseguiu a mellor puntuación na categoría individual de 4º de ESO e recibiu un pequeno agasallo.
Parabéns a todos e todas por participar!
 
olimpiada 1    olimpiada 2 
 
  Nico

amnnistia

Fai "click" na imaxe para ver a galeria

Aquí está a reportaxe gráfica do acto a favor dos DEREITOS HUMANOS celebrado con motivo da entrega do 1º premio do Certame de audivisuais da Rede de escolas de Amnistía Internacional de España. Os nosos compañeiros e compañeiras ( Laura Piñeiro, Laura Chazo, José Antonio Váquez, Pedro Pavía, Fran Vázquez, Nerea Cuesta, José Luís Pérez Charlín, David Padín, José Antonio Nine, Tamara Dopico, Antía Otero, Alexia Caterina Piñeiro, Raquel Fernández dos Reis, Sara Piñeiro, Adrián Paz, e Javier Martínez Rey) fixeron un traballo magnífico sobre unha das maiores manifestacións de inhumanidade no mundo: a explotación da infancia como nenos e nenas soldado.

Tamén coñecemos, grazas a Carlos Sanguino e Toñi (responsables da rede de escolas de A.I en Madrid) e Toni ( de Vigo) os obxectivos e métodos de traballo de Amnisitía Internacional.

Finalmente falou para nós Rosaliano Riascos, líder afrodescendente de poboación desprazada desde o ano 1998, Vicepresidente da Asociación Nacional de Afrocolombianas Desprazados, “AFRODES”, no departamento de Cundinamarca e delegado no Comité de Regulamentación e Avaliación do Risco –CRER- do Ministerio de Interior e de Xustiza. Rosaliano está en España grazas á protección de Amnistía Internacional, que o sacou de Colombia hai dous anos. Os seus padecementos empezaron ao ser fusilado xunto con varios veciños do seu pobo por non querer abandoar súas terras. Unhas terras no punto de mira do narcotráfico para a ampliación dos cultivos de coca. Por sorte salvou a vida e comezou unha actividade de denuncia que o levou a estar en perigo e ter que saír de Colombia. O seu relato serviu para que o alumnado de primeiro de bacharelato fixese unha serie de preguntas sobre a temática e amosase unha sensibilidade ante o tema realmente madura: Parabéns a todos e todas!

Distribuir contido


by Dr. Radut