Skip to Content

Animación á lectura

A creatividade é a intelixencia divertíndose" (Albert Einstein)

Encántanos que os nenos e nenas aprendan pero tamén nos encanta que se divirtan, exploren, creen e imaxinen tanto como sexa posible. Por iso, este mes dende a Biblioteca de Toni recomendamos libros cheos de ideas e inspiración artística, para que os nosos usuarios alimenten a súa creatividade e, se queren, poñan en práctica algunha das ideas que lles poden xurdir.

              

"O estudo do universo é unha viaxe para autodescubrirse" (Carl Sagan)

Durante o mes de xaneiro a temática da Biblioteca foi o Universo, en conxunto coa temática do noso Proxecto Documental Integrado de centro. O estudo desta rama da ciencia resulta non só atractivo para o alumnado, senón que lles achega a visión da grandeza da natureza, lles proporciona coñecementos extra-curriculares, e esperta neles o espírito investigador e científico.

A través de materiais presentas na biblioteca e de actividades que se levaron a cabo nas aulas, o noso alumnado entrou en contacto co que hai máis ala do noso planeta, achegouse aos misterios dos viaxes espaciais e á vida dos astronautas, e a todo aquilo que durante a historia da humanidade fixo posible que hoxe saibamos todo o que sabemos sobre o cosmos.

O Apalpador e a nena sen medo

Grazas á ANPA do noso centro o pasado luns 11 de decembro gozamos da obra "O Apalpador e a nena sen medo" baseada nun poema de Sechu Sende.

O Apalpador trae cada ano desde o Courel castañas, presentes e aquilo que non temos. Por iso, a Nena sen medo lle escribiu unha carta moi especial, pedíndolle o que a ela lle faltaba, o seu desexo: palabras para encher o corazón e coas que poder voar en soños. Palabras en galego.

Foi unha actuación máxica, amena e divertida da que gozaron tanto alumnado como familias.

Decembro: mes de diversidade na biblioteca

Este mes creamos un recuncho na biblioteca sobre a diversidade. Con esta escolla pretendemos dar visibilidade á diversidade da nosa sociedade e así continuar apostando por unha educación e biblioteca inclusivas.

Novembro na Biblio, sementeiras de curiosidade científica

"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua permítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón

Así remata o manifesto deste ano da celebración do mes da Ciencia en galego nas Bibliotecas. Como non podía ser doutro xeito, dende a Biblioteca de Toni quixemos unirnos a esta conmemoración que achega ao eido científico aos nosos alumnos e alumnas, e quixemos facelo dun xeito atractivo e dinámico, para que, como o lema deste ano indica, sementemos neles o inicio dun interese científico que pode levalos a descubrir unha vocación, afección, gusto ou foco motivacional.

Así, creamos un espazo de recomendacións con algúns dos libros que temos no noso fondo relacionados con diversas ramas da ciencia, e adaptados ás distintas idades. Durante as horas de biblioteca ou nas horas de libre acceso, o alumnado tiña estes exemplares ao seu dispor de xeito máis accesible.

Tamén creamos uns talleres por idades con distintos grados de dificultade, nos que puideron comprobar e experimentar distintos fenónmenos científicos, tales como a condutividade dos materiais, os cambios de estado e temperaturas, as forzas e incluso as capacidades do seu propio corpo.

Lúa quere viaxar a... Marte!

Primeiro chegou á lúa... e despois a Marte! Non hai como ter o firme propósito de marcarnos obxectivos na vida e ter metas claras para reforzar o noso compromiso con nós mesmos/as.

O pasado venres 24 de novembro Celtia Figueiras da Xanela do Maxín fíxonos pasar uns momentos fantásticos acompañados das familias, do alumnado e de todo o equipo docente. Lúa, a gatiña protagonista da historia de monicreques percorre un longo camiño cheo de atrancos pero, con moito esforzo, consegue lograr o seu soño: converterse en astronauta. Porque tal e como afirmou Les Brown "hai que apuntar ao infinito, aínda que falles, aterrarás entre as estrelas".

Celtia agasallounos tamén cun exemplar do seu libro ilustrado por Marcelo P. Fernández que, en breve poderedes levar de empréstito.

O noso agradecemento para a ANPA do noso centro por organizar unha actividade tan interesante e co obxectivo de promover entre o noso alumnado habilidades, actitudes e valores a favor da igualdade de xénero.

Novembro: mes da ciencia na biblioteca

Este mes fíxose unha recompilación de libros relacionados coa ciencia en galego que se poñen a disposición do alumnado do centro.

Entusiasmo e curiosidade son a clave da divulgación científica.

Ángel Carracedo

Unha viaxe espacial polos libros da nosa galaxia lectora

A maxia de ler pode levarnos a lugares sorprendentes, a facer cousas que pensamos que nunca seríamos capaces de facer, e a explorar as nosas capacidades.

Na biblioteca de Toni temos moi claro que o noso obxectivo principal é achegar ao alumnado a todas as oportunidades que lles poden brindar os libros.

Por iso este curso, na primeira quenda de MOCHILAS VIAXEIRAS, Toni animou aos nosos nenos e nenas e ás súas familias non só a desfrutar da lectura dos libros que temos na biblio, senón tamén a participar nunha exposición de manualidades familiar, aproveitando os libros sobre manualidades cos que contamos nos nosos estantes. Os resultados están sendo unha marabilla! Ademais, como non podía ser doutro xeito nesta viaxe espacial, están contando as súas experiencias semanalmente nos seus cadernos de bitácora.

TECENDO COMUNIDADES

Con este lema "Tecendo Comunidades" pretendemos destacar o papel fundamental que ten a biblioteca na construción de lazos coa comunidade do noso centro. A nosa biblioteca non é só un espazo cheo de libros, senón un espazo de encontro, un espazo vivo motor das aprendizaxes e un espazo para a lectura e a creación.

Por iso, o pasado 24 de outubro celebrouse o día das Bibliotecas. Para conmemoralo, inauguramos este curso a Biblio de Toni creando un "MARCAESTANERÍAS" para cada usuario, empregando materiais plásticos. A finalidade e uso deste material e axudar na organización e orde dos nosos fondos, facendo máis autónomos a todos os usuarios, especialmente os máis pequenos, á hora de seleccionar e recolocar os libros que van lendo.

Foi divertido crear todos xuntos os nosos propios marcaestanterías no marco da biblioteca, comezando así a nosa aventura lectora deste curso.

Donas de Si

O xoves 19 de outubro desenvolveuse no noso centro un contacontos pola igualdade, unha das actividades que nos ofreceu o Programa Donas de Si, enmarcado dentro do Plan Proxecta.

Este, consistiu en desenvolver un proxecto relacionado coa visibilidade e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega e como punto de partida para traballar nas nosas aulas a igualdade e os estereotipos de xénero.

Nesta proposta, narrativa e plástica, o escritor Enrique Mauricio e a ilustradora Tania Solla presentaron ao alumnado do noso centro a obra de Rosalía de Castro, ademais de ensinarnos pautas para crear as nosas propias ilustracións de Rosalía. Resultou unha sesión ben interesante!


Distribuir contido


by Dr. Radut