O mércores tivemos unha visita moi especial no noso cole. O investigador e profesor de matemáticas na Universidade de Giessen (Alemaña), Christoff Schrieff, quixo coñecer de primeira man como traballamos as disciplinas STEAM nas nosas aulas. Pasou por Infantil e por Primaria e encantoulles o noso traballo. Cos de 4º de Primaria, atreveuse a programar un valse (dentro do programa E-twinning de programación de danzas típicas europeas no que participamos) para que bailasen os nosos mbots ao unísono. Iso si, precisou axuda dos nosos expertos programadores!
Robótica
Muiñeira dos mBots
O alumnado de 4º participamos nun proxecto e-twinning con outros centros educativos de varios países europeos. Trátase de programar unha danza tradicional cos nosos robots. Despois, bailaremos as danzas dos outros coles participantes.
Nós xa deseñamos a nosa "Muiñeira dos mBots". Queredes vela?
E agora, tócanos ver outras danzas típicas. Pero primeiro, coñecemos os robots dos nosos socios europeos? Cal é o noso favorito?
Robótica en Infantil
Alumnado da Universidade de Santiago de Compostela e unha investigadora da Universidade de La Rioja, xunto co profesorado do centro, están levando a cabo un taller de iniciación á programación e robótica co alumnado de Educación Infantil.
Primeiro, exploración libre, vendo as posibilidades de acción dos robots. Despois, retos dirixidos e programación, rexistrando traxectos e interpretando os dos compañeiros/as, comprobando e comparando resultados...
Seguro que en máis dunha casa xa escoitastes falar deles!
Programación nas Escolas
Especialistas do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) achegaranse nos próximos días ao noso centro para impartir un curso de introdución ao pensamento computacional e á linguaxe de programación Scratch. Esta actividade, de carácter voluntario, está dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e terá unha duración de 10 horas repartidas en varias xornadas fóra do horario lectivo. Con ela preténdese que o alumnado adquira as habilidades que lle permitan incorporar a programación a aspectos como a creatividade ou a resolución de problemas.
Code Week
O noso centro súmase ás actividades para conmemorar a Semana do Código ou da Programación (Code Week) en Europa co proxecto STEAMSigu de iniciación á linguaxe da programación e á robótica en 4º e 6º de Primaria.
Do 6 ao 21 de outubro, levamos a cabo os primeiros talleres coa app Smile & Learn e co programa Scratch. Tamén puidemos achegarnos ao funcionamento e partes dos nosos mBots.
Ao longo do curso, iremos resolvendo diferentes retos e desafíos para chegar a convertirnos en expertos programadores.
edudixital
A educación non pode quedar á marxe dos avances que se están producindo nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Estamos na era da dixitalización e dende o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro esforzámonos por mellorar a Competencia Dixital do noso alumnado con diversas accións:
e-Dixgal: o alumnado de 5º de Primaria utiliza a diario cadanseu portátil convertible para acceder aos contidos curriculares de todas as áreas.
Snappet: o alumnado de 6º de Primaria emprega as tablets e contidos da editorial dixital Snappet.
Programación e robótica: O alumnado de 4º e 6º de primaria realiza talleres mensuais de programación e robótica na aula STEAM.
Experiencias con mbots para as familias
Este martes tivo lugar a charla para familias sobre o programa "Introdución á Robótica na Educación Primaria" que se está a levar a cabo no noso centro. Ademais, o noso alumnado realizou varias prácticas de traballo cos mbots proporcionados pola Consellería.
Comezaba falando do proxecto Fátima García, responsable do servizo de formación do profesorado da Consellería e nai dunha alumna do centro. Facíanos partícipes da estratexia edudixital 2020 e da necesidade de preparar ao alumnado nas disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Maths). A continuación o profesor da Universidade da Coruña e creador de robots, Fran Bellas, achegábanos as diferentes opcións do mercado na robótica educativa e dirixía as prácticas do alumnado. Tamén resolvía as dúbidas de todos os alí presentes e aportaba recursos para traballar a programación e a robótica dende a casa como a web La hora del código.
Nós tamén programamos...
Que temos que facer para que o noso robot se desprace cara adiante 40 cm e despois se deteña? E para que se deteña cando detecte un obstáculo a menos de 10 cm de distancia? E para que esquive ese obstáculo xirando e continúe avanzando? Estes son algúns dos retos que resolve o noso alumnado de 1º e 2º de Primaria nas sesións de robótica. Son todos uns expertos!
Charla de robótica para familias
O vindeiro martes 8 de maio ás 16:30, terá lugar no salón de actos do colexio unha charla informativa para as familias sobre a robótica na educación dos seus fillos/as. Esta, encádrase dentro do proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria", que nos foi concedido este curso. Contaremos coa presenza de Fran Bellas, profesor da Universidade da Coruña e creador de robots e Fátima García, responsable do servizo de Formación do Profesorado na Consellería de Educación. Neste encontro, o noso alumnado levará a cabo unha práctica de traballo con robots.
Robobos
Primeiro foron os beebots, despois os mbots e agora os robobos. A familia de robots do CEIP de Sigüeiro segue medrando e con elas as actividades e os retos por resolver. Nesta ocasión tocoulle ao alumnado de 2º e 3º de Primaria (tamén pasarán os de 1º) que se inician na robótica grazas á liña "Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia" dos Contratos-Programa. Coa axuda de Fran Bellas, profesor da Universidade da Coruña, e tamén de alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, conseguiron levar a cabo retos cos robobos nos que tiveron que medir ángulos, calcular distancias, facer xiros... Impresionante, verdade?
Máis fotos no seguinte álbum: