Xornada de convivencia co CRA de Oroso

O mércores 25 de maio recibimos a visita dos compañeiros/as do CRA de Oroso que o próximo curso se unirán ás nosas aulas. Primeiramente realizouse unha recepción dos 8 alumnos/as e as súas familias no salón de actos e quen mellor que antigos alumnos/as do CRA para contarlles a súa experiencia no noso cole.

A continuación, actuación sorpresa do alumnado de 6º de Primaria, que representaron a obra "O restaurante Farruco".

Despois fixemos unha visita polo centro para que os novos alumnos/as e as súas familias coñezan as nosas instalacións: aulas, biblioteca, comedor, patio, orientación, administración... E antes de saír ao recreo co alumnado de 2º de Primaria, unha saborosísima merenda no comedor. 

Por último, para rematar a xornada, o alumnado de 3º deleitounos cun canto e baile tradicional mentres que o de 4º tíñanos preparada outra pequena obra de teatro: "O lobo vello e as sete cabuxiñas espelidas".

Foi un gran día. Agardamos que o disfrutarades tanto coma nós e poder compartir moitas máis actividades o vindeiro curso!