Skip to Content

Convocatoria de estadías lingüísticas no estranxeiro dirixidas a alumnado de Bacharelato

A Consellería de Educación vén de convocar un total de 525 prazas para alumnado de Bacharelato dirixidas a realizar estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias noutros idiomas:

  • PDF informativo con requisitos e información sobre o proceso de solicitude aquí.

Resumo da convocatoria

  • Destinatarios: alumnado de 1º ou 2º de Bacharelato de centros sostidos con fondos públicos.
  • Requisitos académicos: ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2020/21 e ter acadado no curso 2020/21, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ESO para as prazas convocadas para o 1º de Bacharelato e de 6 no 1º curso de Bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de Bacharelato.
  • Prazas e destinos: 525, a desenvolver en Canadá, Reino Unido, Francia e Portugal durante a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2022, coa excepción das actividades para 2º curso de Bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto.
  • Presentación de solicitudes: o prazo para a entrega de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (31 de xaneiro de 2022). As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle  e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar.

ESCOLA DE FAMILIAS: porque sabemos que educar non é doado...

Por iso, convidámosvos a participar na Escola de Familias, que organiza o Concello de Soutomaior.

O obxectivo é ofrecervos ás familias acompañamento e asesoramento na crianza dos vosos fillos, da man de profesionais que vos poden axudar a afrontar certas situacións, darvos seguridade na vosa labor, ou axudarvos a xestionar mellor situacións nas que vos podades sentir sentir desbordadas.

Contarase con dúas profesionais con ampla experiencia no acompañamento a familias e no traballo con infancia e adolescencia de ASEIA - Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia-.

A primeira terá lugar o martes 22 de febreiro ás 18.30 no IES, e abordaranse temas coma os retos que se lles presentan ás familias no contexto actual. Servirá para propoñer tamén temas a abordar en sesións posteriores, co fin de centrar as sesións en temas que detectamos que están presentando moitos conflitos como son, por exemplo, os provocados polo uso das redes sociais, teléfonos, etc.

A 2ª sesión será o martes 22 ás 18,30h, cos seguintes contidos: Establecemento de normas e límites, prevención e intervención ante condutas violentas. Violencia intrafamiliar

A inscrición para a 2ª sesión xa está aberta en: https://www.gabinetesoutomaior.com/index.php/axenda-municipal/vista-mensual/eventodetalle/2753/escola-de-familias-convivencia-e-adolescencia  Se tes que acudir co teu fillo/a menor, indícao para poder contar con persoal para actividades dirixidas para eles/as. 

Reflexións acerca de "Matar un ruiseñor"

A última xuntanza do clube de lectura que reúne alumnado de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato tivo lugar en dúas xornadas nas que compartimos impresións sobre a obra "Matar un ruiseñor" (1960), de Harper Lee, adaptada a novela gráfica por Fred Fordham en 2018.

Os mozos e mozas do clube de lectura interpretaron diversas escenas clave da obra poñéndose na pel de diferentes personaxes. Tras cada unha das representacións, analizaron cada personaxe e achegaron interesantes reflexións que os levaron a conectar os tempos en que sucede a historia coa actualidade.

A lectura que os reunirá na próxima xuntanza será a novela Flor de area, de Manuel Lourenzo.

O éxito explícase mellor pola sorte ou polo esforzo?

Máis fotos neste álbum

O equipo formado por Antía, Manuel, Paula, Ariadna, Dani, e apoiado por Sonia e Miguel Ángel, participou na fase clasificatoria o IV Torneo de Debate Académico de Galicia, que tivo lugar na Fundación Barrié da Coruña baixo o título "O éxito explícase mellor pola sorte ca polo esforzo".

A experiencia foi intensa e moi enriquecedora, malia que os resultados non acompañaron. Queda moito por aprender, pero a preparación previa e o desenvolvemento dos debates foron ben produtivos e puxeron a base para vindeiras ocasións.

Aproveitamos para felicitar o equipo de debate do Colexio Santiago Apóstolo, que desenvolveu unha fase moi boa e pasou á final. Moitos parabéns! Soutomaior estará moi ben representado por vós na xornada que terá lugar o sábado 12 na Coruña.

Tamén queremos agradecerlle á Fundación Barrié e ao equipo de Talkk a boa acollida e a perfecta organización do evento, así como os consellos e valoracións recibidos dos xuíces e das xuízas.

A concienciación ambiental comeza pola casa propia

Máis imaxes neste álbum de fotografías

Como cada 26 de xaneiro, hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, que ten a súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental que se organizou en Belgrado en 1975. Naquel foro constituíronse os principios da Educación Ambiental recollidos na Carta de Belgrado: mellorar as relacións ecolóxicas, incluíndo as do home coa natureza e as dos homes entre si; concibir como un todo a educación ambiental dende un punto de vista ecolóxico, político, económico, tecnolóxico, social, lexislativo, cultural e estético; e considerar esta aprendizaxe como un proceso continuo e permanente tanto na escola como fóra dela.

Con estas premisas, o noso centro sumou dúas novas iniciativas ao labor de concienciación que nesta materia se veñen desenvolvendo este curso e os anteriores. Por unha banda, o autodenominado "Batallón de limpeza dos escarabellos de 1º ESO C" arremangou as mangas e lanzouse a recoller todo tipo de refugallos que atoparon nas beirarrúas e prazos lindeiros ao instituto: recipientes, plásticos, cabichas, máscaras... Os rapaces e rapazas de 1º ESO C e mailo seu titor José Luís completaron con éxito a misión, regresaron sen baixas e co deber cumprido: recolleron e separaron en bolsas o lixo atopado, que logo depositaron nos diferentes contedores que hai ás portas do centro. Ademais, tamén tiveron tempo para coñecer o noso compañeiro Luís, unha das tres persoas que se encarga da limpeza do centro. Así, non só comprenderon o importante que é reciclar senón tamén respectar o traballo que fan as persoas que fan que o noso centro estea limpo e sexa saudable. 

Por outra banda, o alumnado da materia Ciencias da Terra e do Medio de 2º de Bacharelato, coa súa profesora Montse, presentou e comezou unha nova campaña que procura concienciar o alumnado na correcta reciclaxe dos residuos. Como seguen observando que nos patios non se cumpren totalmente as normas, estes mozos e mozas supervisarán un día á semana a limpeza e os contedores dos patios na hora do recreo e farán unha valoración obxectiva, que servirá para mostrar uns resultados semanais da limpeza e reciclaxe nos diferentes patios que serán mostrados na pantalla do vestíbulo de entrada.

Feita a revisión semanal, elixirán un grupo de alumnas e alumnos para que recollan os residuos mal depositados e os coloquen no  contedor correcto; este alumnado colaborador irá alternando semanalmente. Como elas mesmos explican, todas sabemos que os residuos son un dos maiores problemas medioambientais que temos e que cómpre solucionar, sen esquecer que o mellor residuo é aquel que non se produce. 

Matar un reiseñor, nova xuntanza do clube de lectura

 

O vindeiro venres, día 28 de xaneiro, reunirémonos na biblioteca, a 2ª hora, para intercambiar impresións sobre a novela gráfica Matar un ruiseñor, xenial adaptación, ilustrada por Fred Fordham, do clásico de Harper Lee.

Non esquezades traer o voso exemplar, xa que o empregaremos para algunha actividade...

Éntrache nunha lingua... e sáeche pola outra!

Como que nos entra nunha lingua e nos sae por outra? De que estamos a falar? De linguas! Si, de linguas, en concreto, dos estudos e do traballo de Tradución e Interpretación que nos veu presentar a doutora Lara Domínguez Araújo, profesora da Universidade de Vigo, no marco do noso ciclo de charlas divulgativas e temáticas das universidades.

Tras establecer as diferenzas que hai entre as actividades da tradución e a interpretación, esta docente e investigadora achegou o alumnado aos estudos que se imparten na Facultade de Filoloxía e Tradución viguesa e a multitude de ámbitos en que desenvolven o seu traballo estes profesionais unha vez licenciados: dende os filmes aos videoxogos pasando pola publicidade, o turismo e sectores económicos e artísticos de todo tipo.

Así mesmo, dende o coñecemento de quen tamén se dedica á tradución e interpretación profesional, salientou o papel activo que xoga a lingua galega como vantaxe competitiva no mundo globalizado e, como exemplo disto, mostrou unha extensa nómina de empresas tecnolóxicas, multinacionais de todo tipo, institucións e e asociacións locais e internacionais que demandan o traballo de tradutores/as e intérpretes galegos/as saídos da UVigo (Das Lagoas a Silicon Valley: vivir da tradución e a interpretación en Galicia). 

Finalmente, explicou os procesos cognitivos que interveñen na aprendizaxe da interpretación, unha habilidade que precisa de moito estudo e preparación continuos, dunha grande capacidade de concentración e coordinación... e moita práctica,, pero que tamén regala moitas satisfaccións, coñecementos e experiencias. E así rematou a charla, coñecendo as diferentes modalidades da interpretación e practicando nunha actividade na que os rapaces e rapazas fixeron de intérpretes e oíntes de inglés-galego e galego-castelán. E aínda houbo tempo para o coloquio con Lara, á que lle agredecemos todo canto aprendemos hoxe e que sementase o interese pola súa profesión entre o alumnado. Para máis información: Grao de T&I, AGPTI Rede Vértice

Que se fai na informática industrial?

Con este título, "Que se fai na Informática Industrial?", deu comezo onte no noso centro o ciclo de charlas científico-divulgativas das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

O relator, Manuel Pérez Cota, Catedrático do Departamento de Informática da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, abordou co alumnado de 2º BACH de TIC, Física e Química e Ciencias Medioambientais e da Terra, os principais avances na informática industrial, desde a utilización dos computadores ata a impresión 3D, facendo ver como é posible que se deseñe calquera cousa utilizando unha computadora e seguindo o seu proceso ata que se fabrica con control por computadora. O mundo da programación para sistemas industriais de control, a visión artificial, a internet das cousas (IoT), os robots, etc. foron outras das áreas de investigación e traballo que presentou ante os estudantes.

Este ciclo, organizado polo Departamento de Orientación e os Departamentos Didácticos, ten como finalidade achegar o alumnado aos estudos universitarios, ás investigacións que desenvolven nos seus centros e ás saídas profesionais futuras. Ademais, estas xornadas  procuran informar e orientar o alumnado como futuro estudante universitario para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

Reinicio da actividade académica

O vindeiro luns 10 de xaneiro retomamos as clases seguindo as pautas establecidas pola administración a nivel estatal:
- Os casos activos de COVID deberán seguir un illamento de 7 días máis 3 de vixilancia activa dende o inicio dos síntomas ou a toma de mostra para proba diagnóstica no casos dos casos asintomáticos.
- Os contactos estreitos de 12 ou máis anos con pauta vacinal completa seguirán unha vixilancia activa durante 7 días con especial atención ao inicio de síntomas.
- O alumnado menor de 12 anos e outras persoas sen a pauta vacinal completa deberán facer unha corentena de 7 días máis 3 días de vixilancia activa.
- A pertinencia de probas diagnósticas, test de detección, etc. serán sempre determinada por Sanidade en función da situación e protocolos en cada momento.
 
En todo caso, os períodos de corentenas e illamentos serán os que Sanidade paute nas súas guías e protocolos, que son documentos que se van adaptando en función desta situación cambiante.

Dende o IES de Soutomaior desexámosvos unhas felices festas!

Nas últimas semanas un grupo de alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO propuxo darlle un ambiente máis festivo ao centro, pois xa andan cansos de tantas noticias grises e tristes. E así foi como foron foron "contaxiando" de alegría e cor ao resto de grupos e mesmo propiciando o intercambio de agasallos entre compañeiros e compañeiras.

De parte da comunidade educativa do IES de Soutomaior, especialmente do seu alumnado, felices festas e que o ano 2022 veña cargado de boas novas e ledicia para todos e todas vós!

Distribuir contido


by Dr. Radut