Iniciar sesión: Acceso

CLUB DE LECTURA " A Illa dos libros", 2012-2013, Blogs

DÍA DO LIBRO 2022 PESCANDO VERSOS

ESTE ANO FIXEMOS GRAVACIÓNS DE POEMAS EN DIFERENTES LINGUAS , NA NOSA RADIO ESCOLAR PARA CONMEMORAR ESTE DÍA.

 

DÍA DO LIBRO 2019

Con motivo do Día do libro 2019 elaboramos un mural sobre Ida Vitale, a recente Premio Cervantes de Literatura. En 1º ESO fixemos poesías que colgamos na entrada do centro.

LECTURA NA RÚA e DÍA DO LIBRO 2018

O DÍA 20 DE ABRIL celebramos a II Edición de Lectura na Rúa xunto co CEIP Santa Mariña, EEI A Marisma e a Biblioteca de Redondela na Alameda.

Os alumnos de 1º de ESO colaboraron cunha adaptación do conto de "Carapuchiña vermella" e léndolle aos máis pequenos.

DÍA DO LIBRO 2018

https://plus.google.com/105277695118091099460

Os alumnos de 3º de PMAR fannos algunhas recomendacións de lectura en distintas linguas.

RECITANDO POESÍA

No mes de marzo realizamos unha actividade para preparar a nosa participación en "Lectura na rúa" co Colexio Santa Mariña de Primaria. Os Departamentos de Lingua Castelá( profes Ana e Paula) e Lingua Galega(profe Helena) visitamos o colexio de primaria co noso grupo de 1ºC de ESO e recitamos poemas traballados no Club de Lectura deste ano. Mirade as fotos da actividade compartida.

BLOG DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Este é a dirección do blog onde se publicarán os novos contidos do Club de Lectura "A Illa dos Libros":

http://clublecturaailladoslibros.blogspot.com.es/

O ALQUIMISTA


  SAN SIMONIO
 
Ficha bibliográfica
 

 

TítuloO Alquimista.

Título orixinalO Alquimista.

Autor: Paulo Coelho.

Xénero: Narrativa / Realismo Máxico / Autoaxuda.

Editorial: Galaxia Gutemberg

Colección: Costa Oeste

 

 

Sipnose

 

Segundo Paulo Coelho, todos os seres estamos no mundo para algo. A nosa existencia ten un sentido. Cada un temos que cumprir unha misión. Un camiño que seguir. Un soño que conquistar e que vivir. Un tesouro para buscalo e encontralo. Unha “lenda persoal”. Unha vocación. Pero moitas veces os homes non vivimos a nosa Lenda Persoal, senón que nos instalamos na seguridade do que xa temos e abandonamos a busca do noso tesouro e non vivimos o noso soño.

En O alquimista, Paulo Coelho cóntanos a historia dun rapaz, Santiago, que segue o camiño dos seus soños para buscar o seu tesouro persoal. E durante este camiño pasa por moi diversas situacións: faise pastor de ovellas en Andalucía e aprende das ovellas, encóntrase co rei Melquisedec que lle di que ten que vender as súas ovellas e partir cara a

     
   

Exipto, vende as ovellas, cruza o estreito, traballa un ano nunha tenda dun vendedor de cristais, parte nunha caravana polo deserto, chega a un oasis onde encontra o amor, coñece unalquimista que o acompaña de novo polo deserto, fala co vento e co sol, e chega finalmente ás pirámides de Exipto... En todo o seu camiñar vai aprendendo a escoitar os sinais que Deus puxo no mundo para guiarnos cara ao noso destino e cara á nosa felicidade, e vai aprendendo a escoitar a voz do deserto, do vento, do sol... e a voz do seu propio corazón...

 

 

Pequena biografía

 

Paulo Coelho (Río de Janeiro, 1947) antes de converterse nun novelista famoso iniciou estudos de Dereito, pero abandonounos sen graduarse. Rebelde e inconformista, uniuse ao movemento hippy e viaxou por Centro América, Europa e África. Ao seu regreso, en 1972, desempeñou múltiples oficios: foi xornalista, escritor de cancións, guionista de televisión e director de teatro.

En 1986, percorreu a pé o Camiño de Santiago, unha experiencia que máis tarde relataría en O peregrino de Compostela (Diario dun Mago) publicada en 1987. Ao ano seguinte, co seu segundo libro, O alquimista, que foi un auténtico fenómeno publicitario e primeiro best-seller en 29 países, Paulo Coelho pasou a ser un dos autores contemporáneos máis lidos. Segundo a revista internacional "Publishing Trends", O alquimista figura entre os 10 libros máis vendidos en todo o mundo durante o ano 1998.

Entre as súas obras máis difundidas cabe destacar os xa nomeados O peregrino de Compostela, O alquimista e ademais, Brida, Valquirias, Na ribeira do río de pedra senteime e chorei, A quinta montaña, Manual do guerreiro da luz, Verónika decide morrer, O demo e a señorita Prym, Naktub, Once minutos, O Zahir, A bruxa de Portobello, Como o río que flúe, O vencedor está só e Aleph.

A súa obra foi publicada en máis de 170 países e traducida a 73 idiomas e leva vendidos máis de 135 millóns de libros, ademais de recibir importantes premios en numerosos países.

Os críticos gaban especialmente o seu estilo ao mesmo tempo poético, realista e filosófico, así como "a súa linguaxe simbólica que non vai dirixida ao noso cerebro, senón aos nosos corazóns". A súa narrativa ten o poder de conmover os pobos e culturas máis diversas, o que influíu para que fose nomeado Conselleiro Especial do programa da UNESCO "Converxencias espirituais e diálogos interculturais". É tamén membro do Consello do Centro "Simón Peres" para a Paz, e da Fundación de Lord Menuhin.

Ademais de recibir destacados premios e mencións internacionais, en 1996 o ministro de Cultura francés nomeouno Cabaleiro das Artes e as Letras.

En 1999 recibiu o Premio Crystal Award que concede o Foro Económico Mundial, a prestixiosa distinción Chevalier de l'Ordre National de la Légion d'Honneur do goberno francés e a Medalla de Ouro de Galicia. A súa obra literaria é lectura recomendada en varias universidades e dende outubro de 2002 é membro da Academia Brasileira das Letras. En 2007 foi nomeado Mensaxeiro da Paz por Nacións Unidas. En 2009 recibiu o Record Guinness ao autor máis traducido polo mesmo libro (O Alquimista).

Se queres saber máis sobre a vida e obra de Paulo Coelho vota unha ollada a este vídeo:

 

                          

 

ou visita esta páxina de RTVE e poderas ver unha entrevista có autor falando do seu libro Aleph:

FALAMOS DE "O PRINCIPIÑO"

  SAN SIMONIO

O día 26 de abril os membros do Club de Lectura "A Illa dos Libros" xuntámonos para intercambiar impresións sobre a novela de Antoine de Saint-Exupéry "Le petit prince"

Acompañados dun bo refrixerio comezou a reunión visionando dúas breves reportaxes: unha sobre o autor e outra sobre o libro. A continuación pasamos a falar sobre “O Principiño”.

Todos coincidimos que “O Principiño” é un falso conto para nenos e que a esa sinxeleza na linguaxe e estrutura, a imitación doutros contos infantis, o libro transmítenos unha serie de ensinanzas filosófico-morais moi aplicables á crise de valores que vive a sociedade actual.

O Principiño” contrasta cómo é o mundo e cómo debería ser; propón que busquemos o esencial de nós mesmos e dos demais; e salienta que o valor máis importante é a amizade.

A reunión rematou invitando ao grupo a ler o próximo libro"O Alquimista" de Paulo Coelho.

O PRINCIPIÑO

  SAN SIMONIO
Ficha bibliográfica
 

 

Título: O principiño.

Título orixinal: Le petit prince.

Autor: Antoine de Saint-Exupéry.

Xénero: Narrativa/ Conto.

Editorial: Árbore / Galaxia.

 

 

Sipnose

 

Este debe ser un dos libros máis lidos no mundo ou, polo menos, dos máis coñecidos. Saint-Exupéry escribiu este conto nun hotel de Nova York, e aínda que parece ser un simple conto infantil, é moito máis que iso. Porque, para ser certo, O Principiño é unha crítica a nós, os adultos e ao noso "estúpido" xeito de ver o mundo e a vida, a cal deixa de lado a sinxeleza e a imaxinación que caracteriza os nenos.

No libro o autor, un aviador, cae co seu avión en pleno deserto do SaharaMentres trata de reparar o seu aparato, aparece un neno que lle pide que lle debuxe un cordeiro. O autor aprende tamén que este «Principiño» vén do asteroide B 612 onde deixou tres volcáns e unha rosa.

 

  

Antes de chegar á Terra, visitou outros planetas e encontrou xente curiosa: un rei, un vaidoso, un bebedor, un faroleiro e un xeógrafo...  Na Terra ten podido falar cun raposo, que lle ensinou que para coñecer é necesario «domesticar», e que iso fai as cousas e os homes únicos. «O esencial é invisible para os ollos», di. Para recuperar a súa rosa, O Principiño volve partir cara á súa casa deixándose morder por unha serpe velenosa. É demasiado lonxe e el non pode levar consigo a súa «codia». O aviador, que rematou de reparar o  seu avión deixa tamén o deserto. Esperará sempre o regre-

so do Principiño e préganos avisalo se o chegamos a encontrar. 

Cada planeta visitado polo Principiño pode ser considerado como unha alegoría da natureza humana. Aos que xa leron o Principiño unha vez, invitámolos a volver visitar eses planetas dun novo xeito.

Para saber máis sobre os personaxes e temática de O Principiño visita estas páxinas web:

 

Pequena biografía

 

Naceu o 29 de xuño de 1900  no número 8 da Rue Peyrat (hoxe Rue Alfonse Fochier), de Lyon. Foi o terceiro fillo do Conde Jean-Marie de Saint-Euxpéry e Marie Boyer de Fonscolombe, matrimonio aristocrático e empobrecido. Quedou orfo aos catro anos.

Cursou estudos nos colexios dos xesuítas, dos maristas e na Universidade de Friburgo. Non conseguiu entrar na escola Central nin na Naval. Comezou estudos de arquitectura en 1920 que abandonou cando entrou nas Forzas Aéreas Francesas en 1921.

En agosto dese mesmo ano é destinado a Marrocos onde terá o seu primeiro contacto co deserto. Rematado o seu servizo militar exerce diversos traballos en París: encargado nunha fábrica de tellas e ladrillos, vendedor de camións.... e renuncia mesmo a un matrimonio de conveniencia.

En 1923 tivo un primeiro accidente co resultado de rotura de cranio. No ano 1926 fíxose piloto comercial e traballou para unha empresa aérea. En 1927 realizou arriscadas misións de correo aéreo en África e Sudamérica. En 1934 ingresa en Air France. Como correspondente de prensa visitou Moscú e España.

Os seus dous primeiros libros, Correo do Sur (1929) e Voo nocturno (1931) caracterízanse pola evocación poética romántica da disciplina do voo. As súas obras posteriores, como Terra de homes (1939) e Piloto de guerra (1942), fan fincapé na filosofía humanista que marcou a súa vida. O seu popular libro O Principiño (1943) é unha fábula infantil para adultos dado o seu significado alegórico.

Ao estalar a II Guerra Mundial enrolouse nas unidades de recoñecemento aliadas; en 1943 incorporouse ás tropas da Francia Libre e o 31 de xullo do ano seguinte, mentres realizaba a misión de fotografar o territorio do sur de Francia en preparación para a aterraxe dos aliados, o seu avión foi abatido por outro alemán e non se volveu saber del.

Os restos do avión foron encontrados no mar no mes de abril de 2004 fronte ás costas de Marsella. Os seus cadernos de notas reunidos baixo o título de Ciudadela(1948), publicáronse postumamente.

Se queres saber máis sobre a vida e obra de Antoine de Saint-Exupéry visita estas páxinas:

 

A amizade do Principiño e o Raposo  

  

Se queres coñecer un poquiño máis o libro de O Principiño, ve estes vídeos onde se narra o esencial do conto centrándose, principalmente, na amizade entre o Principiño e o raposo.

   

      

 

 

 

10 ensinanzas De O Principiño en 10 frases

 

1. Só se ve ben co corazón, o esencial é invisible para os ollos.

 

2. Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de que, algún día, cada un poida encontrar a súa.

 

3. Pero se ti me domesticas, entón teremos necesidade o un do outro. Para min, ti serás único no mundo. Para ti, eu serei único no mundo...

4. Todas as persoas maiores foron ao principio nenos. (Aínda que poucas delas o recordan).

 

5. Camiñando en liña recta non pode chegar un moi lonxe.

 

6. As persoas maiores nunca son capaces de comprender as cousas por si mesmas, e é moi aburrido para os nenos ter que darlles unha e outra vez explicacións.

 

7. Unicamente os nenos saben o que buscan. Perden o tempo cunha boneca de trapo que vén a ser o máis importante para eles e se lla quitan, choran...

 

8. Os homes ocupan moi pouco lugar sobre a Terra... As persoas maiores non o cren, seguramente, pois sempre se imaxinan que ocupan moito sitio.

9. Non se debe nunca escoitar ás flores. Só se deben contemplar e ulir. A miña perfumaba o meu planeta, pero eu non era capaz de alegrarme diso.

10. E de que che serve posuír as estrelas? -Sérveme para ser rico. -E de que che serve ser rico? -Sérveme para comprar máis estrelas.

FALAMOS DE "O HOBBIT"

  SAN SIMONIO

O 27 de febreiro celebrouse a xuntanza do Club de lectura "A Illa dos libros" para falar da novela de J.R.R. Tolkien "O Hobbit".

Nun ambiente distendido e alternando os nosos comentarios cuns cafés e gominolas, pasamos a media hora do recreo moi entretidos.

Tivemos opinións moi variadas. Houbo a quen lle entusiasmou a novela, e que viu nela un reflexo do

mundo real: o ben , o mal, a cobiza, o egoísmo, a amizade, a soliradierade... Mentres que outros non gozaron del, e incluso costoulles lelo, xa que, como comentaron na reunión, non lles gusta este tipo de literatura fantástica.

A reunión rematou invitando ao grupo a ler o próximo libro "O Principiño" de Antoine de Saint-Exupéry.

QUE É UN HOBBIT?

 

  SAN SIMONIO

 

Se queres saber o que é un hobbit le está descrición que J.R.R. Tolkien nos dá no seu libro O Hobbit:

 

"(…) Que é un hobbit? Supoño que os hobbits necesitan hoxe seren descritos dalgún modo, xa que se volveron bastante raros e tímidos coa Xente Grande, como nos chaman. Son (ou foron) xente miúda da metade do noso talle, e máis pequena que os ananos barbados. Os hobbits non teñen barba. Hai pouca ou ningunha maxia neles, agás esa común e cotiá que os axuda a desaparecer en silencio e rapidamente, cando xente grande e estúpida coma vós ou coma min se achega sen mirar por onde vai, cun ruído de elefantes que pode oírse a unha milla de distancia. Tenden a ser grosos de ventre; visten de cores brillantes (sobre todo verde e amarelo); non usan zapatos, porque nos pés teñen solas naturais de pel e un pelo espeso e morno de cor castaña, coma o que lles crece na cabeza (que é rizado); os dedos son longos, mañosos e morenos, os rostros afables, e rin con profundas e substanciosas risas (especialmente despois de cear, o que fan dúas veces ao día, cando poden)”.

 

Se premes aquí poderás saber máis sobre outros personaxes importantes de O Hobbit e se respondes a seguinte enquisa saberás a que personaxe do libro che pareces.

 

O HOBBIT

 
  SAN SIMONIO
Ficha bibliográfica

 

Título: El Hobbit.

Título orixinal: The Hobbit.

Autor: J.R.R. Tolkien.

Xénero: Aventuras / Fantástica.

Editorial: Minotauro.

 

Sipnose
 
O libro cóntanos a aventura de Bilbo Blosón, un hobbit que non mide máis de metro e medio, vive pacificamente na Bisbarra, nunha das terras máis tranquilas da Terra Media e a súa máxima aspiración é gozar dos praceres sinxelos da vida, comer ben, pasear e charlar cos amigos mentresfuma unha boa pipa. Pero unha soleada maña, Bilbo recibe a inesperada visita do mago Gandalf o Gris, que cambiará a súa vida para sempre. Con Gandalf e un grupo de trece ananos, Bilbo parte cara á Montaña Solitaria co fin de rescatar o valioso tesouro custodiado por Smaug o Dourado, un terrible e enorme dragón. Para alcanzar o seu obxectivo enfrontarase a numerosos perigros e a toda clase de aventuras que Bilbo xamais tivese imaxinado e que o converterán no hobbit máis famosso do mundo. O que Bilbo non sabe é que o anel que encontrou no camiño será o principio doutra grande aventura, O SEÑOR DOS ANEIS e que sen dúbida, leeremos no futuro.
 
Autor
 
John Ronald Reulen Tolkien
 
Escritor, poeta e filólogo británico. Naceu en 1892 en Sudáfrica, e morreu en 1973 en Bournemouth, ao sur de Inglaterra. É coñecido por ser autor de O Hobbit e atriloxía O Señor dos Aneis. Foi catedrático de Angloxajón (inglés antigo) na Universidade de Oxford, así como profesor de Lingua e literatura inglesas no Merton College. Foi nomeado comendador da Orde do Imperio Británico pola raíña Isabel II o 28 de marzo de 1972. Despois da súa morte, Christopher Tolkien, o terceiro dos seus fillos, publicou unha serie de obras baseadas nas notas e manuscritos inéditos do seu pai, entre elas O Silmarillion e Os fillos de Hurín. Estes libros, xunto con O Hobbit e O Señor dos Aneis, constitúen un conxunto de contos, poemas, historias de ficción, linguas inventadas e ensaios literarios sobre un mundo imaxinario chamado Arda, e especificamente un dos seus continentes, a Terra Media.
 
Obras

  • O Hobbit  (1937)
  • O Señor dos Aneis  (1954-1955)
  • O Silmarillion  (1977)
  • O Bestiario de Tolkien (1979)
  • Contos inconclusos  (1980)
  • O libro dos Contos Perdidos  (1984)

O HOBBIT, DE J.R.R. TOLKIEN

  SAN SIMONIO

 

"Nun burato no chan, vivía un hobbit. Non era un burato húmido, sucio, noxento, con restos de vermes e cheiro a lama, nin tampouco un burato seco, nu e areenteo, sen nada no que sentar ou que comer: era un burato-hobbit, e iso significa comodidade. 

Tiña unha porta redonda, perfecta coma un ollo de boi, pintada de verde, cunha aldraba de bronce dourada e brillante, xusto no medio. A porta daba a un recibidor cilíndrico, coma un túnel: un túnel moi cómodo, sen fume, con paredes revestidas de madeira e o chan de lousa con alfombras, provisto de cadeiras vernizadas, e moreas e moreas de perchas para chapeus e abrigos; o hobbit gustaba das visitas.

O túnel estendíase coma unha cobra, e afundíase bastante, mais non directamente, na aba do outeiro -o Outeiro, como lle chamaba toda a xente de moitas millas arredor-, nel abríanse moitas portiñas redondas, primeiro nun lado e logo no outro. nada de subir escaleiras para o hobbit. dormitorios, cuartos de baño, adegas, despensas (moitas), armarios (cuartos enteiros dedicados a roupa), cociñas, comedores, todo se atopaba no mesmo andar, e certamente, no mesmo corredor. Os mellores cuartos quedaban todos á man esquerda (segundo se entra) xa que eran os únicos que tiñan fiestras, xanelas redondas fondamente escavadas, que daban ao xardín e aos prados de alén, baixando cara ao río.

Este hobbit era un hobbit acomodado, e apelidábase Bolsón. Os Bolsón levaban vivindo na veciñanza do Outeiro desde había moitísimo tempo, e a xente considerábaos moi respectables, non só porque a maioría deles eran ricos, senón tamén porque nunca tiveran ningunha aventura nin facían cousas inesperadas: podíase saber o que diría un Bolsón sobre calquera asunto sen necesidade de preguntarllo. Esta é a historia de como un Bolsón se atopou a si mesmo facendo e dicindo cousas absolutamente inesperadas. Poida que perdese o respecto da veciñanza, mais gañou... ben, xa vereddes se ao final gañou algo..."

 

Así comeza a nosa próxima lectura, O Hobbit de J.R.R. Tolkien. Desta maneira explicaba Tolkien a orixe de O Hobbit, que escribiu por partes desde finais dos anos 20 ata principios dos anos 30: "Estaba a corrixir exames en Oxford e, de socato, nun folio en branco que un alumno me deixou, comecei a escribir: "Nun burato, no chan, vivía un hobbit". O que era un conto escrito para entreter os seus fillos, acabou nas mans de C.S. Lewis, o coñecido escritor de Las Crónicas de Narnia, que mesmo escribiu un par de recensións anónimas no xornal Times, eloxiando o seu amigo : "O Hobbit, -escribiu- resultará moi gracioso aos lectores máis pequenos, e só anos máis tarde, despois dunha décima ou vixésima lectura, empezarán a decatarse do destro coñecemento e profunda reflexión que foron necesarios para que todo nel parecese tan maduro, tan amigable e, a seu modo, ten veraz".

Tolkien levaba xa dez anos traballando en El Silmarillion, obra aínda inacabada, e que serviu de inspiración para O Hobbit, así como en contos e relatos motolóxicos aos que era afeccionado. Con todos estes elementos, Tolkien creou a Terra Media e os seres -hobbits, ananos, elfos, orcos, etc.- que alí habitan.

Esta novela tivo múltiples lecturas ao longo da historia. Houbo que a presentou como unha metáfora da Segunda Guerra Mundial, o que Tolkien non tardou en desmentir. O que si que é certo, é que é considerada unha novela de desenvolvemento persoal, de busca da madureza. O Hobbit reflicte os arquetipos míticos de iniciación, xa que nos encontramos ante un heroe (Bilbo) que regresaría do inframundo (a montaña de Smaug) cun premio no seu poder. Outros temas que Tolkien reflectiu foron a superación da cobiza e do egoísmo, encarnados nos ananos. No que todos os críticos se poñen de acordo, é que nesta novela se encontran presentes os grandes temas da literatura de Tolkien: o poder, a cobiza, a guerra e a morte.

Tolkien obtivo tan boas críticas con O Hobbit, que iniciou outra novela ambientada na Terra Media. Recuperando a historia do anel que Bilbo lle arrebata a gollum, Tolkien redactou, nun ton moito menos amigable e lixeiro, O Señor dos Aneis, a que sería a súa obra cumio

E, por fin! estreouse este mes de decembro a esperaa adaptación de Peter Jakson da novela de Tolkien. O director que nos deleitou coa súa memorable adaptación de O Señor dos Aneis, volve á Terra Media para contarnos unha historia, a priorí, moito máis sinxela, pero cuxa realización resultou máis custosa do esperado. Aquí déixovos o tráiler da película:

 

 

E tamén unha páxina moi interesante e entretida de elmundo.es onde encontraredes: entrevistas, descrición dos personaxes, xogos, mapas...

Distribuir contido