Iniciar sesión: Acceso

CLUB DE LETRAS: "As mulleres que (viven) son perigosas!"

As mulleres que (viven) son perigosas!

Este curso nace un Club de Letras no instituto!!! A idea que perseguimos con esta iniciativa é dar visibilidade á situación das mulleres na sociedade actual e ao longo da historia, de forma transversal e no contexto cotiá de aula. O obxectivo é incorporar no discurso histórico, literario e artístico aqueles referentes de mulleres que foron silenciadas ou relegadas a un segundo plano en manuais e currículo, presentándolle ao alumnado así unha realidade completa e non sesgada, e fomentando unha mirada crítica e asentada na igualdade. Para isto propoñemos tres ámbitos principais de actuación:

As mulleres que (escriben) son perigosas!

Unha presentación da Historia da literatura e dos xéneros literarios e xornalísticos nas materias de lingua que contemple referentes de escritoras de todos os tempos, desde a Idade Media ata a actualidade, cunha análise dos seus escritos e temas nas aulas. Para as lecturas obrigatorias e voluntarias propostas recorreremos a escritoras de distintos xéneros literarios e abriremos as portas á creación literaria seguindo estes modelos.

As mulleres que (pintan) son perigosas!

Unha presentación das mulleres nos ámbitos artístico e histórico, prestando especial atención ás artistas galegas desde Xulia Minguillón ou Maruxa Mallo ata as actuais grafiteiras e ilustradoras. Paralelamente, iniciamos en 4º da Eso un proxecto colaborativo internacional con escolas de México para coñecer e traballar tres pintoras surrealistas. Trátase dun proxecto piloto que ven avalado pola participación do CESIC e do INSTITUTO LATINOAMERICANO DE COMUNICACIÖN EDUCATIVA. Titúlase “Leonora Carrington, Maruja Mallo y Frida Kahlo, expresión del surrealismo y el feminismo”

As mulleres que (viven) son perigosas!

En todos os niveis educativos concertamos xa obradoiros de igualdade por parte de asociacións como Rexurdir ou a Fundación Amigos de Galiza (“Medrando en igualdade”) para que o alumnado coñeza os roles das mulleres na sociedade, rompa cos estereotipos de xénero, coñeza os termos da filosofía feminista, e defenda unha vida en igualdade desde as súas prácticas e hábitos diarios. Tamén para que identifiquen e coñezan a violencia de xénero e habilitarlles ferramentas contra un dos maiores males da nosa sociedade actual.

Aquí mesmo poderedes seguir os avances e actividades levadas a cabo na procura dunha formación integral en igualdade e felicidade!!!

 

NOVAS DA NOSA BIBLIO "O MAR DAS PALABRAS"

"O MAR DAS PALABRAS" A POLO PLAMBE !

Pica sobre a nosa biblio e descobre todos os cambios e actividades que levamos feitas ...

Distribuir contido