Iniciar sesión: Acceso

NOVAS

Estacións móbiles de paraugas da biblioteca... Nunca choveu que non escampase!

Os tempos son chegados!! Levamos preparando este momento desde o curso pasado, cando un grupo de rapaces e rapazas propuxeron tomar algún tipo de medida para achegarse á biblioteca nos días de chuvia. Finalmente, decidimos instalar dúas estacións móbiles de paraugas: unha na saída ao patio do instituto; e outra na entrada da propia biblioteca, que se atopa na antigua casa do conserxe rehabilitada para tal fin e separada do edificio central das aulas.

Estes paraugas funcionan a modo de autobuses que levan ao alumnado ben cuberto desde o centro educativo ata a biblioteca. E son un estupendo modo de transporte colectivo, xa que poden desplazarse varias persoas no mesmo paraugas. Favorecen tamén hábitos de vida saudables como son camiñar, visitar bibliotecas e, xa de paso, ler un pouco...Nunca para tanto deu un paraugas!! Como bens colectivos e de uso exclusivo para os desprazamentos á biblioteca, son coidados por todos os usuarios. E están noviños do trinque e moi bonitos así serigrafiados co nome da biblioteca e do noso centro.

Hai que dicir que durante o proceso de instalación das estacións móbiles houbo quen confundiu o paraugueiro cun sombreiro, pero xa lle explicamos a Ismael que non se pode camiñar ao revés... coa cabeza nos pés!

E se chove, que chova! Felices lecturas!

 

 

 

Felices lecturas e... BO NADAL!!!

Estimadas familias,

Desde a biblioteca "O mar das palabras" queriamos desexarvos unhas felices festas e aproveitar a ocasión para regalarvos o noso boletín de recomendacións de lecturas para o Nadal. Porque regalar un libro é regalar unha emoción, unha aventura e un coñecemento compartido.

Deixámosvos o pdf co tríptico de lecturas para que podades imprimilo, dobralo e regalarllo a quen goste tanto da literatura coma nós. Recordade que a nosa biblioteca ten sempre as portas abertas para as vosas visitas e recomendacións!

Sede moi felices e compartide estes días turrón e lecturas!

Un saúdo:

Ana Cabanelas

 

 

Chegou o PLAMBE ó Illa

 

Neste último mes non tivemos un minuto de respiro para lanzar todas as novas con calma e detalle... Hoxe si. Alá imos! Prepárense!

 

Como sabedes, tras anos de traballo na biblioteca escolar, este curso por fin conseguimos o PLAMBE!! Unha das cousas que decidimos foi renovar o menú da web do noso centro educativo no referente á biblioteca. Neste apartado, NOVAS, será onde poderedes seguir as novas sobre as distintas actuacións e proxectos que empezamos este ano. Pinchando en cada un dos apartados que seguen, hoxe teredes a presentación dos proxectos en marcha e no futuro os avances e novidades en cada un deles. Así poderedes ir completando unha visión máis ampla e exacta do que acontece no IES ILLA DE SAN SIMÓN, nunha biblioteca que non para de inventar cousas coa rapazada que se achega cada recreo por alí...

 

Invitámosvos a que nos sigades en algún dos proxectos en marcha, ou en varios dos proxectos en marcha, ou... en todos!! Grazas pola vosa atención. Piquen por curiosidade e sígannos con cariño...

 

Distribuir contido